Chile 1973-Venezuela 2020

Cada pobo ten a súa realidade, cada circunstancia é única, pero a historia, o estudo do pasado, ten que servirnos para camiñar. Aprendemos máis das derrotas ca das vitorias.

O acoso que está a padecer Venezuela lembra ao que sufriu Chile dende o triunfo electoral da Unidade Popular, coa candidatura encabezada por Salvador Allende, en 1970, que culminou no golpe de estado do 11 de setembro de 1973, e que levou ao goberno a Augusto Pinochet, quen sería o primeiro en experimentar as políticas económicas neoliberais no mundo impulsadas pola escola de Chicago.

 

Vitoria da Unidade Popular en Chile

A coalición da Unidade Popular (UP), formada principalmente por comunistas e socialistas, triunfou por pouca marxe, pero de xeito apoteósico. Allende viña de proclamar que ía rematar cos monopolios, en mans dunhas ducias de familias, que nacionalizaría o crédito, que expropiaría os latifundios, que recuperaría para Chile as súas riquezas fundamentais: as grandes minas de cobre, carbón, ferro e salitre. En Chile nese momento morrían cada ano 25.000 menores antes de chegaren ao primeiro ano de vida a causa da distrofia, o 15% da poboación era analfabeta. O 46% da renda estaba en mans do 2% das familias. Os monopolios ianquis obtiñan cada día un millón e medio de dólares de entón.

Coa UP fixéronse accesíbeis á poboación os servizos de ensino e atención médica. Todas as criaturas recibían cada día medio litro de leite. Os consorcios Anaconda, Kennecott. ITT, General Motors, General Electric, Ford Motor, Exxon, quince monopolios da República Federal Alemana, oito de Gran Bretaña, e varios mais de Holanda, Italia, Xapón e Suiza e importantes bancos estadounidenses, ingleses e alemáns pasaron a mans do pobo de Chile. O acoso, dirixido polo secretario de estado de EUA, Henry Kissinger, sufrido polo goberno da UP foi paradigmático. Os comandos de “Patria y libertad”, de extrema dereita, asasinaban e secuestraban dirixentes da UP. Chile padecía un bloqueo económico por parte dos EUA, un boicot por parte da patronal, un asedio político do partido Democracia Cristiá, un bombardeo constante da prensa burguesa.

 

Morre Allende pero quedan as ideas

Allende morreu ese día e tamén foi asasinado o proxecto común chileno. Para moitas persoas no mundo o proceso todo significou comezar coa militancia. Estudamos o caso chileno, comparámolo con outras realidades, nomeadamente coa ditadura franquista, e tomamos conciencia. Eran tempos de escoitar Quilapayún, Inti illimani, Víctor Jara, Violeta Parra… A dignidade foi máis influínte ca o medo.

Aprendemos que a puntual sociedade suíza, a tranquilidade cerimoniosa de Inglaterra, a casa da pradería ianqui, a vangardista Holanda, a eficacia xaponesa, a organizada Alemaña, tiñan sentido porque existían outros pobos que non eran donos das súas fontes de riqueza, que as metrópoles explotaban amparadas na violencia do sistema.

Aquel 11 de setembro de 1973, cando lle cortaron as mans a Víctor Jara, cando bombardearon o Palacio da Moeda, cando Salvador Allende foi asasinado logo de facer un dos discursos máis fermosos da historia, a esperanza foi ferida de morte.

Cando sabemos das agresións que está a sufrir Venezuela, cunha manipulación informativa que vivimos aquí case insuperable, é inevitable pensar no Chile da Unidade Popular, en todo o proceso, cos erros, coas características propias, pero que serven de exemplo para aprender e para non cometer -chegado o momento- os mesmos erros.

*Baseado en dous artigos que publiquei en “A nosa terra” no 2002 e no 2006

Neste link:

Lembranza do concierto de Silvio Rodriguez no Estadio de Chile no fin da dictadura

 

Comparte:

Artigos recentes