O floreiro chinés

O xornalista David Jiménez di que Felipe González (o mesmo que Aznar) ten “un apego á intriga política, unha irresistible tendencia á dar leccións e a vaidade de crer que o seu tempo nunca vai pasar”. Se cadra, compre engadir outra característica: a súa preferencia por amizades multimillonarias e con intereses escuros, que marca a súa relación con Latinoamérica dende hai case medio século.

De feito, dende que Felipe González xurdiu na política española en 1972, como “alternativa deseñada e controlada pola CIA” (Alfredo Grimaldos : “A CIA en España“), os seus vencellos con América Latina sempre mantiveron a mesma dirección.

Nos arquivos da “Fundación Felipe González“, creada por el mesmo, cítanse algúns dos seus contactos favoritos no ámbito internacional da política e dos negocios, así como o seu interese na “restauración da democracia” en países con gobernos progresistas.

Amizades perigosas

Convén lembrar, de xeito breve, algunhas desas relacións, así coma outras das que a súa “Fundación” non fala,  amais  de  intervencións – non moi amigábeis  – nos asuntos internos de diferentes países.

Carlos Slim (México): é unha das maiores fortunas do mundo, segundo a revista Forbes. Está a investir grandes cantidades  de diñeiro no Estado español, onde – entre outras adquisicións – controla a construtora FCC.

O xornalista  especializado en investigación y economía José Bautista, da conta de que Felipe González coñeceu a Slim hai máis de 40 anos. A súa relación é tan estreita que, cada vez que González viaxa a México, Slim pon ao seu dispor un avión privado e unha “suite” – reservada só para el todo o ano — no mítico Hotel Geneve da capital mexicana.

Sahara – Represión de manifestantes no Aiaún o pasado mes de novembro

Mohamed VI (Marrocos): Felipe González, como asesor de asuntos políticos internacionais de Slim, ten organizado reunións co rei marroquí.  A relación semella ser de confianza, porque Mohamed VI permitiulle construír unha mansión, nunha praia exclusiva para a monarquía, en Tánxer. Nos primeiros anos da súa actividade política pública, Felipe González defendía o dereito do pobo saharauí á autodeterminación e criticaba que, a antiga colonia española, fora traizoada e entregada a Marrocos pola ditadura franquista. Pero cando foi elixido presidente do goberno, no 1982, cambiou radicalmente de actitude: autorizou a venda de armas a Marrocos – que estaba en guerra co Frente Polisario –  e fixo presión á Unión Europea para que asinase un acordo que negaba aos saharauís os seus dereitos sobre as súas augas territoriais.

Alán García (Perú): presidente do país dende 1985 a 1990 e dende 2006 a 2011, foi condenado varias veces por enriquecemento ilícito e suspendido do seu posto de senador vitalicio. Outorgou indultos a 72 condenados por narcotráfico e conmutou as penas a outros 3.207 presos por eses mesmos motivos.

Carlos Menem (Arxentina): presidente do país (1989-1999). Chegou a ser un “visitante cotián” dos xulgados, por diversoss delitos de corrupción. En 2013 converteuse no primeiro presidente democrático arxentino en ser condenado á cadea por sentenza xudicial.

Carlos Andrés Pérez (Venezuela): presidente do país (1974-1979 e 1989-1993) tivo unha amizade tan íntima con Felipe González que puña o avión presidencial á disposición do seu hóspede. Baixo o seu mandato, houbo unha revolta social en Caracas, reprimida de xeito tan sanguiñento,que provocou a morte de milleiros de persoas. Foi o único presidente venezolano que se viu obrigado a deixar o seu posto acusado de corrupción.

Revolta social en Caracas, no 1989. Soldados á beira de civiles mortos nas rúas

Gustavo Cisneros (Venezuela): é un dos empresarios máis ricos de Latinoamérica, segundo a revista Forbes. En 1983 o Goberno español, presidido por Felipe González, expropiou á compañía “Galerías Preciados” – e outras do grupo Rumasa – e vendeuna a Cisneros por 1.500 millóns de pesetas. O venezolano revendeuna por un prezo 20 veces superior (30.600 millóns de pesetas, case 184 millóns de euros), cinco anos despois.

Cisneros ten como vicepresidente do seu grupo empresarial á nai do fuxido Leopoldo López. O compromiso de Felipe González con este último (agora refuxiado en España) está ligado á súa amizade con Gustavo Cisneros.

                                                                                                    “Promoción da democracia”

No artigo “Os papeis secretos de Felipe González”, xa citado, inclúese o seguinte parágrafo, referido ao seu protagonista: “Co presidente dos Estados Unidos, George W. Bush, a documentación é abondosa, e as referencias a América Latina son recorrentes, especialmente no que se refire á crise centroamericana, dedicando mencións á promoción da democracia na Nicaragua sandinista e no Panamá de Manuel Noriega”.

Os feitos acontecidos nestes dous países, indican que a “promoción da democracia” foi – cando menos – atípica:

  • Nicaragua: o goberno do FSLN, que derrotara a unha das ditaduras máis sanguinarias de Latinoamérica en 1979, non era do agrado de Washington. Os Estados Unidos someteron ao país a un bloqueo económico total, que o asfixiou totalmente; ao tempo, a CIA organizou un exército mercenario que realizaba ataques e sabotaxes cotiáns dende os países veciños, Honduras e Costa Rica. Nestas circunstancias, o goberno convocou eleccións en 1990, nas que Felipe González interferiu para dar apoio “técnico”, “humanitario” e “económico” (segundo a súa Fundación) á candidatura da dereita, que finalmente gañou.
Ciudad de Panamá – Bombardeo da aviación dos EEUU durante a invasión – 20.12.89
  • Panamá: en 1989 o país tiña un goberno progresista – xurdido a partir dunha rebelión militar, 20 anos antes – que mellorou as condicións de vida do pobo, esixía a saída do exército dos Estados Unidos do territorio panameño e mantiña unha estreita colaboración con Cuba e Nicaragua. Neste caso, compre supor que a “promoción da democracia”, feita por Felipe González, consistiu en presenciar como – o 20 de decembro dese ano – as forrzas armadas dos Estados Unidos invadiron o territorio, derrotaron ao exército panameño – moi inferior en número (só tiña 12.000 ssoldados) e armamento – destruíron boa parte da infraestrutura do país, e nomearon un goberno que quedou baixo a súa tutela.

O “bo xuizo”

Con estes antecedentes, pode ser máis doado facerse unha idea da caste de “democracia” que Felipe González pretende para Venezuela e a prol de quen. Se cadra por iso, outro dos seus “amigos”, o expresidente colombiano Álvaro Uribe – acusado de asasinato múltiple, corrupción, extorsión e tráfico de drogas – aconsellou recentemente a Pedro Sánchez que debía seguir o “bo xuízo” de Felipe González, fronte ás opinións de Rodríguez Zapatero.

Non sorprende, pois, que o artigo do “New York Times” que citamos ao primeiro, adicado a Aznar e mais ao Felipe González, se refira a eles coma “os dous principais floreiros chineses da política española” que “están a vivir unha xubilación chea de inconsistencias morais”.