“Un agasallo caído do ceo”

Cando, a finais do 2018, o Brasil elixiu coma presidente do país a un capitán retirado, que dixera que o único erro da ditadura militar (que gobernara 40 anos antes) fora “torturar en vez de matar” aos presos políticos, que engadira “imos barrer do mapa aos bandidos vermellos, pois ou van presos ou marchan ao exilio”, e anunciara  que ía reducir a protección para a Amazonia e os pobos indíxenas – como querían os terratenentes brasileiros – os seus votantes considerárono un “agasallo do ceo“.

Dúas referencias: Pinochet e Trump

Axiña, rodeouse de xenerais retirados, que seguen a ocupar importantes cargos no goberno, dende a vicepresidencia ata os ministerios de seguridade e sanidade. Pero houbo unha importante excepción: o ministro de economía, Guedes, admirador e seguidor da reforma económica do Pinochet.

Con esa idea coma referencia, durante o ano e medio seguinte á súa toma de posesión, recortou radicalmente as estruturas públicas de apoio á educación, sanidade, asistencia social e cultura, permitiu a ocupación ilegal de enormes áreas protexidas na selva – a prol das grandes explotacións de agrícultura industrial – acelerou a deforestación da Amazonía e ameazou con recorrer ao exército para seguir no poder se as institucións políticas e xudiciais se opuñan ás súas decisións.

No ámbito internacional, declarouse siareiro de Trump e inimigo do Goberno de Venezuela, actitude que utilizou como branco da súa campaña electoral.

Estas decisións foron celebradas con balbordo polos seus seguidores, e loubadas pola meirande parte dos medios de comunicación. Semellaba que, o novo rumbo que tomaba Brasil, íase manter durante moito tempo co seu piloto ultradereitista á fronte.

Pero, desde mediados do ano pasado, esas expectativas comezaron a esmorecer. Bolsonaro está a perder boa parte dos seus votantes e tamén a confianza de grandes empresas, medios de comunicación, e mesmo dalgúns partidos de dereita e centro dereita. Varias razóns están a provocar este devalo.

Desastre a eito

A xestión da pandemia. O número de vítimas que Brasil aturou pola pandemia vai camiño dos 250.000 mortos e dez millóns de persoas infectadas. É o segundo país do mundo con máis mortes, só por detrás dos Estados Unidos, onde o ex presidente Trump – coma Bolsonaro – minimizara os riscos da Covid e mesmo se burlara deles.

Eliminación das axudas socias. Aínda que o país ten 14,3 millóns de parados, o goberno federal suprimiu as axudas de emerxencia para as persoas que quedaran sen traballo debido á pandemia, e tamén eliminou outras axudas públicas. En consecuencia está a facer medrar a pobreza extrema e familias enteiras están a ter que ir vivir á rúa.

Amazonía. Na Amazonía brasileira a deforestación espállase de xeito acelerado. No ano 2020, rexistráronse case 100.000 incendios forestais. Fronte  a este desastre, os maiores bancos brasileiros, países europeos e organizacións non gobernamentais, concordaron esixir ao goberno de Bolsonaro que actúe contra tanta devastación. Nunca antes houbera ese nivel de presión interna en defensa da Amazonía; por iso o xornal “O Globo” di que é unha “presión histórica“.​​ Pero Bolsonaro mantén que o Brasil é “un modelo de preservación do medio ambiente”, e o seu voceiro engade que esas informacións “falsas” son resultado dunha campaña controlada por organizacións de esquerdas, vencelladas ao actor Leonardo di Caprio.

Corrupción. A muller e mailos fillos do presidente brasileiro, están a ser investigados por corrupción e vencellos con actividades mafiosas . Ao tempo, Bolsonaro foi acusado de interferir nesas investigacións policiais e xudiciais.

Forzas Armadas. Fronte as ameazas do presidente brasileiro de facer intervir ás Forzas Armadas, para apoialo fronte as institucións políticas e xudiciiais, os xefes militares teñen teimado en clarexar que as Forzas Armadas son institucións do Estado e non dun goberno.

Sen amigos fóra. No ámbito internacional a posición de Bolsonaro é mais feble, tanto pola saída de Trump da presidencia dos EEUU (xa tivo un enfrontamento verbal co Biden), coma pola chegada dos novos presidentes Alberto Fernández (do que dixo que anda a converterr á Arxentina noutra Venezuela) e o bolibiano Luis Arce.

O derretemento do pastel

O derretemento das expectativas de Bolsonaro está a xurdir dende setembro, como amosan varios acontecementos:

Eleccións municipais. O pasado mes de setembro, celebráronse eleccións municipais, nas que non só non gañou ningún dos candidatos do Bolsonaro, senón que – cando manifestou o seu apoio – fíxolles perder votos. O exemplo máis claro foi o de São Paulo, a cidade máis grande do país, que vivira hai dous anos -nas eleccións presidenciais- unha “onda ‘Bolsonarista; nas últimas eleccións municipais, o candidato de Bolsonaro quedou en cuarto lugar, con pouco máis do 10% dos votos.

Enquisas de opinión. O xornal “Folha de Sao Paulo” publicou, o pasado 22 de xaneiro, unha enquisa que mostra unha caída da popularidade do Bolsonaro: o 40% da poboación describiuno como un presidente “malo” ou “pésimo”, mentres que só o 31% aceptao (en comparación co 37% que o apoiaba hai tan só un mes).

Propostas de destitución. As peticións parlamentarias para a súa destitución, presentadas por varios líderes da oposición na Cámara dos Deputados, multiplicáronse nas recentes semanas. Na última, acusano de irresponsabilidade na xestión da pandemia, que provocou o colapso sanitario da cidade de Manaos (capital da rexión do Amazonas), de dous millóns e medio de habitantes, coa consecuencia de numerosas mortes por falta de reservas de osíxeno que – en ausencia de resposta do Goberno brasileiro – está a subministrar Venezuela. Estas peticións non son só unha iniciativa de políticos: o pasado 26 de xaneiro, a Cámara de Deputados recibiu unha solicitude presentada por 380 representantes da Igrexa católica e dos credos protestantes e evanxélicos.

O nobo presidente do Senado – do grupo de partidos do centro dereita, que negocia votos parlamentarios por cartos – ten poder para bloquear estas iniciativas e, polo de agora, está a facelo; pero iso non quer dicir que non vaia mudar de actitude, de acordo a como evolucionen os acontecementos.

Manifestacións populares. Tamén na rúa está a medrar a esixencia de destitución. Nos últimos fins de semana, houbo manifestacións en máis de 50 cidades brasileiras, coas consignas “Fora Bolsonaro” e “Stop Bolsonaro”, convocadas por partidos, organizacións e grupos de diferentes ideoloxías.

O can ten donos

Albiscase que estas protestas, cada vez mais fortes e espalladas, están a desacougar ao “agasallo do ceo”. Hai días, non puido conter a súa xenreira e, nunha xuntanza, estoupou: “¡Vaian á puta que os pariu, xornalistas de merda!”

É probable que – cando o elexiron – coidase que tiña poder de seu, e agora se estea a decatar de que, na realidade, é só “un can con donos”.

 

Comparte:

Artigos recentes