O ESTADO PLURINACIONAL DE BOLIVIA

O 25 de xaneiro de 2009 o pobo boliviano aprobou en referendo a nova Constitución Política do Estado. No artigo 1º di: “Bolivia constitúese nun Estado Unitario social de dereito Plurinacional Comunitario, libre, independente, soberano, democrático, intercultural, descentralizado e con autonomías. Bolivia fúndase na pluralidade e o pluralismo político, económico, xurídico, cultural e lingüístico, dentro do proceso integrador do país.”

O Estado denomínase unitario porque resgarda a integridade do territorio nacional e garante a unidade entre os bolivianos.

É comunitario porque revaloriza as diversas maneiras de vivir en comunidade, as súas formas de economía, de organización social, política e a cultura, institúe os principios de solidariedade, reciprocidade, complementariedade e dunha mellor distribución da riqueza con equidade e porque asume e promove como principios éticos-morais, aqueles que rexen a vida en comunidade das nacións e pobos indíxenas orixinarios campesiños.

É plurinacional porque recoñece o pluralismo como principio, o pluralismo político, recoñece diferentes formas de democracia, a liberal e a comunitaria e a composición dos poderes do Estado respectando a preexistencia das nacións e pobos indíxenas orixinarios campesiños. O pluralismo económico recoñece catro formas de organización económica: a comunitaria, a estatal, a privada, e a social cooperativa. O pluralismo institucional recoñece unha estrutura territorial onde existen formas diferentes de organización institucional: departamentos, municipios, provincia e a autonomía indíxena.

Que este modelo de Estado sexa descentralizado e con autonomías significa que a organización institucional do mesma toma en conta a distribución de poder público a nivel territorial, porque existen aínda departamentos cun réxime descentralizado e outros que accederán de maneira máis rápida á autonomía plena.

A estrutura do novo modelo de Estado Plurinacional implica tamén que os poderes públicos teñan unha representación directa dos pobos e nacións indíxenas orixinarias e campesiñas, segundo usos e costumes, e da cidadanía a través do voto universal.

No artigo 2 di “ Dada a existencia precolonial das nacións e pobos indíxena orixinario campesiños e o seu dominio ancestral sobre os seus territorios, garántese a súa libre determinación no marco da unidade do Estado, que consiste no seu dereito á autonomía, ao autogoberno, á súa cultura, ao recoñecemento das súas institucións e á consolidación das súas entidades territoriais, conforme a esta Constitución e a lei.”

É nación e pobo indíxena orixinario campesiño toda a colectividade humana que comparta identidade cultural, idioma, tradición histórica, institucións, territorialidade e cosmovisión, cuxa existencia é anterior á invasión colonial española. Exercerán as súas funcións xurisdicionais e de competencia a través das súas autoridades.

Son idiomas oficiais do Estado o castelán e todos os idiomas das nacións e pobos indíxenas orixinarios  campesiños, que son  aymara, araona, baure, bésiro, canichana, cavineño, cayubaba, chácobo, chimán, ese ejja, guaraní, guarasu’we, guarayu, itonama, leco, machajuyaikallawaya, machineri, maropa, mojeño-trinitario, mojeño-ignaciano, moré, mosetén, movima, pacawara, puquina, quechua, sirionó, tacana, tapiete, toromona, uru-chipaya, weenhayek, yaminawa, yuki, yuracaré e zamuco.

O acceso á auga e rede de sumidoiros constitúen dereitos humanos, non son obxecto de concesión nin privatización e están suxeitos a réxime de licenza e rexistros, conforme a lei.

Dende o primeiro momento, a dereita e as transnacionais opuxéronse de xeito integral.

Logo do golpe de estado desaparece de facto o estado plurinacional.

Comparte:

Artigos recentes