O discurso máis breve

por Ana Mosquera

 

 

 

O discurso máis emocionante que oín nunca estaba formado por unha soa frase

En 1.992 unha representación da Irmandade Galega de Venezuela estaba de xira en Vigo. Traian un espectáculo de bailes tradicionais galegos e algún que outro “joropo”, para satisfacer aos galegos que viviramos en Venezuela e que constituíamos a practica totalidade do público.

As persoas que vivimos de nenos en varios países tendemos a ver con agarimo excesivo todo o que nos lembra os lugares dos que nese momento estamos lonxe. O joropo en Venezuela parecíame simplemente divertido. En Vigo vinte anos despois, por razóns que non consigo entender, humedecíanseme molestamente os ollos.

Era unha situación ridícula, que empeoraba por momentos, pois entre cada número intercalábanse cálidos discursos de venezolanos, fillos ou netos de galegos, que viñan a coñecer un país do que escoitaron falar. Tiñan unha imaxe alterada, pois os seus pais describíronlle unha terra e unha sociedade que xa non existen. Na miña biografía non hai motivación suficiente que xustifique semellante estado de inquietude. Síntome observada. Eu xustifico o moqueo incesante nunha rinite alérxica que sempre me sirve de subterfuxio nestes arranques excesivos de sensibilidade.

Miro ao redor. Son a única persoa emocionada na sala? Son as miñas ideas as que me fan sentir esta inquietude en todo o corpo ou esta susceptibilidade foime empuxando a unha visión máis filosófica.

Móvome incómoda na cadeira. Queda pouco. Un membro da comitiva vai pronunciar o seu discurso de peche. “Eu… non viña a Vigo desde hai corenta anos…”. Para. Comeza a removerse, debulla os ollos, treme. Intenta dicir algo máis, descubre que non ten voz e chora feliz, sen pudor. Xa o dixo todo. O público entregase, aplaude de pé coma se chorase tamén con el.

O breve discurso deste descoñecido membro da Irmandade galega venezolana resultou ser o discurso máis eficaz que oín nunca. Conseguiu comunicar todo o que tiña na cabeza e ao tempo espertou, nos que oiamos, o sentir que el ía comezar a relatar.