A testemuña sorpresa

O vento non sempre sopra a favor dos poderes establecidos.

Cando os grandes medios de comunicación se refiren a Venezuela, adoitan engadir algún cualificativo tráxico: “catástrofe”, “desastre”, “crise humanitaria” e – deseguido – sinalan ao culpable sen dúbida ningunha: “o réxime de Maduro”.

Trátase dun xuízo no que o acusador, a testemuña, o fiscal e o xuíz son a mesma persoa que, ademais, inventa as probas e non permite a intervención da defensa. Os titulares cotiáns, confirman a “imparcialidade” destes xuíces: “A crise humanitaria en Venezuela, á beira dunha catástrofe irreversible“, “Venezuela, o desastre que non cesa“, “Retrato da catástrofe humanitaria da ditadura venezolana”, “Venezuela, unha das maiores catástrofes económicas da historia“, son algúns exemplos das mensaxes que nos están a transmitir decote.

Ningún destes titulares fai referencia ao asfixiante bloqueo económico imposto polos Estados Unidos (e apoiado pola Unión Europea), que impide ao país caribeño acceder aos produtos máis básicos.

O bombardeo mediático é tan abafante que, se fixésemos unha enquisa rápida na nosa contorna, non nos ía ser doado atopar a alguén que non saiba quen é o presidente de Venezuela (a 7.000 km da nosa terra), aínda que, probablemente, poucos coñecerían o nome do presidente. (ou o primeiro ministro) de Portugal, país co que Galiza ten unha fronteira de máis de 250 km e unha longa historia común.

O consenso

Sendo unha teima dos EEUU, apoiada activamente pola dereita española, sorprende un chisco o entusiasmo co que participan, no xuízo mediático contra Venezuela, a maioría dos políticos que, no Estado español, se definen como de “esquerda moderada”. De xeito que se poden ler novas coma esta: “Pedro Sánchez dixo no Congreso dos Deputados que o réxime de Nicolás Maduro fracasou estrepitosamente. Esta opinión de Sánchez, concorda co que din Pablo Iglesias (Podemos) Pablo Casado (PP) e Ciudadanos. Polo tanto, no espectro político español, o sentimento é unánime, cando se refire ao fracaso de Maduro”.

Josep Borrell, Felipe González e Juan Luis Cebrián (cando aínda era o presidente de PRISA, o principal grupo español de medios de comunicación)

Foi neste consenso entre políticos da “esquerda moderada” e outros da dereita – co apoio económico de multinacionais españolas – que se creou o “lobby” de España contra Venezuela.

Xente “preocupada”

Esta caste de actitudes, veñen dende hai tempo. O Felipe González xa dixera, no 2015, que estaba “preocupado e triste” por Venezuela. Mais recentemente, o pasado outubro, o Josep Borrell – instalado como “Alto representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores” – declarou (mentres tomaba o sol na illa da Toxa): “o que me preocupa é a situación humanitaria en Venezuela. É desesperada. É a crise humanitaria máis grave que está a vivir un país”.

Mírase que a “preocupación” do Felipe González, Borrell, e os demais políticos do “lobby”, non dan para moito, porque non só non moveron un dedo para que se retirasen as sancións contra Venezuela, senón que fixeron o posible para que o bloqueo se manteña intacto, coma unha soga que asfixia cada vez mais ao pobo venezolano.

 Todos eles, do mesmo xeito que os principais medios de comunicación, finxen ignorar o abraiante impacto que ten o bloqueo na vida cotián do pobo de Venezuela. E seguen a ollar para outra beira, mesmo agora, cando xurde unha testemuña da ONU, tan cualificada coma a Relatora Especial enviada para investigar a situación en Venezuela, que ven de denuncialo nun informe que presentou públicamente.

Alena Douhan, Relatora especial da ONU para investigar as consecuencias do bloqueo imposto sobre Venezuela, presenta o seu informe preliminar, o pasado 12 de febreiro, en Caracas.

