A loita do MST brasileiro

No segundo país do mundo con maior desigualdade social, Brasil, nos últimos meses, as multinacionais do agronegocio acrecentaron as súas ganancias, coa exportación de monocultivos e carne de vacún, a costa da degradación das condicións de vida da poboación rural.

Ao tempo, a devastación da natureza: terras, bosques, augas e subsolo, está a medrar sen tregua, especialmente para os indíxenas e os habitantes dos “quilombos” (territorios ocupados por antigos escravos)

O goberno tamén está a aproveitar a pandemia, para introducir normas, como a que podería legalizar a ocupación por latifundistas de terras indíxenas e maila deforestación de 80 millóns de hectáreas na rexión amazónica.

Os datos oficiais indican que. en xullo, o número de lumes nestes territorios medrou un 77%, en comparación co mesmo mes de 2019. Tamén a deforestación creceu un 60% dende a chegada do Bolsonaro.

As mulleres, principais vítimas

Ademais, naquelas áreas dominadas pola agroindustria e a minería a gran escala, agrávase a discriminación contra das mulleres, en forma de violencia e desigualdades sociais e salariais. Así, a degradación do medio ambiente, a explotación laboral e as violacións, avanzan conxuntamente.

E, na selva amazónica, sen comida e sen lei, morrer de fame, violencia ou coronavirus semellan ser as únicas opcións para moitas mulleres.

O Movimento dos Trabalhadores Rurais sem Terra

En resposta a estes abusos, xurdiu o Movimento dos Trabalhadores  Rurais sem Terra (MST), hai máis de 30 anos. O MST loita por recuperar a terra e cambiar radicalmente as condicións de vida da poboación, abandonada e privada de dereitos en gran parte do rural e tamén nas favelas das grandes cidades.

A súa forma de loita habitual é a ocupación de terras improdutivas, á beira das que establecen os seus campamentos, acosados pola policía ou por sicarios, de xeito que máis de 1.700 militantes do MST foron asasinados por este motivo.

Nos seus campamentos e asentamentos viven máis de 150.000 familias, que non só reciben asistencia sanitaria, educación e formación profesional de balde, senón que os seus ingresos medios son case 4 veces superiores ao salario mínimo no Brasil.

Para a produción agrícola, organízanse en cooperativas, ás que o MST ofrece asesoramento técnico e créditos practicamente sen interese. Defenden a agricultura ecolóxica, apoiada en tecnoloxía.

“Se queres aguacates, non podes plantar limoeiros”

Para o MST, que está presente en 24 dos 26 estados do Brasil. o camiño é a mobilización e a organización en tódolos ámbitos da sociedade. E tenta facelo, dende agora, cos mesmos criterios e do mesmo xeito que agardan para o seu modelo de sociedade do futuro: organizacións autónomas, participativas, democráticas e solidarias.

Salienta o  protagonismo das mulleres, Por exemplo, as súas estruturas duais de coordinación territorial poden estar integradas por dúas mulleres, ou unha muller e un home, pero nunca por dous homes.

Coma di Gilmar Mauro, da coordinación nacional: “Se queres aguacates, non podes plantar limoeiros. E, se queremos unha sociedade diferente, solidaria e igualitaria para mulleres e homes, iso non vai acontecer por unha milagre cando chegue o día, senón que se debe construír a partir de agora”

O campamento “Quilombo Campo Grande”

En 1988, en Minas Xerais, unha empresa de agroexplotación chamada CAPIA – dedicada ao cultivo da cana de azucre – declarouse en bancarrota e pechou, como consecuencia da infertilidade do chan, empobrecido polo seu monocultivo.

Os traballadores, dirixidos polo MST, ocuparon as terras abandonadas e comezaron un proceso de produción, que permitiu a recuperación do solo.  Nesta finca, chamada “Quilombo Campo Grande” estableceron 13 campamentos (de nomes tan suxerentes coma “Rosa Luxemburgo” ou “Chico Mendes”).

Agricultura ecolóxica fronte á agroexplotación

Agora, esa terra produce alimentos agroecolóxicos, plantáronse centos de árbores e volveron brotar fontes que estaban secas.

Dende que comezou a pandemia, esta finca doou – como outros campos e asentamentos do MST – toneladas de alimentos destinados á poboación do campo e das favelas urbanas, para os que a crise sanitaria tamén é unha crise alimentaria.

Pero a zona na que se atopa a finca, ven de ser avaliada como unha das mellores para o cultivo de café, o que espertou a cobiza das multinacionais. Por iso, aínda que o MST reclamou – dende o comezo da ocupación – que estes terreos foran incluídos na reforma agraria, as familias do campamento estaban a recibir ameazas e violencia da policía e de mercenarios

Violencia contra da escola

O pasado 12 de agosto, as 450 familias acampadas no “Quilombo Campo Grande” foron atacadas pola policía, á que resistiron durante máis de 50 horas até que tiveron que desaloxar. Aínda que a superficie reclamada no xulgado polos donos era de 26 hectáreas, o xuíz duplicou a superficie até 52, polo que mesmo foron expulsadas familias que estaban fóra da finca.

A policía tamén derrubou as vivendas e a escola do campamento, chamada “Eduardo Galeano” na que se daba ensino a nenos e adultos. Se cadra, foi en cumprimento da promesa do Bolsonaro de pechar todas as escolas nos campamentos do MST.

Esta caste de loitas, mantense polo país todo. Boa parte da historia do pobo brasileiro é de loita contra os grandes latifundios e a devastación que os acompaña: expulsión de labregos das terras, apropiación de territorios indíxenas, deforestación no Amazonas e asasinato da poboación (maioritariamente negra) expulsada do campo, que vive nas favelas

Entrevistamos ao coordinador nacional do MST

O MST loita pola terra, contra o agronegocio e por unha sociedade máis xusta, baseada na solidariedade de clase entre traballadores rurais e urbanos. Por iso tamén loita contra á explotación laboral, a discriminación de xénero e a degradación ambiental.

A nosa “Agrupación Xosé Velo” ven de entrevistar ao coordinador nacional do MST. Nos vindeiros días, publicaremos a video-entrevista na que Gilmar Mauro da conta – de xeito sinxelo e atractivo – das opinións do MST sobre os temas de meirande interese.