A última incursión armada en Venezuela: “contratistas”, traizón e malos negocios

Segunda incursión desbaratada, logo da tentativa de incursión do pasado 3 de maio na costa da Guaira, onde morreron oito paramilitares e foron capturados outros dous, na mañá de onte, luns 4 de maio, un grupo de pescadores capturou outros dez mercenarios, mentres tentaban entrar en Venezuela, nunha embarcación, á altura de Chuao. Entre os detidos nesta segunda operación atópanse dous estadounidenses, con pasaportes a nome de  Luke Denman e Airan Berry.

O presidente Nicolás Maduro, nunha intervención televisada que fixo na madrugada de hoxe, 5 de maio, informou que, como consecuencia dos dous intentos de incursión militar marítima do grupo de mercenarios, había mais de cen detidos, incluidos os asaltantes e os seus apoios internos no país. A operación, dixo, estaba prevista para o 10 de marzo, sen embargo foi adiada debido ao fracaso dunha convocatoria que fixera Juan Guaidó, para que a oposición saíse á rúa e, nesa situación, “desatar un conxunto de actos violentos no país ”.

 

A participación de Guaidó

O fiscal xeral de Venezuela, Tarek W. Saab, informou onte, 4 de maio, da suposta participación do autoproclamado “presidente” Juan Guaidó no intento de incursións armadas destes dous últimos días. “Hai probas abafantes que o vencellan como autor intelectual destas tentativas”, baixo a dirección de Leopoldo López (daquela, refuxiado na embaixada de España en Caracas) e para as que contaban co asesoramento do desertor venezolano Clíver Alcalá.

A acusación contra Guaidó inclúe un contrato cun empresario estadounidense, Jordan Goudreau, ex-militar e director executivo da compañía de seguridade  Silvercorp USA, con sede en Florida.

O contrato, do que hai probas públicas e notorias, está asinado por Guaidó e estipula un pago total de 212 millóns de dólares para a organización dunha operación militar, chamada “Operación Gedeón”, dirixida a asasinar a Nicolás Maduro e a derrocar ao goberno de Venezuela. Este documento está asinado, ademais de polo dirixente opositor e o ex-marine estadounidense, por Manuel J. Retuerta, do despacho de avogados Retureta & Wassem, que ten de defendido a “capos” latinoamericanos do narcotráfico (entre eles ao coñecido xefe paramilitar colombiano, Salvatore Mancuso) e por J.J. Rendón, outro coñecido autoexiliadovenezolano en Miami, experto en guerra suxa informativa e fake news e asesor de campaña do ex-presidente colombiano, Santos.

 

Feitos encadeados

O fiscal xeral sinalou que este novo acto de agresión está apoiado e financiado polo goberno dos Estados Unidos de Donald Trump e o goberno colombiano de Iván Duque. Engadese a unha serie de feitos vinculados entre si, que comezaron con outra tentativa de asasinato contra o presidente Nicolás Maduro, en agosto de 2018 e foi seguid polo intento de invasión, baixo a camuflaxe de “axuda humanitaria”, levada a cabo en febreiro de 2019  en Cúcuta, na fronteira de Colombia con Venezuela.

Dous meses despois, o 30 de abril de 2019, produciuse un intento de golpe de estado, dirixido por Guaidó e o ultradereitista Leopoldo López (quen, dende entón, está aloxado e ptotexido na embaixada española en Caracas).

Un “contratista” especial

Unha investigación da axencia de noticias estadounidense Associated Press, revela que, tralo fracaso dese intento de golpe de estado, algúns dos seus protagonistas reuníronse no hotel Marriott, de Bogotá para planear novas accións contra Venezuela.

Un dos “convidados” fora o citado Goudreau, que xa formara parte do equipo de seguridade de Juan Guaidó no concerto “Live Aid” (na fronteira de Cúcuta), e que, segundo un dos terroristas capturados, Gustavo Adolfo Baduel, definíase a si mesmo como parte do equipo de seguridade de Donald Trump, do mesmo xeito que os dous estadounidenses capturados en Venezuela.

Goudreau corresponde ao perfil empregado con frecuencia polo goberno dos Estados Unidos para realizar agresións militares, intentando así ocultar as súas responsabilidades nos crimes de guerra. O mercenario estadounidense, declarou publicamente o domingo, 3 de maio, que -aínda que o negan- as autoridades colombianas sabían que había un grupo de homes na fronteira, á espera da orde de invadir Venezuela.

 

Vencellos de “fidelidades”

Despois dos intentos de agresión armada, dos días 3 e 4 de maio, Guaidó intentou desvencellarse do desertor Clíver Alcalá e do mercenario gringo Jordan Groudeau.

O militar desertor Clíver Alcalá, fuxiu da xustiza venezolana e se atopa nos Estados Unidos, desde onde afirmou ser o planificador da operación.

Pola súa banda, Jordan Goudreau, mercenario norteamericano e veterano de guerra das tropas estadounidenses en Iraq e Afganistán,  é o principal colaborador de Clíver Alcalá, e dirixiu tres campos de adestramento en Colombia co fin de asasinar a Nicolás Maduro e outros líderes bolivarianos e provocar un golpe de Estado.

Nunha entrevista realizada o pasado 3 de maio, pola xornalista autoexiliada Patricia Poleo, no seu programa “Agárrate”, Goudreau afirmou que Juan Guaidó -ao que vencellou directamente coa dirección e o financiamento da agresión armada- traizoarao e negouse a pagarlle os cartos que lle prometera. Engadiu que o contrato que asinou para asasinar a Nicolás Maduro e derrocar o goberno de Venezuela, foi violado e incumprido por Guaidó. “Nunca vin este nivel de traizón na miña vida”, dixo.

 

Confianza neutralizada

Pouco antes, a Axencia Associated (AP) publicara un informe asinado polo xornalista Joshua Goodman, no que Goudreau afirmaba que “o levantamento, previsto para que cadrara no tempo co asasinato de Nicolás Maduro, tiña unha mala planificación, disputas entre políticos e unha forza mal adestrada, con poucas posibilidades de gañar”.

Aínda así,  amosara a  súa confianza en  supostos líderes como os capitáns Robert Colina, alias ‘Pantera’, e Antonio José Sequea.

Non estivo atinado: ‘Pantera’ foi abatido durante o enfrontamento ocorrido o domingo na costa da Guaira, mentres que Sequea e outros sete mercenarios foron capturados onte por un grupo de pescadores en Chuao, un pobo da costa de Aragua, no norte do país.