Aniversario da xesta sandinista

AXV

Un 19 de xullo, hai 41 anos, un pobo valente e digno – os “nicas” – dun país que está no centro do continente americano, derrotou a unha das ditaduras máis brutais de Latinoamérica –creada e apoiada polos Estados Unidos– que levaba 42 anos no poder. Foi a proeza da insurrección do Frente Sandinista de Liberación Nacional.

Nicaragua, está situada entre o océano Pacífico e o mar Caribe. No seu territorio, 4,5 veces maior que o de Galicia, hai selvas, montañas, sabana, volcáns e un dos lagos máis grandes do mundo.  Ten 6.300.000 habitantes (máis do dobre que no ano 1979, cando triunfou a revolución)

                                                                                                            O heroico Sandino

Dende a súa independencia de España, sempre tivera enriba a bota ianqui. No 1912, os Estados Unidos ocuparan o pais militarmente, para impedir que se construíse alí un segundo canal interoceánico, que puidera competir co de Panamá, a piques de ser inaugurado.

Unha guerrilla, comandado por Augusto César Sandino, conseguiu sucesivas vitorias, ata que, en 1933, os militares estadounidenses abandonaron fisicamente o país, aínda os EEUU mantiveron o seu control.

Antes de marchar, organizaron e adestraron a un exército mercenario – a “Garda Nacional” – baixo o mando dun gran terratenente no que confiaban: Anastasio Somoza García.

                                                                                                       A sinistra saga dos Somoza

Cando os soldados estadounidenses se retiraron, Sandino desmobilizou a súa guerrilla. Pero foi asasinado pouco despois por Anastasio Somoza, quen axiña se proclamou presidente; permaneceu no cargo durante case 20 anos, até que no 1956 foi axustizado

A Anastasio Somoza sucedeuno, por un breve período, o seu fillo Luís, quen faleceu sete anos despois, en 1963, de morte natural. Coma se fose unha monarquía, outro fillo do fundador da dinastía, tamén chamado Anastasio asumiu a xefatura do Estado.

Apoiado pola Garda Nacional, mantivo a sangue e lume o control do país. Dedicouse ao roubo a gran escala, de tal xeito que -cara ao final do seu mandato- era unha das persoas máis ricas de todo o continente.

                                                                                                                    Xurde o FSLN

Mentres tanto, diferentes organizacións de esquerda que foran xurdindo, confluíron para desenvolver a loita armada, baixo o nome de Frente Sandinista de Liberación Nacional  (FSLN)

O FSLN tomou como referencia as ideas antiimperialistas e o xeito de loita realizada con éxito – corenta anos antes – por Augusto César Sandino. E foise implantando no país todo, tanto nas cidades como no campo.

                                                                                                        Punto de inflexión

No ano 1972, Managua sufriu un devastador terremoto que destruíu completamente o centro da cidade e foi seguido por incendios incontrolados durante dúas semanas. O número oficial de falecidos foi duns 20.000, aínda que se considera que o número real foi moito maior.

A axuda internacional, que chegara a Nicaragua, para os 300.000 superviventes que, sumaba varios miles de millóns de dólares. Pero Anastasio Somoza roubou o diñeiro. Foi o punto de inflexión da ditadura somocista.

As folgas e mobilizacións populares, así como as accións guerrilleiras comezaron a ser cada vez máis frecuentes. En resposta, a represión da ditadura tamén foi ampliando os seus obxectivos: en 1978, asasinou ao propietario do mais importante xornal do país, que tentara amosar unha liña crítica.

                                                                                                             Ofensiva final

O FSLN decidiu preparar unha gran ofensiva. En agosto dese ano, un dos seus comandos ocupou o Congreso nunha ousada operación, que logrou liberar presos políticos e a saída dos guerrilleiros sen unha soa vítima.

Nos meses seguintes sucedéronse varios levantamentos populares en distintas cidades do país: León. Matagalpa, Estelí, … que a Garda Nacional reprimiu causando numerosas mortes entre a poboación civil. Foi o comezo do fin do somocismo.

En xuño de 1979, o Frente de Liberación Nacional Sandinista principiou a súa “ofensiva final”, que partiu simultaneamente desde todas as frontes guerrilleiras e, ao tempo, chamaba á poboación a unha folga xeral. O éxito amosábase imparable.

Somoza respondeu ordenando o bombardeo indiscriminado das cidades, que ían sendo liberadas polo FSLN. Finalmente, ante o inevitable da derrota, fuxiu no seu avión privado, ateigado co ouro que viña de roubar no Banco Central de Nicaragua.

                                                                                                   Revolución popular sandinista

O 19 de xullo de 1979, o “Frente” entrou triunfalmente en Managua, nomeou un Goberno de Reconstrución Nacional e iniciou a Revolución Popular Sandinista, que levou a cabo unha reforma agraria, nacionalizou a banca e proclamou a economía mixta.

Realizouse unha intensa campaña de alfabetización que, en poucos meses, conseguiu reducir drasticamente 0 analfabetismo que abranguía a máis da metade da poboación.

Creáronse servizos de educación e saúde gratuítos e universais, ben dotados de profesionais, recursos e instalacións. Os Comités de Defensa Sandinista (CDS) botaron a andar para organizar a poboación nos barrios e os pobos, e organizáronse milicias populares.

Mentres,  o Anastasio “Tachito” Somoza fuxira a Paraguai onde outro ditador, Stressner deulle acubillo e protección. Non durou moito. Un ano despois, foi axustizado cun “bazukazo”.

                                                                                                       Eleccións e reconquista

En 1984 celebráronse as primeiras eleccións presidenciais, que gañou o candidato da FSLN, Daniel Ortega, con máis de dous terzos dos votos.

Pero o imperialismo non agardou. Con métodos semellantes aos que está a utilizar agora contra Venezuela: agresións militares (a sádica “contra” nicaragüense) bloqueo económico, sabotaxes, penurias inducidas e campañas de falsidades nos medios para desmoralizar á poboación, conseguiu -uns anos despois- desbancar da presidencia do país ao FSLN.

Pero foi só por un tempo. Dende hai 14 anos, unha coalición liderada polo Frente Sandinista, con Daniel Ortega á cabeza, retomou a presidencia. Nas últimas eleccións, celebradas hai cinco anos, Daniel Ortega obtivo o 72% dos votos, a porcentaxe máis alta para un candidato desde o triunfo da Revolución Sandinista. E os ianquis seguen sen poder pousar alí as súas botas.