“Ouro, petróleo e aguacates: as novas veas abertas da América Latina”

O xornalista e escritor inglés Andy Robinson (“Diario itinerante“), correspondente en Latinoamérica de “La Vanguardia”, ven de publicar “Ouro, petróleo e aguacates” (Editorial Arpa) no que – logo de percorrer a rexión, co libro “As veas abertas de América Latina” baixo o brazo – relata con agudeza as diferenzas que observou coa realidade que describira Eduardo Galeano, xusto 50 anos despois de que se publicara a súa obra e el a resumise con aquela sentenza: “somos pobres porque o chan polo que andamos é rico”. Reproducimos unha entrevista co autor, que lle ven de facer “Espacio Público”:                     

O que cambiou na América Latina nos últimos 50 anos

EP: No teu libro, debuxas un extraordinario retrato da realidade, do que está a suceder realmente en América Latina. Falas dun continente moi rico en recursos, tanto en minerais como en fauna e flora: petróleo, ouro, coltán, niobio, diamantes, soia, quinoa, carne., pero iso é precisamente o que lle creou unha gran dependencia e, malia que houbo gobernos progresistas, non se implementou unha economía propia da rexión. ¿Que cres que cambiou desde aquelas “Veas abertas” ás que se referiu Eduardo Galeano?

AR: Cambiou moito dende que el escribiu o “As Veas abertas…” hai exactamente 50 anos. Daquela, en case toda a rexión gobernaban sanguentas ditaduras militares, que liquidaban fisicamente á esquerda. Agora, cos procesos xudiciais, só se tentou liquidar xuridicamente á esquerda metendo a todos no cárcere, as´que algo avanzamos (dito un chisco coma brincadeira).

O libro tenta salientar algunhas cousas que non cambiaron, particularmente a dependencia que teñen moitos países á exportación de materias primas, xa sexan minerais (ferro, ouro ou o coltán), ou alimentos coma a soia ou a carne vacúa. Isto ten un impacto ambiental e social moi preocupante, xa que centos de milleiros de hectáreas están a ser deforestadas na Amazonía, desprazando a moitos milleiros labregos, amais de que tamén é un atranco para o desenvolvemento económico. E comento no libro que – hai 5 ou 6 anos – o remate do súper ciclo dos prezos das materias primas, tivo un impacto moi desastroso para os gobernos progresistas no poder e  aínda o segue a ter para Venezuela.

Amazonía

E tamén nesa comparanza histórica, entre o que describe Galeano e o que está a acontecer agora, tento comentar algúns signos preocupantes de que – se cadra – se está a volver ao golpe de Estado, como xeito de recuperación do poder das elites locais e dos seus aliados en Washington ou Madrid, aínda que sexa un golpe de Estado suave coma o do Brasil. Nos capítulos sobre o ferro e o petróleo no Brasil, tento describir como a politización da xustiza e unha investigación anticorrupción con obxectivos preseleccionados, facilitaron un golpe suave contra Lula e Dilma; e no capítulo sobre o litio, describo o golpe – máis clásico – do ano pasado contra Evo Morales.

Non estou a dicir que estas rupturas coa democracia estean directamente vencelladas con esas materias primas. Tento rexeitar as teorías da conspiración reducionista, como o que dixera  Álvaro García Linares sobre o litio e o golpe de estado en Bolivia. Pero, do mesmo xeito que nos tempos que describira Eduardo Galeano, agora hai relacións entre esta nova e máis dura política da dereita e a estratexia xeopolítica dos Estados Unidos, para controlar os depósitos de recursos críticos ante a competencia mundial, coma unha nova Guerra Fría contra China, que lembra nalgún senso a incidencia que tivera a Guerra Fría orixinal en Latinoamérica.

O negocio do ouro

EP: Fálasnos da explotación dos mineiros e das mafias que operan na rexión: “O ouro era un activo financeiro cada vez máis líquido, axeitado para branquear os ingresos ilícitos das McMafias”. O ouro procede de América Latina, pero é refinado na Suíza, “cuxas catro refinerías procesaban o 50% do ouro producido a escala mundial”. ¿É posible comprender o empobrecemento dos países do Sur, sen ter en conta o enriquecemento dos países “desenvolvidos”?

