Unha historia escrita con sangue

O escritor colombiano Gabriel GarcÍa Márquez relata, no seu libro  de memorias “Vivir para contala”, o asasinato, en Bogotá, do candidato á presidencia Jorge Eliécer Gaitán, en 1948. Ese crime foi o comezo dunha abraiante violencia política no país que, só nos primeiros 10 anos, causou na Colombia case 300.000 mortes, nun conflito activo desde entón e que ten o seu cerne na propiedade da terra.

Nos últimos 30 anos, o número de persoas detidas e “desaparecidas” logo da detención polo exército, a policía, ou bandas paramilitares, é dunhas 25.000 segundo a Fiscalía Xeral, aínda que as organizacións de dereitos humanos din que as cifras son moito maiores. As posibilidades de que, en Colombia, esta caste de crimes (ou calquera outros vencellados á violencia do Estado) queden impunes, son moi altas: o  98,5% segundo a ONU.

Isto é o que está acontecer, por exemplo, cos “falsos positivos”. De acordo cas investigacións da Fiscalía, o exército secuestrou a mozos de sectores marxinais, torturounos, matounos e logo presentou os seus corpos coma se fosen guerrilleiros. Unha investigación do Congreso estima que máis de 2.000 persoas inocentes foron asasinadas por este motivo. O xornalista e escritor colombiano Hernando Calvo Ospina, no seu recente artigo “Colombia: elas berran cando os criminais do Estado lles ordenan calar”, relata algúns destes casos.

Pero dende que, hai dous anos, a presidencia do país volveu as mans dunha alianza (chamada, enganosamente,”Centro democrático”). formada pola elite terratenente, o número de vítimas da violencia  está a medrar con moita rapidez.

Goberno amigo

Só no ano 2020 foron asasinados 310 líderes sociais e 64 ex-guerrilleiros que se acolleran ao tratado de paz asinado co goberno anterior. “¿Que pasaría – pregúntase o xornalista Gerardo Szalkowicz – se ese baño sistemático de sangue acontecera en Venezuela? ¿Por que os Estados Unidos, a UE ou a OEA non están indignados coa traxedia colombiana?”

Pancarta, nunha manifestación, o 13 de setembro, en Bogotá

A explicación é obvia: a historia contemporánea de Colombia, que se sigue a escribir con sangue, está vencellada á súa función de colaborador principal dos Estados Unidos en Latinoamérica, como o confirma – por exemplo – o acordo para a instalación de sete bases militares estadounidenses no seu territorio, asinado no ano 2009, durante a presidencia de Álvaro Uribe.

Neste vencello, entre o maior produtor de cocaína do mundo e o maior consumidor, están as claves dun pasado e presente tan terribles como o que está aturar Colombia. Tamén explica por que os grandes medios silencian este xenocidio, xa que, o uso da violencia como instrumento de coacción, está a recibir o apoio público e directo dos Estados Unidos dende hai  moitos anos.

Impunidade para matar

No ano 2016, a principal organización guerrilleira colombiana, as FARC, chegou a un acordo de paz co Goberno anterior, polo que as FARC abandonaban a loita armada, e o Goberno comprometíase a facer unha gran reforma agraria e a abrir as portas da aprticipación democrática a tódolos sectores sociais do país.

Pero resultou evidente que o Goberno non tivo vontade de cumprir os acordos. Os territorios que as FARC abandonaron foronn ocupados por bandas paramilitares, que implantaron o terror coa complicidade do Estado. Non é por acaso que os asasinatos selectivos, de líderes comunitarios e ex-guerrilleiros, adoiten acontecer en zonas nas que se tenta avanzar coa reforma agraria pactada.

Por exemplo, un dos supostos grupos paramiliatares, os chamados “Águilas Negras”, formado por soldados e policías están organizados polo Estado. Actúan contra dos políticos de esquerda, líderes sociais e organizaciones sindicales. Todo o que se opoña ao goberno, terá una ameaza deles.

En palabras dun voceiro das FARC, “o Estado decidiu garantir a presenza de grupos paramilitares nesas rexións, porque a élite colombiana precisa do terror e do medo para dar continuidade ao seu réxime político”.

E o senador Iván Cepeda, sinala “O Goberno espallou a idea de que a morte violenta dos líderes sociais é provocada polo narcotráfico, para achantar o feito de que hai unha loita feroz pola terra”. E engade: “é precisamente nas zonas máis militarizadas do país, onde medra o tráfico de drogas. Custa creer que os políticos e as forzas militares, que son os encargadas de dar protección aos líderes sociais, queiran actuar contra os que os asasinan, se eles mesmos están implicados no negocio do narcotráfico”, conclúe o senador Cepeda.

