Alvaro García Linera, vicepresidente de Bolivia con Evo Morales, tamén tivo que exiliarse despois do Golpe de Estado. Moi emocionado polo resultado electoral, ven de conceder unha entrevista á revista arxentina “Crisis” da que extraemos algunhas das ideas que, ao noso parecer, poden resultar mais interesantes.
Ao longo da entrevista, de forma espontánea, case como si se tratase dunha psicanálise, García Linera realiza unha profunda exposición de como foi evolucionando a esquerda no mundo, desde a caída do muro, que tentaremos condensar:
Malos tempos para as forzas conservadoras
Segundo Linera, nos anos 80 e 90 as eleccións eran a ferramenta das forzas conservadoras, pero actualmente a democracia é un estorbo para as elites económicas. Isto non acontece só en Bolivia, por esa razón, estas elites teñen tentacións golpistas, afastándose das urnas.
Os movementos populares estanse facendo coa democracia representativa en Latinoamérica. Apareceron novas alternativas e as clases altas vanse arredando daqueles modelos de votación que tanto defendían.
O proxecto de libre mercado empezou a fracasar e non son quen de atopar unha alternativa. Hoxe é un mal momento para as forzas conservadoras, non poden predicir que vai suceder, e elas necesitan saber que vai pasar para tomar decisións.
Ante a incerteza, simplemente lle engaden ao vello proxecto novos autoritarismos e unha dose de racismo, odio e violencia. Pero non convencen coma podían facelo nos anos noventa, os da influencia da caída do muro de Berlín, de Margaret Thatcher e do suposto “fin da historia”, cando persuadían aos pobos de que non había outra alternativa, porque dicían que non era posible que as forzas populares e progresistas puideran alcanzar o poder desde a democracia.
O sentido da historia
A nova situación, está a provocar nas elites económicas unha regresión autoritaria do seu liberalismo, sen limites morais. Recorren ao golpe de Estado e outros métodos antidemocráticos para imporse e isto causa nos gobernos progresistas unha necesidade: ter que matinar cada día en como combater os intentos ilexítimos de recuperación de poder das antigas elites.
Neste sentido, sería necesario recuperar o debate que se deu nos anos setenta sobre si o Estado debe ostentar o monopolio da violencia. García Linera busca unha solución filosófica, cun concepto de Estado máis amplo, universal e particular á vez.
“O ano pasado os golpistas non derrotaron en Bolivia ao proxecto do MAS – di Linera – so paralizárono, e a nosa forza volveu renacer con pulo. En América Latina pode haber paralizacións nos avances, pero non retrocesos”. No Continente, se se aposta por beneficiar á xente sinxela, traballadora e necesitada, pode haber contratempos, pero vaise co sentido da historia neste momento. Isto ocorre porque hai unha memoria, como aconteceu en Bolivia. A lembranza da anterior xestión foi importante na vitoria, porque a xente puido comparala coa xestión no goberno de Áñez.
As vellas clases medias
Por outro lado, están as vellas clases medias. Durante os anos de presidencia de Evo Morales, o salario dun traballador nun pequeno taller pasou de 50 dólares a 300. O dun profesor universitario de 2000 a 2500. Mellorouse aos de abaixo e mantívose aos de arriba. As cargas impositivas incrementáronse para os ingresos mais altos, non para os máis baixos. Iso enervou a un sector da clase media. Non é un motivo directamente ideolóxico, senón material. A clase media duplicouse en número. As vellas clases medias deben competir agora coas novas que, ademais, son indíxenas.
Chamaron a nosa atención tres aspectos, das opinións manifestadas por Álvaro García Linera nesta entrevista
Postcapitalismo e socialismo
Ten que haber un réxime distinto ao capitalismo, pero iso non se resolve por decreto, leva o seu tempo.
A sociedade ten que ir democratizando as relacións da propiedade e de produción. Que emerxa o socialismo depende da sociedade. Os gobernos poden facer capitalismo de Estado, pero iso non é exactamente o socialismo. A capacidade do socialismo depende de que a sociedade controle as relacións de produción. Un goberno pode apoiarse nestas relacións e acompañar ao pobo no seu camiño, se se dan as circunstancias. Se a sociedade se radicaliza o goberno ten que apuntalala e seguir a avanzar cara o socialismo.
¿Como deben ser os liderados?
Os verdadeiros liderados constrúense desde abaixo, non desde o Estado. Iso é algo que non entenden as dereitas. Por iso non puideron contra Evo, porque Evo non necesitaba ao Estado para ser líder: xa o era antes e posiblemente o seguirá a ser articulando as bases, cosendo os colectivos.
Grazas a ese ascendente facilitouse a nova candidatura.
Por iso García Linera afirma que el se centrará desde agora en apuntalar líderes para o futuro. As renovacións de liderados requiren mais formación para levantarse das caídas, para evitar as tentacións, para ter un espírito de loita e non ser só xestores. Iso renaceu e viuse necesario agora, polo acontecido neste ultimo ano.
¿Por que se insistiu na reelección de Evo?
O MAS é un movemento moi amplo, formado por sindicatos e organizacións de base. Nunha Asemblea estatal realizada hai tempo polo MAS, con sindicados e cooperativas, tívose moito medo a unha segregación en diversos partidos, medo do característico fraccionamento da esquerda. Por iso se intentou, naquel momento, que se postulara Evo de novo.
Pero agora funcionou a alternativa unitaria, a causa da persecución do Goberno de transición- que asumiu o poder hai un ano – que non permitiu que o Evo Morales se puidera presentar ás eleccións do pasado mes de outubro. Iso colocou a todos no mesmo lado e viron o perigo real. Pechou o risco de fragmentación.