AR: Esa relación entre os países do norte e América Latina é precisamente a que describe Galeano, cando fala deses paradoxos de que a riqueza de Latinoamérica, tanto do subsolo como da natureza, é a causa da súa pobreza e subdesenvolvemento, xa que converte á rexión en obxecto de explotación polos países coloniais. Tento actualizar un chisco esta idea e comento que, en moitos casos, as veas abertas son as do ecosistema, e que hai multinacionais dentro de América Latina – como a empresa mineira Vale no Brasil – que son tan responsables da hemorraxia como as de fóra.

Dito iso, segue a haber unha relación perversa entre os países ricos do norte e Latinoamérica. Coméntoo no capítulo sobre o ouro, nunha viaxe dende Colombia ata USA. Nos Estados Unidos, téntase explicar por que a febre da extracción do ouro – logo da crise financeira de 2008 – mantense agora con prezos tolos e novos récords de 2.000 dólares por “onza troi” durante esta pandemia, o que provoca caóticas e destrutivas actividades mineiras en América Latina.

Lingotes de ouro

Porque o ouro é un investimento de refuxio en tempos de medo como os que estamos a vivir (un comerciante de lingotes en Inglaterra comparou a actual demanda do ouro coa do papel hixiénico…) e, cando o prezo do ouro sobe, máis multinacionais canadenses, americanas, sudafricanas e europeas, abren novas minas en Latinoamérica, ao mesmo tempo que centos de miles de mineiros (“barequeros” ilegais en Colombia, ou “garimpeiros” no Brasil), invaden as reservas indíxenas na Amazonía, coas catastróficas consecuencias que estamos a ver nestes momentos no territorio dos ianomamis – no norte. da Amazonía brasileira – invadida por ata 20.000 “garimpeiros”. Este é o resultado do prezo elevado do ouro e das chiscadelas do Bolson

É dicir, por moito que nos indignemos nos países ricos pola ilegalidade destes pequenos mineiros do ouro, o responsable verdadeiro é un sistema que mantén a tantas persoas en América Latina – incluídos estes “garimpeiros” – na pobreza máis absoluta, mentres unha chea de investidores se refuxia – en tempos de crises – no ouro e na industria da ostentación (xoias, reloxos, etc.).

Hai moitos intermediarios no negocio do ouro, dende os grupos do crime organizado – en Colombia e noutros países – que se levan a súa comisión ou branquean cartos, ata ás refinerías de ouro de Suíza e, por suposto, ás grandes multinacionais mineiras, como a compañia Barrick, que ten a José María Aznar como conselleiro. O ouro ten estrañas relacións coa extrema dereita, que comento un pouco no libro.

O “modélico” Canadá

EP: Falando de Colombia, dis que “Á cabeza das multinacionais estaban as canadenses, cuxa complicidade cos gobernos corruptos de Latinoamérica, e mesmo con grupos violentos de paramilitares e narcotraficantes, desmentía a reputación de Canadá de ser o país máis social e ambientalmente responsable das Américas. A Bolsa de Toronto xa era a principal fonte de capital das multinacionais mineiras ”.

Le Monde Diplomatique publicou un interesante artigo no que dicía que o 75% das empresas mineiras do mundo elixen Canadá para rexistrarse e a meirande parte delas, cando cotizan en bolsa, elixen a Bolsa de Toronto (TSX). Todo isto débese a que Canadá é un paraíso fiscal e xudicial para as empresas mineiras. ¿Non cres que se houbese unha Xustiza Tributaria Mundial, evitaríanse moitas destas situacións inxustas?

Bolsa de Toronto – Cadro de cotizacións

AR: Canadá é, por suposto, responsable de crear un ambiente financeiro e de investimentos na Bolsa, que permite que, as chamadas compañías “junior” de exploración mineira, poidan lanzarse asumindo enormes riscos na procura de depósitos de ouro, prata, etc. E tento contar no libro como hai indicios, en México e Colombia, de colaboración entre as multinacionais mineiras canadenses e o crime organizado. En canto á xustiza fiscal mundial, gustaríame que fose posible. Son desexables as iniciativas globais, pero a miña experiencia é que as iniciativas multilaterais – para evitar a evasión fiscal e a delincuencia financeira – eternízanse sen seren implementadas. Habería que agardar a que os movementos cidadáns e ecoloxistas de Canadá puideran resolver o problema.