Álvaro Uribe é o narcotráfico

Aínda que Álvaro Uribe xa non é formalmente o presidente do país, lidera a alianza que controla ao actiual goberno. Durante os últimos vinte anos, o seu partido sempre deixou clara a súa proximidade co paramilitarismo e o seu total rexeitamento a calquera acordo coa guerrilla.

Álvaro Uribe recibiu financiamento do narcotraficante Pablo Escobar

Uribe está acusado de máis de 50 delitos, por crimes de lesa humanidade, corrupción e violación de dereitos humanos, pero as investigacións  están paralizadas no Congreso colombiano, no que o partido uribista ten a maioría.

Un informe da Axencia de Seguridade Nacional dos Estados Unidos, do 2004, xa incluía a Uribe entre as principais figuras do narcotráfico en Colombia. Hai poucos días, o 26 de decembro, coñecéronse novos documentos oficiais dos EEUU, que se viñan de desclasificar como secretos, que proban que Uribe recibiu pagamentos do narcotraficante Pablo Escobar, para as súas campañas electorais ao Senado.

Ao coñecer esta nova, o senador Iván Cepeda afirmou que, durante moitos anos, “Uribe estivo vencellado aos peores delincuentes da historia contemporánea de Colombia. Ao longo da súa vida política toda, el estivo involucrado en moitos escándalos que revelan as súas relacións con narcotraficantes e grupos paramilitares”.

Tamén nas cidades

A violencia institucional do Estado colombiano non só se manifesta no rural. Segundo cifras oficiais, entre 2019 e 2020 a policía de Bogotá cometeu 10.071 agresións físicas e 45 violacións sexuais. Durante moito tempo, case que non houbo resposta popular. Pero, dende hai un ano o, a situación está a cambear.

As movilizacións sociais que comezaron en novembro do 2019 e que daquela foran as mais importantes dos últimos 10 anos, seguiron a ter continuidade ate que o confinamento provocado pola pandemia, obrigou a suspendelas.

Pero, o pasado mes de setembro, rexurdiron con forza nas principais cidades colombianas. A faísca foi a indignación popular pola morte dun avogado, ao que  detivera a policía de Bogotá. A mocidade saiu en masa para protestar, como xa o fixera meses antes. A reacción do Goberno foi mais represión, que provocou a morte doutras 13 persoas.

Manifestación na Plaza Bolívar, de Bogotá, durante o paro nacional de novembro

Un mes despois, en outubro, houbo unha xornada de “paro nacional” (que se repetiu hai pouco mais dun mes) organizada polas centrais sindicais e movementos sociais. No comunicado da convocatoria, reclamouse democracia, respecto pola la vida dos líderes sociales e dos ex-guerrilleiros reincorporados, o cumprimento do acordo de paz coas FARC, o cesamento da violencia policial e o remate da inxerencia dos EEUU nos asuntos do país.

O xornal “The New York Times” contabao así: “milleiros de manifestantes nas rúas, horrorizados pola onda de violencia brutal tan intensa que provoca de media unha masacre cada dous días. Moitos manifestantes percorreron centos de quilómetros, procedentes de comunidades rurais indíxenas especialmente devastadas pola violencia, que atribúen á falta de protección do goberno. Un líder indíxena díxonos: temos que movernos para amosar ao mundo o que está a acontecer porque, se non o facemos, vannos exterminar“.

A revolta social medra

O 16 de decembro, a Alto Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. esixiu ao goberno de Colombia “medidas máis fortes e moito máis eficaces”, contra da violencia impune, tendo en conta que o Estado debe considerar como un deber o simple feito de estar presente en todo o país”.

Bachelet pediu ás autoridades que interveñan con medidas concretas e lamentou que, despois de case que 60 anos de conflito, a “horrenda violencia dos grupos criminais en Colombia continúe normalizada”.

Aínda que, infelizmente, esa declaración non ha ser a que faga cambiar de actitude ao Goberno, as movilizacións que está a haber en Colombia dende hai mais dun ano (do mesmo xeito que en Chile e tamén – dende hai meses – en Ecuador, Perú e Guatemala) evidencian que a mocidade perdeu o medo, o feminismo fíxose máis forte e o movemento campesiño-indíxena pasou da resistencia á esixencia.

En agosto dixéramos: “parece que ao portaavións dos EEUU en Latinoamérica (como algúns medios progresistas do continente chaman a Colombia) se lle comeza a sublevar a tripulación”. Agora, cinco meses despois, a sublevación sigue a ir a mais.

 

Comparte:

Artigos recentes