O portaavións dos EEUU en Latinoamérica

Adoita acontecer na vida cotiá que, situacións aparentemente inmutables, cambian cando menos agardamos. Isto tamén sucede na realidade social e política. Colombia, neste momento, é unha boa mostra.

Dende a súa independencia de España, a elite colombiana controlou firmemente o país. Mesmo a súa meirande ameaza recente, as FARC (a guerrilla máis forte de Latinoamérica), asinou hai 4 anos un acordo de paz co Goberno, despois de máis de medio século de loita,

A oligarquía semellaba ter motivos para celebralo. Parecía “o final da historia” sen calquera posibilidade de cambio de rumbo. Pero ao “portaavións dos EEUU en Latinoamérica” (como lle din algúns analistas) comezaron a xurdirlle problemas.

Un país “fiable”

Logo da guerra de independencia, a oligarquía colombiana acaparou con tanta cobiza as riquezas do seu territorio que, actualmente, Colombia é o cuarto país do mundo con maior desigualdade social.

Cada vez que esa elite consideraba que a súa posición estaba en risco, interviña con puño de ferro. Por este motivo, os EEUU seguen a consideralo o país máis fiable en Latinoamérica para os seus intereses, de tal xeito que   – a diferenza do que sucedeu con países veciños-  non houbo un só presidente de Colombia que cuestionase a súa submisión aos EEUU.

Só, a mediados do pasado século, un candidato á presidencia con grandes perspectivas de ser elixido – Jorge Eliécer Gaitán – quixo cambiar o rumbo das cousas. Pero foi asasinado, o que provocou unha insurrección popular afogada en sangue, unha onda de mobilizacións sociais que continuaron polo país todo durante varios anos e o xurdimento da organización guerrilleira FARC .

Paramilitarismo e narcotráfico

Hai case 20 anos, foi elixido presidente de Colombia un terratenente vencellado ao paramilitarismo e ao narcotráfico, Álvaro Uribe, quen buscou o seu propio espazo político á sombra do “Plan Colombia”.

Este Plan, de intervención militar USA co pretexto de loitar contra a guerrilla – entrou en vigor xusto despois de que Hugo Chávez fora elixido presidente de Venezuela.

E, pouco despois, chegou Uribe , quen – dende entón – está a exercer o control político do país, ben de xeito directo (2002-2010). como a través de candidatos propostos por el, incluído o actual presidente, Iván Duque.

Uribe logrou convencer á opinión pública colombiana -incluído un sector das clases populares- de que a causa de fondo dos problemas do país non eran o narcotráfico, a impunidade das multinacionais petroleiras ou a apropiación ilegal de terras, senón que eran as guerrillas, polo que o Estado debería empregarse con firmeza para derrotalas.

 A curiosa “seguridade democrática”

A partires desta mentira, Uribe aplicou – co apoio dos EEUU – nas zonas rurais nas que operaban os guerrilleiros, unha política de terra arrasada, represión a eito e terror entre as poboacións , incluíndo o asasinato dos líderes sociais. Esta política, amparada polo silencio dos medios de comunicación, foi presentada á opinión pública co nome de “Seguridade Democrática”.

Un exemplo destas accións foron os chamados “falsos positivos”: o asasinato de máis de 6.400 labregos, que foron vestidos con roupa militar, baixo a falsa acusación de que eran guerrilleiros. Outra referencia, é que a  ONU, nun informe publicado no pasado marzo, identifica a Colombia como o país máis perigoso do mundo para os defensores dos dereitos humanos.

Pero, a situación social e política está a dar sinais de cambio, e a referencia do “portaavións dos EEUU en Latinoamérica” comeza a ser cuestionada

Movilizacións e votos

Un deses sinais, é a división da elite colombiana logo do acordo coas FARC. Unha parte da oligarquía, preferiu unha solución negociada. Pola contra, Uribe e os seus dicían que querían unha vitoria militar sobre a guerrilla.

Doutra banda, ao tempo que as FARC se desmobilizaban e o conflito armado perdía protagonismo, xurdiron conflitos urbanos, sociais e políticos, que ata agora apenas se amosaban. Aínda mais, como o goberno e os medios de comunicación culparan as FARC do tráfico de drogas e da violencia nas zonas rurais, agora a poboación pregúntase quen segue a exportar drogas, a cometer asasinatos selectivos no campo e a desprazar masivamente pola forza ás familias labregas.

De feito, nas últimas eleccións presidenciais -celebradas hai dous anos- o candidato alternativo ao uribismo que, por primeira vez non era de dereita ou centro dereita, senón da esquerda moderada, alcanzou  case o 42% dos votos.

Aínda mais recente, no pasado mes de outubro celebráronse eleccións rexionais, co resultado dunha gran derrota para Uribe, pero tamén para os partidos políticos tradicionais.

Varias semanas despois, convocouse un “paro nacional” que durou dous meses, cun nivel de mobilizacións populares descoñecido dende había moito tempo. Alén de reivindicacións salariais e dereitos básicos, os manifestantes protestaron contra do asasinatos de líderes sociais, indíxenas e ex-guerrilleiros, e esixiron o cumprimento do acordo de paz coas FARC

Mesmo algunhas institucións gobernadas pola dereita, comezan a marcar distancias cara aos EEUU. Por exemplo, no pasado mes de xuño, o Consello de Estado, e o presidente do Senado, protestaron publicamente pola chegada de tropas USA a Colombia, supostamente para loitar contra o narcotráfico.

Estes signos evidentes de cambio, tamén chegaron á máxima institución xudicial colombiana, o Tribunal Supremo, que o pasado día 4, decidiu a detención domiciliaria do Álvaro Uribe.  É a primeira vez que acontece tal cousa na historia do país, cun presidente ou ex-presidente. Pero Uribe, ten abertas 270 causas xudiciais, por delitos de asasinatos, complicidade en masacres e apoio a paramilitares. Aínda que – até agora – todas elas estaban paralizadas polo Congreso, semella que se abriu a veda.

A realidade social e política de Colombia está a cambiar. E parece que ao “portaavións dos EEUU en Latinoamérica” se lle comeza a sublevar a tripulación.

 

 

Comparte:

Artigos recentes