Vítimas dunha estafa económica e política: o retorno dos emigrantes venezolanos

Moitas ducias de milleiros de venezolanos deixaron o seu país neste últimos dous anos, abafados polas duras condicións de subsistencia provocadas polo bloqueo económico imposto polos Estados Unidos, e animados pola propaganda antichavista e maila promesa de “axuda humanitaria internacional”. Foi unha estafa económica e política co obxectivo de provocar o derrubamento do Goberno Bolivariano. Agora, desenganados, abandonados polos gobernos dos países de acollida e indefensos diante da pandemia, están a voltar masivamente a Venezuela

Unha viaxe de ida e volta

Nas últimas semanas víronse nas redes sociais textos e imaxes de camiñantes venezolanos. Desta volta, non aparecen nos grandes medios de comunicación, tampouco son citados nas declaracións de Trump nin polos gobernos da dereita latinoamericana, que tanto andaban a falar deles hai só un ano. Trátase de venezolanos, que volven camiñar polo territorio colombiano e doutros países veciños, pero esta vez de volta a Venezuela.

O 15 de abril, o xornal conservador “El Tiempo”, de Colombia, relataba: “Unha situación difícil sofre Cúcuta [cidade colombiana na fronteira con Venezuela] debido ao fluxo constante de emigrantes venezolanos que  están a voltar ao seu país dende hai un mes. O alcalde de Cúcuta sinalou que regresaron máis de 34.000 emigrantes. Diante da parálise comercial e sanitaria provocada polo covid-19, centos de venezolanos residentes en Ecuador, Perú, Chile e nas principais cidades de Colombia, decidiron voltar a Venezuela na procura de axuda.” Segundo esta mesma fonte, o alcalde doutra cidade fronteiriza colombiana, Villa del Rosario, declarou que “identificamos a máis de oito mil emigrantes amoreados en 400 casas. Este censo permitiunos coñecer a situación real na fronteira; cada día son máis os autobuses que seguen a chegar dende o interior do país.

Este novo desprazamento masivo, agora de volta, ten unha enorme carga humana e emocional: son emigrantes venezolanos nunha situación económica vulnerable, que literalmente están a ser botados á rúa, ignorados e desprezados nos países de suposta acollida e que optan por volver a Venezuela, nun traxecto que adoita demorar semanas. Agora traen o peso do estigma, do abandono e mais da xenofobia.

Dende hai dous anos, cada vez que -a meirande parte dos principais medios internacionais- se referiron  aos venezolanos que saían fóra do seu país, omitían que o bloqueo económico e comercial contra Venezuela bate á poboación con poucos recursos, o que lles provocou grandes privacións e un importante deterioro nas súas condicións materiais de vida.

A estafa da “axuda humanitaria” e a incautación de CITGO

Non obstante, as imaxes das emigrantes venezolanas que abandonaban o seu país, eran un pretexto moi útil para endurecer aínda máis o asfixiante bloqueo contra Venezuela. Non tiña importancia ningunha o feito de que as informacións estaban a ser manipuladas e terxiversadas; o verdadeiramente importante era vender a imaxe de que cumpría “axuda internacional” para socorrer ás “vítimas do réxime  chavista”, como pretexto para lexitimar o derrocamento do Goberno bolivariano.

Daquela, esaxeraron ata o absurdo o número de emigrantes que abandonaron Venezuela, mentres agochábanse as razóns subxacentes polas que estas persoas saían do país.

Aínda hai un ano, gran parte dos mais importantes medios de comunicación anunciaron, con gran rebumbio, que unha suposta “axuda internacional”  se ía levar mesmo ao interior do país caribeño, porque a estafa a costa dos emigrantes venezolanos, non só é económica, senón tamén política. Cando comezou o fluxo migratorio, Trump e mailos seus incondicionais aliados en Latinoamérica e Europa, así como a maioría dos medios de comunicación,  proclamaron a berros, ou con grandes titulares, a súa inquedanza polas condicións de vida dos venezolanos que se vían obrigados a abandonar o país.

Co pretexto desta “preocupación”, o goberno de Trump incautou valiosas empresas públicas venezolanas no exterior (coma CITGO) e cedeunas ao autoproclamado “presidente” Guaidó. Dese xeito, se estaba a dar un novo e duro golpe á economía de  Venezuela e se creaban as condicións para favorecer a malversación de varios milleiros de millóns de euros destinados -segundo anunciaran- á “axuda humanitaria”.

Non pasou moito tempo antes de que comezaran a aparecer en Colombia denuncias públicas, contra a comitiva dos amigos de Guaidó, por malversación e fraude no uso dos recursos da “axuda”. De feito, algúns dos principais promotores do bloqueo contra Venezuela pasaron a ser os principais beneficiarios dos fondos supostamente destinados á “axuda humanitaria”. Por exemplo, o Goberno colombiano de Iván Duque recibiu, nos últimos dous anos, máis de mil millóns de dólares destinados a esta finalidade.

Unha vez rematada a estafa, a emigración venezolana deixou de serlles útil, polo que comezou a recibir o trato xenófobo e racista que adoitan dar os gobernos de dereitas aos emigrantes pobres. Así, resultou que -os gobernantes dos países veciños de Venezuela (Colombia, Ecuador, Perú, …)- pasaron de estar “preocupados” pola situación humanitaria a asociar publicamente aos emigrantes co roubo e a criminalidade xeralizadas.

Volta á casa

Moitos dos emigrantes  venezolanos foran enganados con falsas expectativas, para animalos a marchar. Díxéranlles que en calquera outro país estarían mellor que en Venezuela. Infelizmente, a realidade amosoulles que iso non era certo.

Agora, a través das redes sociais, milleiros deles contan os seus pesadelos. Moitos piden ao goberno de Venezuela que os axude a regresar. Volven abafados polo rexeitamento, a exclusión e a xenreira. A última desgraza para moitos deles é ter que faceren o camiño de volta desamparados, ao descuberto e no medio da crise mundial de saúde máis grave dos últimos cen anos.

Mesmo un xornal tan pouco sospeitoso de chavista como “El País”, na súa edición do 15 de abril, vese obrigado a admitir que “é unha migración masiva de milleiros de persoas, con poucos recursos e baixo os efectos dunha pandemia que bate con mais forza  aos máis vulnerables. É a premisa dun fenómeno numéricamente incipiente, aínda que significativo, porque pon de manifesto o debate sobre a falta de atención aos emigrantes venezolanos”.  Ao se referir aos que comezaron o seu regreso, di que “obsérvanse grupos de camiñantes nas estradas colombianas , decidido a facer a pe, ou en autostop a longa viaxe ata á fronteira.” E engade: “Moitos dos venezolanos residentes en Colombia figuran entre os grupos máis vulnerables da sociedade, e perto de nove de cada dez están dentro do mundo da economía informal. Moitos xa volveron, moitos queren facelo e moitos que quedan en Colombia se atopan nas rúas.” O relato sobre os emigrantes conclúe con este comentario: “Desesperados diante dos problemas económicos e a xenofobia, sen protección xurídica, decidiron regresar do mesmo xeito que viñeron hai tres anos: sen luxos e moitas veces camiñando”

Volven á casa como fillos pródigos. O goberno venezolano recíbeos, acólleos provisoriamente en edificios públicos especialmente equipados, avalíaos con probas para detectar Covid-19 e mais con revisións médicas xerais e dálles comida (chegaron en centos de casos con desnutricións graves). Cando pasen a corentena, irán aos lugares que prefiran como os seus destinos. Serán benvidos.

 

Comparte:

Artigos recentes