A REBELIÓN DOS SEN MEDO

A revolta social chilena, segue a avanzar logo do plebiscito do 25 de outubro

Quen viviu un terremoto, sabe que comeza cun ruxido xordo, que vén de lonxe, medra axiña e, cando chega onde nós, trema todo. Se cadra, unha sensación semellante é a que anda a sentir a elite chilena, por primeira vez en case 50 anos.

Eles crían que, desde a ditadura do Pinochet, ían poder seguir a controlar a situación por moito tempo, grazas á súa “transición á democracia” (con semellanzas á do Estado español). Pero – dende hai un ano – xurdiron grandes mobilizacións populares, que rebordaron primeiro a brutal represión policial, despois a barreira de contención do plebiscito do 25 de outubro, e están a avanzar cara a unha asemblea constituínte.

TODO Á VENDA

Para garantir a continuidade do modelo económico, que se implantara a sangue e lume durante a ditadura, a solución escollida foi redactar, en 1980, unha Constitución que impedise calquera cambio esencial.

Oito anos despois, un referendo consensuou a saída da ditadura de Pinochet, que – por se fora o caso – seguiu durante outros 10 anos coma comandante en xefe do exército.

Pero ese referendo achantaba unha trampa: a lexitimación do modelo político e económico, creado durante o réxime militar e recollido na Constitución, co obxectivo esencial  da ratificación e o desenvolvemento do modelo neoliberal, co seu “mercado libre”.

Durante a ditadura, privatizáranse os servizos básicos todos, coma a electricidade, a educación, a sanidade, as pensións e mesmo a propiedade da auga.

Por este motivo, a  Constitución non protexe os dereitos da cidadanía, senón a “liberdade” das empresas, nun país que, segundo os datos do Banco Mundial, está entre os máis desiguais na distribución dos ingresos en Latinoamérica, que é a rexión con meirande desigualdade do mundo.

A oposición, que aparentemente gañara o referendo para a saída da ditadura, preferiu non molestar ao Pinochet.

UN EDULCORANTE CHAMADO “CONCERTACIÓN”

A situación establecida, permaneceu sen cambios durante os últimos 30 anos. A alianza dos dous maiores partidos non pinochetistas –  o demócrata- cristián e mailo socialista – coñecida como “a Concertación”, dedicouse á procura de consensos políticos coa dereita, quedando así desconectada do pobo.

A “Unidade Popular” que permitira o triunfo de Salvado Allende, formada polo Partido Socialista e o Partido Comunista, foi substituída por esta nova alianza de centro, que – con nomes diferentes-  permaneceu ata hai dous anos, alternándose no poder cos partidos de dereita.

Ao xurdir a revolución social de hai un ano, nin os partidos da “Concertación”, nin os da esquerda transformadora, amosaron capacidade para convocar ou dirixir o movemento popular.

The New York Times, nun artigo recente, descríbeo deste xeito: “Se algo deixou claro a cidadanía, que saíu á rúa desde outubro de 2019, foi a inmensa distancia que sinte respecto ás elites políticas, tanto do goberno como da oposición. O que aquí se demanda non é só o fin do sistema neoliberal imposto durante a ditadura de Pinochet e dulcificado polos gobernos da alianza de partidos, chamada a Concertación, senón tamén unha actualización democrática no sentido máis amplo”.

O VALENTE POBO MAPUCHE

Ao mesmo tempo, segue incansable a loita secular dos mapuches polo recoñecemento dos seus dereitos como pobo, o respecto á súa lingua e cultura e contra o espolio das súas terras.

Aínda que as invasións coloniais ás que se enfrontaron nos séculos pasados, arrebatáronlle boa parte do seu territorio ancestral (a Araucanía) e reduciron drasticamente a súa poboación, na actualidade suman 1.800.000 persoas.

La Wenüfoye, bandeira mapuche, ondea en Santiago de Chile

Nos últimos anos, como xeito de defensa radicalizado, acosan cada vez mais ás grandes empresas que ocupan os seus territorios.

