¿Por que é preciso falar de Venezuela?

En 1960, Xosé Velo, revolucionario galego, tomou o mando, xunto con outros compañerios galegos e portugueses, dun barco cargado de emigrantes, o “Santa María”, para denunciar as ditaduras de Franco e Salazar. A súa acción propagandística foi efectiva, porque moitos anos despois nas aldeas de Galicia aínda se recordaba esta acción e, a pesar da propaganda franquista, sempre se contou o sucedido no “Santa María”(rebautizado daquela coma “Santa Liberdade), como unha aventura positiva.

Hoxe non é necesario facerse co control dun barco de pasaxeiros para que unha historia circule polo boca a boca. Grazas ás redes sociais e aos teléfonos móbiles, podemos enviar a nosa información se actuamos con intelixencia. Os teléfonos móbiles poderían converterse, como xa afirmou algún xornalista, nos “novos kalashnikov do pobo”. Cada persoa ten unha cámara para gravar e os medios para transmitir calquera acto de brutalidade ao estranxeiro en segundos, como xa ocorreu durante o golpe de estado boliviano; sen dúbida isto tende a limitar as accións violentas dos golpistas.

Pero, cando falamos de Venezuela, o noso traballo informativo tamén ten que atravesar unha serie de barreiras e prexuízos que van máis aló da desinformación e dos tópicos.

En primeiro lugar, debemos ter en conta a relación case colonial de Venezuela cos Estados Unidos. Venezuela é un exemplo para o resto de países latinoamericanos e iso demostrouse nos últimos vinte anos. Agárdase que Venezuela siga vendendo cru e outras materias primas a bo prezo e siga dependendo de todo o demais.

Na época dos petrodólares, nos anos setenta, as elites venezolanas xa decidiran que a súa produción industrial estaría situada no porto de La Guaira. É dicir, que se limitarían a mercar produtos acabados e vender petróleo.

Carlos Andrés Pérez, en 1974. nunha campaña moi vistosa con toda Caracas chea de enormes pancartas, “nacionalizou” o petróleo que ata ese ano era propiedade das multinacionais norteamericanas. Pero esa nacionalización foi, en realidade, dos custos de produción, que comezaron a ser asumidos polo Estado venezolano, mantendo as empresas norteamericanas os beneficios.

En segundo lugar, a revolución actual devolveulle a dignidade ao pobo. Hoxe en día, o pobo soporta moitas dificultades debido ao bloqueo, pero moitos tamén lembran os anos nos que non existían oficialmente como persoas, porque non eran recoñecidos como cidadáns. Circunstancia que nunca se menciona nos medios de comunicación, cando falan de Venezuela.

Barrio de Caracas, sobre unha autopista

Dende a época de Carlos Andrés Pérez, e incluso antes, había barrios enteiros de Caracas que, a pesar de ocupar unha gran superficie, non aparecían nas cartografías da cidade. Barrios que se viñan abaixo na estación das choivas coas súas casiñas, daquela feitas con latas e cartón, agora de ladrillo. Cando os habitantes dos cerros quedaban sepultados baixo os aludes de terra, as vítimas non se contaban como mortas, simplemente porque non estaban oficialmente vivas. Os barrios non desaparecían porque non estaban no mapa.

Lémbrome de estar presente nunha vila, Güiria, no Oriente venezolano, cando se produciu unha ameaza de maremoto a causa da explosión dun volcán nunha illa próxima. Durante toda a noite, un vehículo con megafonía mantivo a alerta aos veciños, por se houbese que evacuar a vila. Pero, á mañá seguinte, os meus pais leváronme á praia, a poucos kilómetros de distancia, e preguntáronlle – nos poboados de chousas – aos pescadores que vivían aló, á beira do mar Caribe, se pasaran medo pola noite. Resulta que ninguén fora avisalos do perigo. Eles e os seus fillos tampouco terían morto, nin a súa aldea tería desaparecido porque probablemente tampouco estaban no mapa.

Que estas persoas se consideren cidadáns con plenos dereitos é unha das claves para manter o apoio popular ao proceso venezolano. A explicación máis didáctica ofreceuma sen querer, no 2001, un inmigrante galego: “Chávez -díxome- é un ditador. Gaña as eleccións só porque os dos ranchitos o votan”. É a súa forma de entender a democracia.

