Mario Benedetti no exilio e a Operación Cóndor

Mario Benedetti logrou cos seus poemas, os seus relatos curtos, as súas novelas e artigos que saboreásemos cada palabra e tivésemos a sensación de que escribía para cadaquén de nos. Sempre gustei de que falase de amor, de loita, de fútbol, mesturando todo, coma na vida acontece.

Estando Benedetti no exilio no Estado español, conseguimos un número de teléfono onde sabían del. Deixamos recado. Queríamos que dera unha charla organizada polo COSAL, Comité de Solidariedade con América Latina, que foi unha das primeiras organizacións internacionalistas do noso país. Coma moitas persoas exiliadas de América Latina, Mario Benedetti vivía con moitas precaucións para evitar a súa localización polos servizos de intelixencia das ditaduras, da CIA e a entusiasta colaboración de moitos corpos de seguridade. Eran os tempos da “Operación Cóndor”, inspirada por Henry Kissinger, responsable da política exterior dos EUA que foi a guía de todos os Golpes de Estado, secuestros, torturas e asasinatos perpetrados nese continente e noutros naqueles anos 70-80 do pasado século. Tamén actuaban no exilio.

Eduardo Galeano contou que Benedetti cando vivía exiliado en Buenos Aires, nos tempos do terror, levaba cinco chaves alleas no seu chaveiro: cinco chaves, de cinco casas, de cinco amigos, as chaves que o salvaron. Nalgúns lugares chave é sinónimo de amigo, de amiga.

Consuelo, a compañeira do COSAL que contactou, deixara o seu número de teléfono e a cada vez que chegaba a casa preguntaba se tiña chamado Mario Benedetti. O pai, retranqueiro, dicía. ”Non, pero García Márquez si, que o chames ”ou” el non, pero Cortázar si” e así…ata que un día chamou Mario Benedetti!. Falaron, el desculpouse, non  lle era posible vir, quedaría para outra ocasión, pero si quería aclarar algo, el non daba conferencias, só as lía, porque falaba mal. Moitos anos despois, nunha sala ateigada de xente en Vigo, presentado por Méndez Ferrín, Mario Benedetti leu unha conferencia. Logo aceptou preguntas e falou, sen ler, marabillándonos ao público presente.

 

Mario Benedetti deixou de colaborar co xornal “El País” en 1984, despois de dous anos, despedíndose nun histórico artigo que facía mención á historia da presenza dos pobos ibéricos no continente americano, da súa acollida nos seus exilios económicos ou políticos. Por iso non aturaba máis o insulto de “sudaca” que tanto escoitaba e as referencias descualificadoras de estranxeiro, de terceiromundista.

Agora Mario Benedetti tería case 100 anos. A súa palabra, sempre sabia, segue vixente.

Comparte:

Artigos recentes