A ONU condena o bloqueo dos EEUU, que obriga a Venezuela a sobrevivir co 1% dos ingresos que tiña até hai pouco

O Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas, aprobou este martes, día 23, unha resolución contra o impacto negativo que teñen as medidas coercitivas, impostas unilateralmente por uns países contra outros, das que o caso mais evidente é o bloqueo contra Venezuela, establecido polos Estados Unidos e demais colaboradores, entre eles o Estado español. Esta resolución insta a eses países a eliminar as sancións, por ser contrarias ao dereito internacional e concretamente á Carta das Nacións Unidas.

A relatora especial da ONU, no seu informe elaborado en febreiro deste ano, recollía afirmacións tan impresionantes como que Venezuela, a causa do bloqueo, ten que sobrevivir co 1%  dos ingresos que o país estaba a ter até entón polas súas expotacións.

A finalidade de provocar esta falta de recursos é producir graves protestas internas, o que ate agora non ten acontecido pois, na memoria de moitos venezolanos pobres, ainda está a situación anterior, na que non tiñan acceso ningún á medicina, vivenda ou alimentos.

Este bloqueo forma parte da que se ven chamando guerra de cuarta xeración: unha forma de ataque “disimulado” e múltiple, que busca a subversión interna, e tamén o desprestixio externo, amparado na falta de información sobre as causas da crise económica no país.

Como consecuencia da crise de subministros, existe unha hiperinflación. Unha peza importante desta guerra sucia é a participación de mercenarios e grupos armados ao servizo dos narcotraficantes dende Colombia. De feito, a cocaina colombiana tamén ten o seu papel neste conflito. Este mércores, día 24, foi incautada case media tonelada na fronteira venezolana con Colombia

O pasado luns, día 22, produciuse, tamén nesa fronteira, un enfrontamento con forzas irregulares de mercenarios, distribuídos en seis campamentos e dotados de armamento e tecnoloxía moi sofisticados.

Estes paramilitares, que naceron e se criaron á sombra da cocaina colombiana, constitúen un grave perigo na mobilidade por certas estradas e están ao servizo de quen os financia, ca permisividade – cando non a colaboración – do Exército e o goberno de Colombia.

O propio Guaidó chegou a entrar e saír clandestinamente de Venezuela – hai ano e medio – escoltado pola famosa mafia de “ Los Rastrojos” coa que chegou a facerse un selfie.

Comparte:

Artigos recentes