“Ideas para adiar o fin do mundo”

EP: Un dos temas máis importantes da minería é o impacto tan negativo sobre a Nai Terra. ¿Cales son os casos, os desastres ecolóxicos que máis lle impresionaron?

AR: Creo que o desastre máis impactante que vin – do que falo no capítulo dous do libro sobre o ferro –  foi a catástrofe causada no río Doce, en Minas Xerais (Brasil), polo colapso dun dique de contención nunha mina de ferro propiedade da multinacional mineira Vale e do seu socio BHP Billiton. Un dos cronistas máis interesantes dese desastre é Ailton Krenak, un filósofo indíxena, autor do libriño que paga a pena: “ Ideas para adiar o fin do mundo”. O pobo Krenak vive nas beiras do río Doce (o segundo río máis grande de Brasil despois do Amazonas) e o seu medio ambiente e de subsistencia foi aniquilado.

Coido que a reivindicación que fai este home, dunha visión panteísta na que a natureza non é independente dos seres humanos, senón parte deles, é moi importante para que poidamos afrontar o desafío do colapso ambiental e do cambio climático. En relación co desastre da contaminación causada polo colapso do dique de contención da mina, comenta que os Krenak chaman ao río Doce polo nome de “Watu” que significa “avó”. Como el di: “o río é unha persoa, non é un recurso, como contan os economistas”. Se cadra, en tempos pasados, a esquerda tería descrito esta caste de reflexión como mística, supersticiosa..

Río Doce (Brasil): contaminación pola ruptura do dique dunha multinacional mineira do ferro

O proxecto de modernización, en moitos casos, baseouse nunha relación antagónica coa natureza. Mesmo o pensamento de esquerdas a prol do “desenvolvemento”, ás veces refírese a natureza como algo externo que compore “conquistar” para o proxecto de desenvolvemento nacional. E isto é algo no que temos que matinar, aprendendo das ideas de filósofos indíxenas, como Ailton Krenak, ao que nos estamos a referir (quen, por certo, fala de Galeano no seu libriño), e Davi Kopenawa, autor do libro “O ceo caeu”.

A resistencia indíxena

EP: Outra das terribles consecuencias que mencionas, falando por exemplo do niobio en Brasil, son os efectos perversos que esta actividade ten sobre as poboacións indíxenas. ¿Fíxose algo para respectar a vida e a cultura destes pobos?

 AR: A Constitución brasileira de 1988 teoricamente protexe moitos territorios indíxenas e a cultura dos pobos nativos. É evidente que o Bolsonaro está a pór en perigo esa protección, pero o Estado de dereito brasileiro funciona ata certo punto, entón os tribunais e o Congreso pararon os pés ao presidente en varias ocasións. O problema é que a deforestación e os abusos contra os indíxenas son ilegais, fóra da lei. Isto xa acontecía antes de Bolsonaro, aínda que o discurso da extrema dereita no Brasil está a prol de autorizar as actividades extractivas ilegais,  sen que sexa preciso cambiar a lexislación, e iso é unha ameaza para os indíxenas.

Pero os indíxenas en América Latina teñen unha capacidade de organización e protesta que se viu ao longo dos séculos, e cada vez máis nas últimas décadas, especialmente nos países andinos. No libro comento o que se pode aprender das organizacións dos pobos quechua e aimara e da súa democracia asemblearia, na defensa do medioambiente do altiplano. No Brasil, moitas mulleres indíxenas presentáronse ás eleccións municipais.  Por exemplo, Joenia Wapcihana, da etnia Wapichana doutora en Dereito pola Universidade de Roraima, é xa deputada dese Estado onde, como se comenta no capítulo tres do meu libro, Bolsonaro quere abrir a minería de niobio, cobalto, bauxita, ouro, etc. Así que hai unha importante resistencia indíxena.