Este inmigrante non entendía que “os dos ranchitos”, é dicir, os habitantes dos humildes barrios, que acababan de gañar o dereito ao voto ao ser legalizados e rexistrados, eran a maioría no país.

Estas persoas pasan dificultades e sofren o bloqueo pero recordan cando “non existían”. Moitos deles viron a un médico, por primeira vez nas súas vidas, cando Chávez chegou ao poder. Grazas ás misións de escolarización, a Unesco declarou a Venezuela libre de analfabetismo. A misión de vivenda entregou mais de tres millóns de vivendas, nun país de 30 millóns de habitantes.

A oposición antidemocrática, Leopoldo López Mendoza e a súa corte de Madrid, non entenden que estas persoas poidan estar insatisfeitas en cuestións concretas, pero que non permitirán unha marcha atrás, á época  que esa dereita considera o seu tempo de gloria. Algúns destes descontentos puideron votar pola oposición nas anteriores eleccións á Asemblea Nacional, pero no momento en que esta oposición mostrou a súa faciana, os que dubidaban recuaron, igual que aconteceu en Bolivia.

O pecado orixinal do chavismo é dar voz aos humildes. Ao teren acceso á educación, ábrenselle as portas do poder ás clases sociais que ata hai vinte anos non eran tidas en conta.

O Bazar Bolivar. en Caracas, foi un almacen textil moi famoso nos anos setenta e a primeiros dos oitenta

En terceiro lugar, e poisque escribimos desde o Estado español, é imposible negar a amálgama de intereses económicos de empresas deiquí co país venezolano. Intereses capitaneados daquela por Felipe González e o Grupo Prisa, amigos íntimos do empresario Gustavo Cisneros e do presidente Carlos Andrés Pérez. Cisneros foi “premiado” en 1984, polo goberno de González, coa venda a prezo de saldo de Galerías Preciados: 1.000 millóns de pesetas. En 1987 Cisneros vendeu esa empresa á compañía británica Mountleigh por máis de trinta veces o seu prezo de compra.

Estas turbias relacións económicas nas que participara o grupo PRISA, actualmente en mans dun fondo de investimento norteamericano, explican a estraña teima dalgúns líderes da vella garda do PSOE contra o Goberno de Venezuela, chegando a desautorizar ao seu observador internacional no país, José Luís Rodríguez Zapatero.

A isto engadimos a obsesión da dereita española con Venezuela nas súas campañas de propaganda, aproveitando a presenza indiscutiblemente negativa nos medios tradicionais. Como é coñecido, no barrio madrileño de Salamanca, unha colonia de “venezolanos-miamianos” aséntase con moitos cartos para repartir e mercar influencias. Un deles é o propio pai de Leopoldo López, actual deputado europeo polo PP e nomeado coordinador de Dereitos Humanos no Parlamento Europeo.

Estas eleccións venezolanas non serán recoñecidas polos Estados Unidos, nin polos seus aliados. Só as aceptarían se estiveran seguros de que o chavismo as ía perder. Buscan eleccións á carta, no momento e nas condicións que lles interesen sen ter en conta a legalidade venezolana.

Interésalles que o conflito da Asemblea Nacional saínte non se resolva, Procuran unha pequena fenda legal para xustificar o absoluto bloqueo económico e financeiro, e tamén o espolio de empresas coma  Citgo, ou a expropiación dos cartos do Estado venezolano, realizada dende o Estados Unidos coa complicidade de Juan Guaidó e a escusa da Asemblea Nacional.

A Leopoldo López e á súa Corte de Madrid non lles importan Venezuela nin o pobo venezolano.

Pola contra, hai unha dereita en Venezuela que, cando pensa en establecer un modelo liberal, pensa no seu país. Esa dereita preséntase ás eleccións, aídna que esnaquizada.

A dereita violenta e golpista, que se instalou agora en Madrid, non acude a este proceso, porque en realidade non mira por Venezuela, nin lle importan os venezolanos. Busca recuperar os vellos privilexios e a enorme desigualdade social da Cuarta República. Esquecen que a xente ten memoria, que pode presionar, que se pode recuar durante un tempo, pero a historia non camiña cara atrás.

De “Nueva Revolución

Comparte:

Artigos recentes