Hai 58 anos dunha histórica revolta cívico-militar en Venezuela

A diferenza doutros países latinoamericanos, en Venezuela a unión entre o pobo e as forzas armadas ten fondas raíces.

Un dos mais importantes acontecementos históricos que o confirman foi a revolta, alcumada o “Porteñazo“, ocorrida hai 58 anos, na cidade de Puerto Cabello, sede da base naval máis importante do país. Houbo máis de 400 mortos e foi un precedente do levantamento que liderou Hugo Chávez, case 30 anos mais tarde.

Catro anos antes do “Porteñazo”, en 1958, tamén a unidade de acción do pobo e boa parte das Forzas Armadas derrocaran ao ditador Marcos Pérez Jiménez (quen atopou acougo en España, onde finou -no ano 2001- no luxoso barrio madrileño da Moraleja).

Pouco antes do derrocamento de Pérez Jiménez, os dous principais partidos políticos venezolanos, asinaran en New York un acordo para alternarse no goberno, e así manteren o control do país fora das opcións da esquerda.

Nas eleccións presidenciais que seguiron -e en base ao pacto asinado – Rómulo Betancourt foi elixido presidente de Venezuela, cun programa electoral democrático, do que prescindiu radicalmente poucos meses despois para impoñer medidas cada vez máis impopulares.

Fidel Castro, describirao  deste xeito: “O farsante e o simulador Rómulo Betancourt, foi o mellor aliado dos Estados Unidos e, ao mesmo tempo, o inimigo máis baixo e máis vil do pobo de Venezuela. El foi tamén o principal cómplice de ataques piratas, actos terroristas, agresións e bloqueo económico de Cuba”.

Ao sair elexido, Betancout promulgou unha lei de reforma agraria, na que prometía aos labregos a entrega de terras e outros beneficios, que nunca se aplicaron. Nas cidades, o desemprego comezou a agudizarse, polo que os traballadores protestaron e foron reprimidos violentamente; o mesmo aconteceu co movemento estudantil, que esixía dereitos democráticos. Tan só catro meses despois do nomeamento de Rómulo Betancourt como presidente, unha manifestación de desempregados, á beira da Praza Bolívar, en Caracas, foi reprimida a tiros, provocando catro mortos.

Comezou a espallarse un cada vez mais fondo malestar contra do goberno, de xeito que xurdiron revoltas, como as acontecidas na Barcelona venezolana (xuño de 1961) e en Carúpano (maio de 1962).

Apenas un mes despois desta última, sublevouse a guarnición da base naval de Puerto Cabello, aliada con diferentes organizacións da esquerda social e política. O levantamento, a prol da mellora da situación das clases populares, da democracia e da independencia do país, tivo éxito durante uns días, nos que controlou tanto a base naval e os seus buques, como toda a cidade.

Pero foi reprimido a sangue e lume, con bombardeos de aviación e artillería e asaltos masivos. Os sublevados resistiron heroicamente rúa a rúa até que non puideron mais. Tiveron 400 mortos, que foron recollidos con palas mecánicas e botados a fosas comúns. Os 63 sobreviventes foron torturados brutalmente e condenados a 1.200 anos de cadea.

Dende aquela, o goberno de Betancourt levou a cabo unha persecución xeneralizada contra as organizacións de esquerda, que continuou en sucesivos gobernos durante moitos anos despois, dando a oportunidade á CIA a probar métodos de tortura e exterminio que mais tarde utilizou nas ditaduras militares que se estableceron en Arxentina, Chile e Uruguai.

A represión non sufocou  as protestas contra dos gobernos “de quenda”. Os graves problemas do país seguían sen resolverse e o descontento das clases populares provocou estoupidos, como o “caracazo“, no 1989, no que morreron asasinados varios centos de manifestantes .

Pouco despois, en marzo de 1992, Hugo Chávez encabezou unha nova insurrección cívico-militar. Malia que daquela non tivo éxito (“polo de agora”, como el declarara entón), os seus obxectivos se acadaron en 1998 cando foi elixido presidente do país.

Comparte:

Artigos recentes