Do barrio de Salamanca a Caracas, sen moverse

Venezolanos dereitistas moi ricos, como Leopoldo López, se están a instalar na “milla de ouro” de Madrid.
[Foto de Carmen Suárez]

No leste do casco urbano de Madrid, está o cerne dos residentes con mais cartos da capital do Estado español: alí atópanse os comercios mais caros, os restaurantes de mais nivel, a meirande parte das sedes das grandes empresas e os coches mais luxosos: é a “milla de ouro” do barrio de Salamanca.

Semella que os seus residentes dan sinais de desacougo. Nestes últimos días, houbo cazoladas na rúa e dende os balcóns. Aínda que, os manifestantes din que esas protestas son  ”para que non nos tiren a nosa liberdade”, os cidadáns de a pe non parecen concordar  con ese punto de vista.

Patriota por decreto

Nunha luxosa morada do barrio, vive un deses individuos economicamente privilexiados: o rico empresario venezolano Leopoldo López Gil, a quen Mariano Rajoy -cando era presidente do Goberno- concedeulle a nacionalidade española “por circunstancias excepcionais”, tramitada de urxencia e mediante un Real Decreto feito á medida.

[Foto de RCM-radio]
Pouco tempo despois, e tamén por sorpresa, Rajoy nomeou a “don Leopoldo” (como o trata algún xornal), candidato ao parlamento europeo nas eleccións de hai un ano. Daquela, o novo cidadán español por decreto, manifestou que a súa meirande motivación era levar a voz do pobo venezolano á Eurocámara; dito e feito: o pasado verán, cos votos do grupo parlamentar do Partido Popular Europeo foi elexido nada menos que coordinador da Subcomisión de Dereitos Humanos do parlamento europeo. Seica ha ser por iso que o Pablo Casado, comparou recentemente, a “don Leopoldo” e mailo seu fillo, co Nelson Mandela.

Surrealismo macabro

Aínda que a comparanza poida semellar surrealista para o pai, no caso do fillo, Leopoldo López Mendoza  sería puro humor macabro, se non agochara outras intencións. Entre as súas moitas fazañas, este  integrante da seita ultradereitista “Tradición, Familia e Propiedade”, promoveu nos barrios ricos de Caracas -hai seis anos- manifestacións moi violentas (“guarimbas”) contra do Goberno de Venezuela, que provocaron a morte de 43 persoas e incluíron agresións tan brutais como a dun home que foi linchado e queimado vivo “por negro e chavista”.

No lugar de Caracas onde aconteceron feitos coma estes, moraba  Leopoldo López, pai (o fillo -que tamén vivía aló-  achantouse na embaixada de España en Venezuela). Esa é a área residencial dos ricos caraqueños, situada no leste da cidade, lonxe dos barrios pobres.

Así que, cando se trasladou a Madrid, e escolleu unha luxosa vivenda, no número 82 da rúa Hermosilla, no cerne da “milla de ouro” seguramente  non atopou diferenzas importantes coa contorna da súa residencia en Chacao. Aínda mais, até ten unha veciñanza chea de compañeiros de “negocios” do seu país de orixe; tanto é así que  algúns medios de comunicación chaman ao barrio “little Venezuela” .

Pois logo, as cazoladas, os berros anticomunistas dende as xanelas das mansións, os coches de luxo a convocar a protestas e outras iniciativas semellantes, terán feito que “don Leopoldo” e maila súa cuadrilla, se atopen en Madrid coma se estivesen no seu selecto mundo de Caracas.

O mesmo xeito de poñerse as bandeiras

Como describe o galego-venezolano Farruco Sesto “eu xa o teño visto, ou -mellor dito- o ando a ver dende hai moitos anos. O mesmo xeito de poñerse as bandeiras como capas. Os mesmos berros de “liberdade, liberdade, liberdade”.  A mesma consigna de “dimisión xa”. As mesmas cazolas en mans dos ricos. O mesmo fedor da dereita moi reaccionaria enfrontándose ao goberno. Os mesmos medios de comunicación amplificando o xesto e dándolle voz. As mesmas redes activándose. A mesma xerarquía eclesiástica, a ofrecer a súa achega”.

[Foto da axencia Efe]
“Entón – continúa – o neofascismo de Caracas, agora vémolo reproducido en Madrid. É, se cadra, tamén unha oportunidade para revisar a nosa opinión sobre o caso de Venezuela e, para que a esquerda “civilizada” española, entenda un pouco mellor á esquerda bolivariana”.