O curioso embaixador que non ve, non oe e non se explica ben

O embaixador do Estado español en Venezuela, Jesús Silva, fora nomeado, en marzo do  2017, por Mariano Rajoy e aínda segue no cargo. Como ocorreu cos virreis coloniais, que só rendían homenaxe á coroa, dá a impresión de que no seu territorio manda máis que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Esa predilección polos Borbóns, venlle da familia. O seu pai, nacido en Compostela, mudouse a Andalucía, onde compatibilizou -durante o franquismo- diversos cargos públicos coa súa condición de asesor de Juan de Borbón, pai de Juan Carlos.

O actual embaixador en Venezuela, na mesma liña paterna, foi casualmente compañeiro de estudos de Luis Alfonso de Borbón -neto de Franco- quen se proclama pretendente á coroa de Francia e -outra casualidade de vida- ven de ser acusado de fraude múltiple polos seus negocios bancarios na Venezuela.

                                                                                Non se explicou ben

Cando asumiu o cargo, dixo “España seguirá a traballar en todo o que significa a reconciliación entre venezolanos e a prosperidade do país”. Se cadra, non se explicou ben porque, só uns meses despois, foi declarado persoa “non grata” por Nicolás Maduro e expulsado de Venezuela durante unha tempada.

Quizais, sería porque, como comentara daquela un experto en dereito internacional: “España foi o país que liderou o esforzo para facer realidade as sancións contra Venezuela. A embaixada española en Caracas é un enlace crucial para a oposición, con toda Europa”.

Ao regreso a Venezuela, Silva, sen dúbida coa súa teima de “promover a reconciliación dos venezolanos”, acolleu como refuxiado na embaixada a Leopoldo López Mendoza, quen viña de dirixir un intento de sublevación militar, que fracasara estrepitosamente.

                                                             Leopoldo López: un home pola “reconciliación”

Entre as  numerosas fazañas do ex parlamentario opositor venezolano, que é membro da seita de extrema dereita “Tradición, Familia e Propiedade” e xefe do partido -tamén da extrema dereita- “Voluntad Popular”, está ter participado en tres intentos de golpe de estado e promovido nos barrios ricos de Caracas – no 2014 – manifestacións moi violentas contra o Goberno, que provocaran a morte de 43 persoas e incluíron ataques tan brutais como o sufrido por un home que foi linchado e queimado vivo “por negro e chavista“.

 

Desde entón, hai máis dun ano, Leopoldo López seguiu levando dende a embaixada intentos violentos de derrocar ao goberno bolivariano. Para o último -no mes de maio – alcumado “Operación Gedeón“, Leopoldo López incluíu entre os seus obxectivos o asasinato do presidente de Venezuela;  preparouno de vagar e avaliou seis propostas de empresas de mercenarios e negociou con cada unha delas, ata escoller a mellor oferta.

                                                                          O artigo do “Wall Sreet Journal”

Esta información foi publicada o pasado 26 de xuño no xornal estadounidense  “The Wall Street Journal”, pouco sospeitoso de simpatía chavista. Nun artigo titulado “O líder da oposición venezolana dirixiu a operación para liquidar a Maduro“, ofrece detalles concretos do papel decisivo que Leopoldo López ten para aprobar e preparar ataques violentos contra o goberno venezolano.

Poucas horas despois da publicación dese artigo, o xefe da oficina latinoamericana do “Wall Street Journal”, Juan Forero, entrevistado pola antichavista canle colombiana NTN-24. afirmou que – segundo informacións das que dispón o seu xornal – Leopoldo López segue a ser o “home forte” do partido de Voluntad Popular e, polo tanto, el é quen dá as ordes, xa que se trata dun partido moi xerarquizado.

Tamén afirmou que “a idea de xestionar a situación en Venezuela, na procura dunha solución violenta (como defende o refuxiado na embaixada de España), non funcionou e foi un atranco para a oposición”

                                                                           Acusacións moi graves

Ao día seguinte da publicación do artigo, o portavoz do goberno venezolano – Jorge Rodríguez – compareceu ante os medios de comunicación. Ofreceu novas informacións e probas sobre a pasividade do embaixador español en Caracas e afirmou claramente: “Todos os elementos que levaron á incursión militar armada (do mes de maio) foron planificados na sede da residencia do Goberno de España”

Durante a comparecencia, fixo publicamente as seguintes preguntas-acusacións específicas contra o presidente do goberno español:

  • ¿Está de acordo en que, na súa sede, houbera reunións e negociacións entre Leopoldo López e Juan Guaidó con polo menos seis empresas de  mercenarios?
  • ¿Ten algo que dicir sobre o feito de que todas as accións da incursión militar armada (do pasado mes de maio), que contaron coa participación de notorios narcotraficantes de Colombia, se planificaran na residencia do embaixador?
  • Que pasaría se un español, refuxiado na embaixada de Venezuela en Madrid, planificara accións alí para pór bombas e asasinar ao xefe do estado? E, se o soubese, que faría o Goberno de España?
  • ¿Sabe que a carta dos insultos contra José Luis Rodríguez Zapatero, asinada por Juan Guaidó, foi escrita por Leopoldo López na residencia do embaixador? Insultan a un expresidente e o goberno de España non vai dicir nada?
  • ¿Sabe que Leopoldo López segue a teimar en facer videoconferencias dende a embaixada, co único obxectivo de planificar o asasinato do presidente Nicolás Maduro?
  • ¿É un acto diplomático de alto nivel que se lle permita a Leopoldo López ter planificado todas as actividades que denuncia The Wall Street Journal?

                                                                                      Silenzo cómplice

Como era de agardar, non houbo -que se saiba- resposta ningunha do Goberno. E o virrei colonial Silva, que non ve, non oe, non se explica e dá a impresión de que no seu territorio manda máis que Pedro Sánchez.

Leopoldo López, ás portas da residencia da embaixada na que está refuxiado, declarou aos medios de comunicación que todo era mentira, incluído o informe documentado do “The Wall Street Journal”.