Un parlamento que só bota foguetes de feira

AXV

¿Alguén imaxina un parlamento que non pode propor leis? Pois ese “cadrado do círculo” existe e chámase Parlamento Europeo.

Un europeísta convencido contao así: “ten unha responsabilidade finxida de xeito que, na realidade, non actúa en absoluto coma un Parlamento, senón que mais ben utiliza esa aparencia para ocultar a ausencia total dunha actividade que mereza ese nome” (Nota 1).

Se cadra é por iso que tenta facer que fai, ás veces con declaracións que semellan foguetes de feira. A última é sobre Venezuela.

                                                                                                             A facer que se fai

Esta opinión é confirmada – sen pretendelo – polo Ministerio de Asuntos Exteriores español, cando – ao tentar explicar o “papelón” do Parlamento Europeo na aprobación das leis, di: “o procedemento de consulta prevé que o Consello Europeo consulte ao Parlamento. Non obstante, non está obrigado pola posición do Parlamento senón só pola obriga de consultalo“.

Debe ser por ese interese de aparentar unha “responsabilidade finxida” (á que se refería Varoufakis), que a maioría conservadora do parlamento europeo tenta, de cando en vez, botar algún foguete de feira, para dar a impresión de que están a facer algo, mesmo que que sexa ridículo.

Se cadra, pola coñecida lei de Murphy de que, “cando algo vai mal, sempre pode ir a peor”, o Grupo Popular Europeo, maioritario nesa institución, designou – hai un ano – como coordinador da Comisión de Dereitos Humanos, a un tal Leopoldo López Gil.

                                                                                                       Defensores dos dereitos humanos

                                                                                  

Este venezolano que, entre outros méritos, foi presidente da Academia Venezolana de Gastronomía e fundador e asesor da cadea de restaurantes Pica-Pica,, estableceuse hai cinco anos en Madrid, no barrio de Salamanca. Pouco despois da súa chegada, Mariano Rajoy outorgoulle a nacionalidade española “por circunstancias excepcionais”, mediante un decreto tramitado de urxencia

Pouco tempo despois foi engadido como candidato do Partido Popular, á lista electoral para a Eurocámara.

Dende os primeiros intres, “Don Leopoldo” afirmou que a súa principal motivación para presentarse era “levar a voz do pobo venezolano” ao Parlamento Europeo. Entón, o Grupo Popular Europeo, sempre preocupado pola situación dos dereitos humanos no mundo, nomeouno coordinador desa comisión.

Por unha desas coincidencias da vida, o fillo do flamante coordinador e protexido de Rajoy, o ultradereitista Leopoldo López Mendoza, integrado na secta “Tradición familia e propiedade”,  foi o instigador -ai poucos anos- de protestas moi violentas nos barrios máis ricos de Caracas, que provocaron case 50 mortes provocadas por manifestantes. Tamén tentou un golpe de Estado, que fracasou estrepitosamente, tralo que correu a achantarse na embaixada de España desde onde segue a promover a violencia.

                                                                                                                Minte, que algo queda

Nun Parlamento que nin sequera pode propor leises, non semella que “as súas señorías” estean abafadas de traballo, polo que -de cando en vez- fan  que fan, para xustificar os seus cativos salarios (perto de 12.000 euros / mes).

Deste xeito, os europarlamentarios do Partido Popular escolleron algo tan orixinal entre eles coma faceren outra declaración mais contra Venezuela. E iso foi o que aprobaron o pasado venres día 10.

O texto teima na ladaíña cotián de mentiras sobre o país bolivariano, sen facer sequera o máis mínimo esforzo para tratar de argumentar algunha delas. Mírase que teñen ben gravada a idea de Göbbels (o ministro de Propaganda da Alemaña nazi) de que “unha mentira repetida mil veces convértese nunha verdade“, así que voltan sempre ca mesma leria.

                                                                                                            O calote da crise migratoria

A declaración do Parlamento, soa sinistra dende o seu título “Situación humanitaria en Venezuela e a crise migratoria dos refuxiados”, porque -no nome dunha suposta “axuda humanitaria” (que nunca se repartiu) intentouse invadir o territorio venezolano. E o calote da crise migratoria fíxose evidente dende a chegada da pandemia, co regreso de máis de 50.000 venezolanos ao seu país de orixe nos últimos meses.

Resulta especialmente contraditoria a suposta preocupación sobre a “situación humanitaria”, coa esixencia de ampliar as sanción  contra Venezuela,  recollida no mesmo documento. E é que as chamadas “sancións contra o réxime de Maduro” son, en realidade, o nome amable co que os Estados Unidos se refiren ao brutal bloqueo que impuxeron a Venezuela, que na práctica impide o acceso do pobo venezolano a alimentos, menciñas e outros produtos básicos.

Do mesmo xeito, os parlamentarios europeos que votaron a favor do documento, xustifican a recente apropiación por Inglaterra de 1.000 millóns de dólares en ouro pertencentes a Venezuela”, nuna intres nos que, a causa do bloqueo económico, o país precisaba facer uso deses cartos.

                                                                                                                 Nin Trump o quere

Ao tempo, a declaración do Parlamento Europeo, di recoñecer a Juan Guaidó como presidente interino de Venezuela, de acordo coa constitución venezolana.  Alén da evidencia de que, neste intre,o Guaidó xa non é do agrado de Trump, o documento “esquece” que, en Venezuela, a elección do presidente faise por votación popular directa, non a través da Asemblea Nacional, e o Guaidó nin sequera participou nas eleccións presidenciais.

Ao remate, para enguedellar aínda mais a confusión, o documento di que houbo “un intento de golpe de estado para evitar a reelección de Juan Guaidó como presidente da Asemblea Nacional de Venezuela”, cando o ocorrido é que perdeu a maioría, porque unha parte dos deputados da oposición retiráronlle o seu apoio

Non deixa de chamar a atención que, neste asunto, os eurodeputados socialistas votaron a prol da proposta do Grupo Popular Europeo, malia as teimudas declaracións do ex-presidente Rodríguez Zapatero, quen traballou arreo para acadar unha negociación plural en Venezuela

Poida que facer parte dun Parlamento que nin sequera pode propor leis, remate por trabucar a perspectiva dalgúns dos seus membros.

 

 

Notas

(1) Yanous Varoufakis – ¿Y los pobres sufren lo que deben? – Ediciones Deusto – 2016 – Epílogo – Páx. 339