Manifestación na Paz (Bolivia), coa “Whipala” a bandeira dos pobos andinos

Venezuela fronte ao bloqueo

EP: Un caso especial é o de Venezuela, un país extremadamente rico en materias primas, pero cunha poboación que está a aturar unha situación económica terrible. ¿Que coidas que se debería facer para implantar no país unha economía propia, non dependente?

 AR: Coido que os ingresos por petróleo se deberían ter utilizado durante os anos de bonanza para diversificar a economía. Chávez intentouno, pero o 98% das divisas xeradas en Venezuela proceden do petróleo. E agora, co bloqueo imposto polos Estados Unidos, estase a pagar esa situación. O bloqueo é unha auténtica vergoña; É un castigo colectivo para todos os venezolanos porque Venezuela non pode mercar bens esenciais, alimentos, menciñas, etc. se non xera ingresos polas exportacións do seu petróleo. Por iso, o goberno de España ten que deixar de apoiar as medidas coercitivas e facer presión con urxencia para que se levante o embargo. É terrible como a utilización de Venezuela, dentro das políticas internas dos Estados Unidos e de España, está a agravar a situación humanitaria  do país,

EP: Hai multinacionais que operan na rexión toda, entre elas moitas europeas, que se acollen ás cláusulas legais establecidas nos Tratados internacionais de Comercio, porque as favorecen practicamente en todo. ¿Cres que é posible establecer algún outro tipo de acordo comercial, que non sexa o que impera na actualidade no mundo globalizado?

AR: Ao meu ver, o mellor sería que Latinoamérica buscase acordos comerciais rexionais para promover o seu desenvolvemento. Non me fiaría moito dos acordos comerciais deseñados por corporacións multinacionais, nin polos países do norte mundial. China ofrece algo máis, pero tamén sería mellor negociar con China desde unha plataforma rexional en lugar de que cada país procure o seu propio acordo bilateral.

O dano do turismo de “experiencias”

EP: Abraian os casos que contas de turistas, que invaden por milleiros territorios case nunca visitados ata agora. É o caso do Salar de Uiuni en Bolivia, por exemplo. Danan o medio natural aínda que, doutra banda, “crean riqueza”. 

AR: Lin unha entrevista con José Mansilla na que dicía que o turismo é coma unha mina: extractivo. E coido que hai certa verdade niso. Cando estiven no Salar de Uiuni e no Machu Picchu, a sensación que tiven foi a de que o patrimonio cultural e a natureza convértense en mercancías e “experiencias”, o que fai moito dano. Comento, no capítulo sobre o litio, como os turistas percorren decenas de milleiros de quilómetros para facerse un selfie no Salar. E tamén comento o exemplo de

coma os servizos públicos de tren – nos Andes peruanos – privatizáronse para converterse en experiencias “retro” xestionadas pola marca de luxo LVMH.

Salar de Uiuni (Bolivia)

Non é doado porque, para os países que buscan un modelo de desenvolvemento menos nocivo, o turismo sempre se considera unha boa opción. Pero sabemos en España o dano que o turismo pode facer en eidos como a cultura. Paréceme interesante que, a editorial en Nova York que vai publicar unha versión en inglés do meu libro, teña agrupado os capítulos dun modo diferente. Dese xeito, na categoría “ocupación”, inclúe non só os golpes de Estado en Honduras e Bolivia senón tamén outros capítulos “por unha especie de golpe a través de canles máis insidiosos de cultura e comercialización”,  que tamén abranguen ao turismo de “experiencia”.

O aguacate, a soia e as “veas abertas”

EP: A segunda parte do teu libro está dedicada a alimentos como a quinoa, ou os aguacates, que os países desenvolvidos queren polas súas propiedades saudables. Esta caste de produtos, que foran consideradas pobres, convertéronse de súpeto en preciosos tesouros alimentarios, cuxos prezos experimentaron unha vertixinosa suba. ¿Que supuxo, para as poboacións de Latinoamérica, a súa exportación?