Pero os mapuches tamén se sumaron ás mobilizacións populares, xurdidas a partir da rebelión social de hai un ano, e están a facer ouvir a súa voz.

O TERREMOTO DE OUTUBRO DO ANO PASADO

O 18 de outubro do ano pasado, comezou unha gran revolta en Chile, coma un terremoto social. O detonante das mobilizacións de moitedumes, espontáneas e combativas, foi o aumento da taxa do sistema de transporte público, aínda que axiña se converteu nun movemento por reivindicacións mais xerais. Como berraban os estudantes que comezaron a loita: “¡non son 30 pesos [o prezo dos billetes], son 30 anos! [dende a saída do Pinochet]

Chile foi abalada por unha onda de protestas e disturbios masivos, que foi a mais importante das últimas décadas e se espallou polo país todo. A represión foi brutal, cun saldo de 30 mortos e milleiros de feridos e detidos (boa parte deles aínda na cadea). Na mañanciña do mesmo día 18, o presidente de Chile, Sebastián Piñera, ditou o Estado de emerxencia.

Pero o terremoto popular seguiu a avanzar imparable. Sete días despois, convocáronse grandes manifestacións, que mobilizaron a case dous millóns de persoas, das que 1.200.000 concentráronse na capital, nun país con menos de 18.000.000 de habitantes.

“Aínda é abraiante ver como as forzas armadas volveron moverse pola capital e foron enfrontadas por novas xeracións, que non tiveron medo, malia a violencia da represión policial e as mortes que provocou”, conta Juan Carlos Ramírez, en “Páxina 12”.

A partir da autoorganización e das convocatorias espontáneas dende as redes sociais, xurdiu un debate colectivo sobre a necesidade de cambiar o modelo político e económico.

A presión imparable da rúa, que provocou unha caída nos niveis de aceptación da presidencia ata mínimos históricos , levou a Sebastián Piñera a propoñer a celebración de negociacións, coma válvula de escape para conter as mobilizacións.

Foi así que, entre a ameaza do estado de excepción e as mobilizacións populares cada vez máis combativas, xurdiu – logo de catro semanas –  un “Acordo pola Paz Social e a nova Constitución”, que incluíu a convocatoria dun plebiscito.

Un ano despois – pandemia polo medio – trátase dun movemento con máis fondura ou – como di Meritxell Freixas no Público: “no primeiro aniversario desta revolta social, os manifestantes amosaron moita máis claridade sobre as súas peticións e demandas

“ABRIRANSE AS GRANDES ALAMEDAS”

O domingo 25, do pasado mes de outubro, data establecida para o referendo, o pobo chileno decidiu, cunha participación récord e por unha esmagadora maioría do 78,2%, liquidar a constitución de Pinochet. O “non” só gañou nos tres barrios con maiores ingresos da capital, onde vive a elite chilena,

En resposta á segunda pregunta do referendo, sobre quen vai redactar a nova constitución, decidiuse – cun 79,24% a favor – que serán persoas elixidas polo voto popular, fronte á opción de que unha parte delas fosen os actuais parlamentarios.

Agora, o seguinte obxectivo das demandas populares, é que a comisión redactora da nova constitución – que será elixida en abril – cumpra a igualdade de xénero e a inclusión de pobos e grupos historicamente marxinados, coma os mapuches.

Cumprirá  seguir a superar atrancos, coma a prohibición de que o novo texto inclúa a nacionalización de empresas e a modificación de acordos internacionais de libre comercio. Pero, como relata Patricio Fernández en The New York Times, “os cidadáns xa saben que se poden facerse ouvir, alén da vontade das elites“.

O médico e activista social chileno Pablo Sepúlveda, nunha recente entrevista de Galiza Sempre , resume así o estado de ánimo: “esperamos que, do mesmo xeito que Chile foi o laboratorio do modelo neoliberal, tamén sexa a súa tumba”.

O seu avó, Salvador Allende, anticipouno na última mensaxe que dirixiu ao pobo chileno, cando as bombas do Pinochet xa estaban a caer sobre o pazo presidencial: “abriranse de novo as grandes alamedas polas que pase o home libre, para construír unha sociedade mellor”