Colombia: o asasinato de líderes sociais medra durante a pandemia

En Colombia, ser defensora ou defensor de dereitos humanos básicos adoitase pagar coa vida: até o 18 de xaneiro deste ano 2020, asasinaron un líder social por día e mais de 800 dende 2016, segundo a organización Indepaz, citada pola BBC. O país é, ademais é o lugar máis perigoso do mundo para ser sindicalista, segundo a Confederación Sindical Internacional, debido a que tamén é o país con maior número de sindicalistas asasinados dende hai moitos anos.

Por se non abondase, e a pesares de que -debido á gravidade do problema- na constitución de 1991 prohibíronse os enterramentos conxuntos de cadáveres non identificados, para evitar que os grupos paramilitares e as forzas armadas do país desaparecesen xente, ano tras ano séguense a atopar fosas comúns.

Para completar o cadro, tratase do país no que até hai apenas un par de anos, os militares asasinaban a labregos pobres e vestíanos de guerrilleiros para cobrar recompensas por “dar de baixa” a membros dos grupos rebeldes.

O número de defensores dos dereitos humanos non deixa de aumentar

Todo o anterior non ten a intención de mostrar Colombia, país precioso e cun pobo amable, como un lugar horribel.

A intención dos parágrafos anteriores é só dar contexto ao resto do artigo, xa que quen teña obtido a súa información polos grandes medios de comunicación occidentais, e non se poida informar a fondo do tema, podería pensar que Colombia cada día está mellor e ademais é un refuxio de paz comparado coa súa veciña Venezuela, pais ao que esa caste de situacións sonlle alleas, pero que de crermos a eses mesmos medios de comunicación, é un inferno na terra.

Volvendo ao comezo do texto, no país cafeteiro asasinan líderes sociais por centos, consistentemente, ano tras ano, sen que o seu goberno teña tomado ningún tipo de medidas que poidan evitalo. Concretamente, entre os anos 2012 e o 2016, nos que se negociaba a paz coa guerrilla das FARC, o número de homicidios de líderes sociais foi máis de seiscentos por ano e, dende a sinatura do acordo de paz e a entrega das armas dese grupo rebelde en 2016, teñen sido asasinadas entre 300 e 500 dirixentes comunitarias, mulleres e homes, as veces diante dos seus propios fillos e mesmo estes teñen sido asasinados como castigo aos seus proxenitores.

Repítese a masacre da Unión Patriótica

Ademais, e seguindo o modelo da masacre dos militantes do partido político Unión Patriótica que -entre 1984 e o 2002- deixou polo menos 4153 vítimas, cando a guerrilla das FARC tentou deixar por primeira vez a loita armada pola política parlamentar, para atoparse co homicidio dos membros desa coalición política. Dende 2016 xa van mais de 100 membros asasinados da ex-guerrilla, agora desarmada e convertida en partido político.

A Oficina da Alta Comisionada de Dereitos Humanos da ONU (OACNUDH) critica no seu informe a falla de acceso á xustiza que “perpetúa ciclos de impunidade e violencia”, e indica que a Fiscalía Xeral da Nación só ten alcance efectivo na metade do país pola falla de presencia estatal en moitas partes do país.

O informe salienta a cuestión dos asasinatos de líderes sociais, a maior parte deles pertencentes a grupos indíxenas e afrocolombianos, así como os ataques ás Xuntas de Acción Comunal, rexistrando 108 asasinatos no 2019 , o que significa, segundo a OACNUDH, un aumento do 50% fronte a 2018.

Respecto aos ex-combatentes das FARC, a Misión de Verificación da ONU indicou, en decembro pasado, que en 2019 foron asasinados 77 ex-guerrilleiros, fronte a 65 en 2018 y 31 en 2017. A estes 173 súmanse 14 desaparecidos e 29 intentos de asasinato.

As mortes medran durante a pandemia do COVID-19

O ano 2020 non semella ter comezado mellor, xa que, ate o 30 de abril, houbo 84 homicidios de líderes sociais, entre eles o dun líder coa súa filla e a súa neta, segundo a organización Indepaz que ademais denuncia que a maioría deles son a materialización de ameazas feitas o ano pasado. Dende a sinatura do acordo de paz as cifras suben ano tras ano.

Poderíase matinar que, polo menos, durante o confinamento debido á pandemia do COVID-19 a masacre tería unha pausa. Pois non só non está a acontecer así, senón que o número de asasinatos incrementouse, como consecuencia da obriga da poboación, incluídos os líderes sociais de permanecer nas súas casas, polo que convírtense nun alvo fácil. Tal foi o caso  de Alexis Vergara, un delegado sindical do norte da rexión do Cauca, que foi asasinado o 13 de marzo,  Tras del, o 19 de marzo asasinaron a tres líderes sociais mais en Putumayo, Antioquia e Norte de Santander, entre eles a Marcos Rivadeneira, un dirixente agrario. O caso mais dramático das primeiras semanas da crise tivo lugar o catro de abril cando foron asasinados Hamilton Gasca e dous dos seus fillos; a súa muller e outro fillo conseguiron escapar; pois ían a por toda a familia, xa que era a compañeira de Hamilton a principal líder social.

Só na rexión do Cauca, dende o comezo da decreto de alarma en Colombia pola crise do coronavirus, foron asasinadas 13 persoas líderes das súas comunidades, o que levou á ONU a elevar unha denuncia polo caso.

Dereitos humanos, autoridades cómplices e medios silandeiros

O que fai o panorama aínda mais complicado é que a poboación denuncia que a forza pública semella ausente nestes casos, cando non é directamente cómplice.

Todo o comentado é especialmente grave se temos en conta que, en Colombia, chaman líderes sociais a persoas que defenden dereitos humanos como sindicalistas, ecoloxistas, defensores comunitarios, representantes de pobos indíxenas ou afrodescendentes, o que implica que á perda de vidas súmase a perda de dereitos para o pobo mais humilde de Colombia.

Ademais, todo o anterior acontece no medio dun silencio maioritario dos medios de comunicación, incluíndo os do Estado Español que -agás dignas excepcións- non fan mención de todas estas situacións. Se non fora tráxico, sería cómico que os mesmos medios de comunicación que semellan ignorar estas mortes de civís inocentes colombianos, sexan os máis dilixentes á hora de aparentar preocuparse polos dereitos humanos de calquera golpista recorrente, detido no seu país veciño, Venezuela, mesmo que no teñan indicio ningún de que non fosen respectados.

Comparte:

Artigos recentes