AR: Curiosamente, o aguacate pode ser o monocultivo que máis lembra ás “veas abertas” de Galeano, e especialmente no capítulo sobre o rei azucre e as plantacións de azucre no Brasil. No senso de que un capricho dunha clase consumidora nos países ricos, remata por causar estragos en América Latina. Por suposto, o que pasou co azucre foi moito peor. Pero o cultivo de aguacate, por exemplo en Michoacán (México) está a esgotar tódolos acuíferos. Todo porque nos Estados Unidos púxose de moda comer guacamole cun “hot dog”, mentres se vían pola televisión eventos deportivos. E tamén que o aguacate se converteu de súpeto nun súperalimento.

A quinoa é outra historia, aínda que con algo en común. Un produto promovido por Evo Morales e pola FAO, para axudar á economía labrega de autoconsumo, pero que ao entrar no mercado internacional, con prezos fóra do control dos produtores,  e ao mercado de consumo de alimentos saudables, rematou por caer no ciclo de “subida-picada” que sempre caracteriza ás materias primas, só que nesta ocasión os perdedores son os labregos quechuas no altiplano andino.

EP: Un caso especial é o da soia, cuxo cultivo se multiplicou por catro, ocupando enormes extensións de terra. ¿Como afecta este cultivo á terra, aos cultivos tradicionais

AR: É terrible ver o que fai  a soia co ecosistema. Veño de escribir un artigo para La Vanguardia sobre a soia brasileira importada en España, que provén de zonas deforestadas da Amazonía e da rexión brasileira do Cerrado, a diferencia docaso de China, que importa a soia dunha zona do sur de Brasil xa deforestada hai mais dun século. A soia úsase para alimentar porcos, galiñas e pavos, de xeito que a comida de Nadal celébrase en parte a costa da deforestación da Amazonía.

Os cultivos de soia, arrasan os bosques da rexión do Cerrado (unha cuarta parte do territorio do Brasil) que perdeu case a metade da súa vexetación nativa

Viraxe á esquerda

EP: ¿China converteuse nun dos meirandes protagonistas exteriores da Latinoamérica toda ¿Que influencia coidas que terá no futuro?

AR: Paréceme que a China vai investir moito en América Latina e terá cada vez máis influencia. E, probablemente, imos  ver un enfrontamento moi duro cos Estados Unidos que – tamén co Biden – quererán recuperar a súa esfera de influencia en Latinoamérica, para garantir o subministro de minerais críticos na transición enerxética e na industria tecnolóxica e do armamento. Así que esta vai ser unha fronte importante na nova Guerra Fría.

EP: Os Estados Unidos tiveron tradicionalmente un papel dominante en América Latina. ¿Cres que a derrota de Trump e a vitoria de Biden poden cambiar a política de Estados Unidos no continente?

AR: Coido que o Biden será tan intervencionista en Latinoamérica coma foino o Trump, aínda que dun xeito máis sutil. Máis dende os sotos do Estado, con Axencias como a “Fundación Nacional para a Democracia” ou a CIA., e con menos “chíos”.

EP: Para rematar, en Chile houbo importantes mobilizacións democráticas populares nos últimos dous anos. Bolivia viu o regreso ao Goberno do partido de Evo Morales, que fora vítima dun golpe de Estado… ¿Coidas que son signos de novos cambios?

AR: Creo que o péndulo volve moverse cara á esquerda, en Chile  nomeadamente. Estiven en Chile no verán de 2019 ,e foi abraiante ver como case que tódolos cidadáns se decataran da mentira do modelo neoliberal tan eloxiado polo FMI; debería servir de modelo en España. E poida que Andrés Arauz (o candidato apoiado por Rafael Correa) gañe no Ecuador en febreiro. No meu libro, falo moito do colombiano Gustavo Petro e coido que pode haber unhas eleccións presidenciais moi importantes na Colombia, no 2022, coa posibilidade dunha vitoria para a esquerda, por primeira vez na historia do país.  Aínda que, desta vez, as condicións económicas han ser moito máis complicadas que coa onda vermella que houbo ao comezo deste século.

Lourdes Lucía 

Do “Público