A verdade de Venezuela, contra da infamia

Outra agresión a Venezuela, ca participación do Estado español

Hai días, unha “Misión de investigación de feitos”, presentou un informe sobre Venezuela ao Consello de Dereitos Humanos da ONU. O informe recibiu a aprobación de 19 Estados (entre eles, España) dos 47 que forman o Consello. Os outros 28 (o 60% do total), abstivéronse ou votaron en contra,

Non é casualidade que os que votaron a prol do informe, sexan os únicos – dentro dese organismo – que recoñecen ao “autoproclamado” Guaidó como presidente de Venezuela. Este feito lévanos a preguntarnos se é que, tanto os promotores da iniciativa coma os  seus redactores (escollidos polos 19 Gobernos que votaron a favor), poden ter un mínimo de imparcialidade sobre o asunto.

O Goberno bolivariano presentou un documento de resposta, no que desmonta, punto por punto, o traballo da “Misión de investigación”: dende a súa intención de fondo ate as conclusións, pasando pola parcialidade dos “espertos” e das fontes

Contra da infamia

No documento do Goberno venezolano: “CONTRA DA INFAMIA, A VERDADE DE VENEZUELA.  Testemuños dun país asediado” (que podes ler ao remate desta páxina) exponse o contexto da situación nacional e internacional referido ao país, salientando que, en boa medida, os feitos que di analizar o informe teñen a súa causa en actos de violencia insurreccional, liderados polo sector máis radical da oposición venezolana, co apoio probado de países externos. Estes ataques inclúen actos criminais, sabotaxes, intentos de golpes de estado e incursións armadas.

Venezuela reivindica o seu dereito a  sancionar eses actos, de acordo coa normativa internacional de dereitos humanos. e xulgando – mediante procedementos xustos e transparentes – ás persoas implicadas, do mesmo xeito que tamén se investigaron e sancionaron os excesos cometidos por funcionarios do Estado.

Non se pode ignorar que, dende que Nicolás Maduro foi elixido presidente, Venezuela está a ser sometida a unha agresión multiforme, que ameaza o desenvolvemento, a paz e a capacidade de autodeterminación da nación caribeña. Fronte a esas agresións, o país reivindica o dereito a defender as súas institucións e soberanía, con respecto absoluto aos dereitos humanos.

A agresión teimuda e multiforme contra Venezuela, forma parte da política de “cambio de réxime” promovida polos Estados Unidos, co obxectivo non só de derrocar ao goberno venezolano, senón tamén de desmantelar as  actuais estruturas, políticas e sociais, que garanten o control dos grandes recursos naturais do país.

Os Estados vencellados á campaña de “cambio de réxime”, dirixida polos Estados Unidos, preséntanse co nome de “Grupo de Lima”, alcume dunha asociación para a inxerencia externa. Dende esa plataforma, moveron as súas pezas no Consello de Dereitos Humanos da ONU, como adoitan tentar facer os EEUU, dende hai algún tempo

Unha das iniciativas dese “Grupo de Lima”, foi a creación da mencionada “Misión de investigación de feitos”, composta por persoas achegadas aos seus gobernos, e que – por iso – carecen da imparcialidade e autoridade moral necesarias para xulgar a Venezuela. Pero o obxectivo político desa iniciativa non é investigar a verdade, senón apertar o asedio politico e económico ao país caribeño.

A data escollida para a presentación do informe non foi por acaso, xa que a pretensión é negar a lexitimidade das próximas eleccións venezolanas (previstas para o 6 de decembro) e desprestixialas como solución política, do mesmo xeito que tenta facer a progaganda do Goberno de EEUU e dos seus países colaboradores.

Un defensor de Pinochet e dos Dereitos Humanos

A escolla dos autores do informe, fíxose mediante métodos escuros, sen publicidade e sen o coñecemento da maioría dos países membros. Os seus promotores, coidaron tan pouco as aparencias, que mesmo un dos “expertos” defendeu á ditadura de Pinochet e segue a colaborar co actual presidente de Chile, inimigo declarado do goberno bolivariano. Tamén a presidenta do grupo de “expertos”, mantén vencellos con outro Goberno belixerante contra Venezuela: o de Colombia.

O documento elaborouse a distancia, sen contacto directo coa realidade venezolana. Non só iso: menos do 15% dos datos empregados proceden de vítimas, familiares delas ou testemuñas. Pola contra, máis do 50% do total dos datos, veñen de redes sociais e medios de información abertamente contrarios ao goberno bolivariano. Menos xustificable ainda: os seus redactores nin sequera utilizaron ás fontes da ONU, en busca de información.

Con estes vimbios non se podería facer cesto ningún. Pero os seus promotores non o precisan. Só tentan ocultar e terxiversar a realidade política venezolana e enganar á opinión pública internacional ante as próximas eleccións, para as que o Goberno de Venezuela convidou á ONU e á Unión Europea a participar como observadores.

 

La verdad de Venezuela contra la infamia