O INFORME DA ONU

O Boletín da ONU publicou ese documento co nome “A Relatora pide aos Estados Unidos e á Unión Europea que levanten as sancións a Venezuela, polo seu devastador efecto na poboación”, e co subtítulo: “o impacto das sancións afecta especialmente ás persoas en situación de pobreza extrema, aos nenos, ás persoas con discapacidades ou doencias crónicas e ás poboacións indíxenas”

O informe di que a falta de alimentos, medicamentos, combustibles, maquinaria e recambios, está a ter un enorme impacto nos dereitos humanos, incluindo o dereito á vida, á alimentación e á saúde. E engade: “o bloqueo económico a Venezuela impide a obtención de ingresos e o uso de recursos para manter programas de apoio social, o que ten un efecto devastador para a poboación toda”.

“O bloqueo tamén fai imposible mercar os equipamentos médicos e tecnolóxicos necesarios, así coma os repostos para o mantemento das instalacións que xeneran electricidade, auga, gas, transporte, telefonía e comunicación, escolas, hospitais e outras institucións públicas, impedindo así o goce do dereito a unha vida digna, á saúde e á educación, entre outros dereitos”.

¿Quen son os responsables?

O documento concreta que os dous responsables principais son os Estados Unidos e a Unión Europea: “As sancións contra Venezuela reforzáronse severamente dende 2015, sendo as máis duras de todas as impostas polos Estados Unidos” (é dicir, superiores ás aplicadas contra o Chile de Salvador Allende, ou contra Cuba) e lembra que: “a Unión Europea impuxo sancións contra Venezuela no 2017”

Advirte aos Estados Unidos, á Unión Europea e aos outros países colaboradores no bloqueo, que: “as medidas unilaterais só serían legais se fosen autorizadas polo Consello de Seguridade das Nacións Unidas (circunstancia que non se dá)”. E engade: “ningunha boa intención xustifica a violación dos dereitos humanos fundamentais”.

Conclusións

A Relatora subliña que é inadmisible que un país impoña sancións fora do seu territorio, e “require ao Goberno dos Estados Unidos (e países que o apoian) para que “eliminen as sancións e respecten a soberanía” de Venezuela

Tamén pide a Estados Unidos, Inglaterra e Portugal que desbloqueen o diñeiro que Venezuela ten depositado nos seus bancos (por valor de 6.000 millóns de dólares) para a compra de medicamentos, vacinas, alimentos, equipos médicos e bens esenciais, precisos para garantir as necesidades humanitarias do pobo venezolano.

O Goberno, na súa liña

Pedro Sánchez recibe en Madrid, o pasado 27 de outubro, ao prófugo Leopoldo López, acusado en Venezuela de homicidio e actos de terrrorismo

Como era de agardar, non houbo reacción ningunha do Goberno español, que mantén a súa liña pouco amigable cara á Venezuela bolivariana e de impasibilidade co sufrimento causado ao pobo venezolano polo bloqueo económico. Aínda mais, a Ministra de Asuntos Exteriores, emitiu unha declaración (se cadra, “preventiva”) uns días antes do informe, na que tentaba xustificar as “sancións internacionais”, nunha dirección radicalmente oposta á do documento da ONU.

E o Goberno español volveu calar cando, tamén nestes días, un organismo oficial dos Estados Unidos, o “Government Accountability Office” (GAO), publicou, a petición de varios lexisladores demócratas, unha avaliación do impacto do bloqueo económico contra Venezuela. O documento  di que a economía venezolana caeu “bruscamente” dende o comezo das sancións impostas polos EEUU en 2015 e, especialmente, a partir do agravamento do bloqueo no ano  2019″.

“Morreu de mala saúde”

Como di o expresidente ecuatoriano Rafael Correa: “Hai unha hipocrisía total con respecto a Venezuela. Está bloqueada, ten unha economía de guerra. Tiña uns ingresos por petróleo de 50.000 millóns de dólares; pero, no ano 2020, só puido vender o 1% desa cantidade. ¿Que país pode subsistir así? Dinnos que fracasaron as políticas socialistas, pero iso é como atopar un cadáver con 200 puñaladas nas sús costas e dicir que morreu de mala saúde”.

É certo, aínda que semella que – agora – o vento está a deixar de soplar a prol desa hipocrisía.