“Red avispa” ou de como Hollywood trata por fin o terrorismo do exilio cubano en Miami

A cadea de pago Netflix, de cando en vez, presenta algún documental, película ou serie producida fóra das canles habituais.

Se hai un par de anos puidemos ver o docudrama do director chileno Miguel Littin, “Allende en su laberinto”, no que se recreaban as derradeiras horas do presidente chileno, desde a súa saída de casa até a súa controvertida morte na Moneda, desta vez a sorpresa vén dada polo film  “La Red Avispa”  do director francés Olivier Assayas.

A película é sobria e sen grandes concesións á propaganda norteamericana. A estrea fíxose no festival de cine de Venecia e pasou a Netflix cunhas pequenas adaptacións.

Conta a historia, moi coñecida en Cuba e bastante descoñecida en Europa, de cinco axentes  de  intelixencia da illa que se infiltraron na oposición cubana en Miami, unha oposición liderada por un coñecido Raúl Mas Canosa, o mesmo que acabaría arruinando en España Sintel unha filial de Telefónica, e polos mercenarios Ramón Medina e José Basulto, que baixo a cobertura da Fundación Cubano Americana e da asociación  “Hermanos al rescate” que baixo a suposta finalidade de salvar de balseiros, en realidade levaban a cabo constantes incursións ilegais no espazo aereo de Cuba e sobre a cidade da Habana.

Aínda que a trama está centrada fundamentalmente na vida cotiá  dun dos axente cubanos e a súa muller, interpretados por Edgar Ramírez e Penélope Cruz, pódese dicir que os verdadeiros protagonistas da pelicula son os dirixentes da oposición cubana afincados en Miami, que de forma impune captan “rateros” en Centroamérica para poñer bombas na Habana, cóbranlle cantidades abusivas aos cubanos que queren emigrar a Miami e trafican con armas.

Na película, o goberno de Clinton decide poñer os axentes cubanos en mans da “xustiza”, pese a que só investigaban a cubanos en actividades ilegais, nunca ao goberno americano. Parece que a realidade foi un pouco diferente e Clinton tería sido informado ademais dalgún outro asunto relativo a súa seguridade.

A película está interpretada por un actor venezolano Edgar Ramírez, por Penélope Cruz, que gana moito con acento cubano, polo brasileiro Wagner Moura (Pablo Escobar en “Narcos”, o mexicano Gael García Bernal, o arxentino Leornardo Sbaraglia e a cubana Ana de Armas.

Resulta de agradecer o compromiso destes actores, todos moi coñecidos na comunidade latina de Estados Unidos ao ver o enfado que a película está a causar en Miami.

 

 

Os cinco protagonistas da verdadeira historia

Comparte:

Artigos recentes