Posiblemente a nova máis importante do ano para Venezuela

A chegada de cinco barcos iranianos, cargados con gasolina para as refinerías venezolanas, podería ser un dos eventos máis relevantes no ano no país de Bolívar.

Ten unha implicación política e estratéxica importante, porque desafiou o bloqueo estadounidense e situou á Administración Trump nunha posición difícil para defender a súa campaña de “máxima presión”, que inclúe un bloqueo económico e financeiro asfixiante para os pobos venezolano, cubano e iraniano.

A tensión internacional estivo a medrar durante a semana pasada e, cando os barcos iranianos se achegaron ao mar do Caribe,  creceron as especulacións sobre se os Estados Unidos usaría a súa flota de guerra para evitar que acadasen o seu obxectivo.

        Unha provisión vital

As refinerías venezolanas foran instaladas, hai ben de anos, con tecnoloxía americana, da que tiñan unha dependencia absoluta. Aínda que o bloqueo económico dos Estados Unidos a Venezuela se fixo oficial en 2017 xa, varios anos antes, os provedores estadounidenses se negaron a a vender equipos e recambios ás refinerías venezolanas, que remataron por colapsar o seu funcionamento

A empresa pública venezolana CITGO – establecida nos Estados Unidos  e con varias refinerías nese país – que era esencial para facilitar a adquisición de equipos e subministracións para o refino de petróleo, foi incautada polo goberno de Trump hai pouco máis dun ano  e entregada ao unilateralmente proclamado “presidente” Juan Guaidó  quen -logo de arruinala – ven de deixala en mans dun fondo-abutre.

 

Sede de Cirgo en EEUU

Para facer fronte ás paradas progresivas na produción de gasolina, provocadas polo bloqueo tecnolóxico e financeiro dos Estados Unidos, Venezuela dirixiuse ao mercado internacional. Hai varios meses, o goberno dos Estados Unidos, a través do seu “representante especial para Venezuela”, Elliot Abrams, anunciou a ampliación das sancións sobre as subministracións ligadas á actividade enerxética venezolana.

Ameazas e máis ameazas

As graves ameazas de Trump para as compañías petroleiras internacionais que operaban no país caribeño, obtiveron resultados inmediatos, xa que as multinacionais advertidas decidiron “conxelar” as súas relacións comerciais con Venezuela.

Para facer fronte á crítica situación, o goberno bolivariano chegou a un acordo con Irán co obxectivo do aprovisionamento de gasolina e  fornecementos destinados a recuperar a actividade das súas refinerías. Con base nese acordo, cinco barcos iranianos cargados con máis dun millón e medio de bidóns de gasolina, saíron ao mar cara a Venezuela.

O goberno dos Estados Unidos reaccionou axiña, ameazando – esta vez a Irán – de tomar represalias se teimaban na súa decisión de enviar combustible a Venezuela, e insinuaron que estaban a considerar a posibilidade de evitar a chegada dos petroleiros iranianos ás costas de Venezuela.

O 16 de maio, a axencia de noticias iraniana Fars informou que a armada estadounidense enviara catro buques de guerra ao Caribe, para un posible encontro cos petroleiros de Irán. Segundo este informe, os barcos enviados polos Estados Unidos foron: o USS Detroit (LCS-7), o USS Lassen (DDG-82), o USS Preble (DDG-88) e o USS Farragut (DDG- 99), xunto cun avión de recoñecemento e ataque a barcos.

 

Irán promete “unha acción decisiva” contra a piratería dos Estados Unidos

Ao día seguinte, 17 de maio, o ministro de Asuntos Exteriores de Irán, Mohamad Yavad Zarif, enviou unha mensaxe contundente ao secretario das Nacións Unidas, António Guterres, na que cualificou as ameazas de Washington como ilegais, perigosas e provocadoras , “diplomacia de canoneiros” e “piratería marítima”, advertindo que eran un perigo para a paz e a seguridade internacionais.

Zarif tamén recordou que o goberno dos Estados Unidos sería responsable das consecuencias de calquera movemento ilegal que poidera ocorrer e engadiu que o goberno de Teherán “se reservaba o dereito a tomar todas as medidas necesarias, incluídas accións decisivas.” Voceiros próximos ao goberno, mesmo deron a entender que Irán podería bloquear o tráfico marítimo no estreito de Ormuz (a saída natural para a enorme produción de petróleo da península arábiga), se Washington ameazase aos petroleiros iranianos que transportaban combustible cara a Venezuela.

Voces diferentes, a mesma contundencia

Só dous días despois, o ministro de Defensa iraniano, o xeneral Amir Hatami, confirmou que calquera acto de piratería por parte dos Estados Unidos contra petroleiros iranianos, incluídas posibeis interrupcións ao paso dos buques, tería unha resposta categórica: “Xa afirmamos claramente que non imos aturar interferencias . Os estadounidenses e os demais son conscientes de que non dubidaremos en reaccionar. Se o acoso se intensifica e continúa, sen dúbida terán unha resposta firme.”

Ese mesmo día, 19 de maio, o portavoz do goberno de Irán enviou outra mensaxe clara: a esixencia de que se respecte o seu dereito a realizar actividades comerciais con calquera país do mundo, de acordo coa normativa da Organización Mundial do Comercio. (OMC). E engadiu: “Estados Unidos ten unha historia de piratería (… ) pero, se comete ese erro, reservámosnos todas as opcións e imos dar respostas proporcionais para preservar a liberdade de navegación e impoñer un custo sen precedentes polas ilegalidades

 

Grafiti en Iran

Venezuela tamén alertou á ONU sobre o “uso inminente da forza

De xeito similar, o embaixador de Venezuela na ONU, Samuel Moncada, enviara, o pasado venres, día 22, unha carta ao secretario xeral da ONU, informándolle da “ameaza de uso inminente da forza militar polos Estados Unidos  contra 5 buques iranianos que transportan gasolina a Venezuela “, cualificándoo como un “acto de guerra establecido no Dereito Internacional “.

Solidariedade de Irán

Irán foi vítima de sancións dos Estados Unidos desde 1979, que se reforzaron coa chegada de Trump e afectaron seriamente á súa industria petroleira.

As medidas de Washington provocaron unha caída moi forte da produción de petróleo no que vai de ano ; agárdase que sexa a peor dos últimos 30 anos.

Ao diminuír a produción de petróleo, tamén o fixo o refinamento de gasolina, de xeito que o seu consumo doméstico de gasolina está racionado no país.

Así que Irán non ten gasolina dabondo, polo que estes cinco petroleiros enviados a Venezuela representan un esforzo titánico para a nación persa.

Misión cumprida

Ao remate, tras unha tensa viaxe de aproximadamente dúas semanas, durante as que cruzaron de beira a beira o mar Mediterráneo, o Océano Atlántico e o mar Caribe, os barcos iranianos están a acadar o seu obxectivo e, con el, unha tripla vitoria:

  • Para Venezuela, xa que -deste xeito- a súa industria petroleira dispón de tempo e abastecemento dabondo para retomar a actividade  das súas refinerías.
  • Para Irán porque, a súa determinación e solidariedade, permitíronlles ratificar que poden desafiar con éxito a pretensiosa superioridade dos Estados Unidos
  • Para a soberanía dos pobos, porque como sinala un comentarista a chegada dos barcos iranianos a Venezuela semella un sinal do comezo do fin do imperio militar dos Estados Unidos.

 

Comparte:

Artigos recentes