“Destinos compartidos”

Os Gobernos de EEUU e España concordan en asumir obxectivos comúns contra Venezuela

Hai moitos políticos, que adoitan mentir sen inmutarse, cunha facilidade que abraia. Dentro do Consello da Unión Europea, a porcentaxe de mentireiros debe estar perto do 100%. Compróbase cando falan da súa “preocupación” pola democracia e os dereitos humanos no mundo. ¿Cómo pode ser compatible esta “preocupación” co seu silencio do que acontece na Arabia Saudita, ou ca ocupación de Palestina por Israel, ou ca da República Saharaui por Marrocos?

E, en Latinoamérica, ¿dixeron algo do golpe de estado en Bolivia hai ano e medio, ou do autogolpe en Haití hai menos dun mes? Tamén calan sobre Colombia, onde – nos últimos anos – mais de 8.000 persoas inocentes foron asasinadas con impunidade polo exército e grupos paramilitares asociados a el.

A bala perdida

Iso si, a Unión Europea di estar “preocupada” pola situación humanitaria en Venezuela, malia que participa activamente no bloqueo económico, imposto polos Estados Unidos, que impide ao país a compra de alimentos, memciñas, vacinas e equipos médicos, de tal xeito que, o que fora vicechanceler de Barack Obama, Thomas Shannon, dixo ao Financial Times que “as sancións contra Venezuela causan un enorme dano á xente, comparable aos bombardeos de Dresde e Tokio polos aliados no ano 1945″.

¿Aínda mais, ten a Unión Europea unha política exterior de seu? Se cadra, pode servir de exemplo esta pequena anécdota: o 28 de xaneiro, o Alto Representante para Asuntos Exteriores da UE, Josep Borrell, afirmou que non tiña previsto convocar ao “Grupo de contacto sobre Venezuela” (formado pola Unión Europea e seis gobernos de América Latina pouco amigos do país caribeño), porque “é unha bala que non se debería usar“.

Poucas horas despois desa declaración, unha chamada do novo Secretario de Estado dos EEUU, Anthony Blinken, abondou para que esa “bala” se disparase axiña e Borrell convocara -ás carreiras- ao tal “Grupo de contacto”, sen explicación ningunha polo medio.

Pouco despois de que a Relatora especial da ONU, publicara o seu informe contra as sancións a Venezuela, a Alta Comisionada escribiulle ao presidente de Colombia para que interveña fronte aos asasinatos de líderes sociais e ex-guerrilleiros

Tanto ten o que diga a ONU

O 17 de febreiro, logo dunha visita de varias semanas en Venezuela, a Relatora especial da ONU para Dereitos Humanos, Alena Douhan presentou un informe no que di que, as medidas sancionadoras impostas ao país, atentan contra o Dereito Internacional e os Dereitos Humanos. En consecuencia, pide aos Estados Unidos e á Unión Europea que eliminen esas medidas, “polo seu efecto devastador sobre a poboación, xa que as sancións afectan especialmente ás persoas máis vulnerables, é dicir, ás que viven en situación de pobreza extrema, aos nenos, ás persoas con discapacidades ou enfermidades crónicas e ás poboacións indíxenas”.

O documento advirte aos Estados Unidos e á Unión Europea que “as medidas unilaterais só serían legais se fosen autorizadas polo Consello de Seguridade da ONU” (circunstancia que non acontece neste caso) e que “ningunha boa intención xustifica a violación dos Dereitos humanos fundamentais” e reclamoulles respecto pola soberanía de Venezuela

A Unión Europea non só ignorou o informe, senón que – tres días despois da súa publicación – decidiu ampliar as medidas contra o país caribeño. A resposta de Venezuela foi a expulsión da embaixadora da UE en Caracas, “pola inxerencia e ás agresións cotiáns da Unión Europea, nunha actitude propia dos tempos da colonia”.

“Aliado de fiar”

Na posición da Unión Europea contra Venezuela, o goberno español asume o meirande protagonismo.

Alén da súa actitude xeral, referida aos gobernos de Latinoamérica, que describira o ex presidente ecuatoriano Rafael Correa, “se é contra a esquerda e o progresismo, entón que os esmaguen e vexo para outra beira”, hai dous motivos concretos para o caso de Venezuela:

Juan Carlos Escotet, comprou a banca pública galega en condicións escuras. Agora é o home mais rico de Venezuela, con 3.000 millóns de euros.
  • Aliñamento ca política estadounidense. O 17 de febreiro, o sitio web “Voice of America” ​​(creado e controlado pola CIA), publicou unha nova con este titular: “España agarda capitalizar o novo enfoque de Washington cara a Venezuela”. E continuaba: “O presidente español, Pedro Sánchez, agarda atopar en Biden a un aliado de fiar, para facer fronte ao reto de promover a democratización de Venezuela. En Madrid, o goberno de esquerda de Pedro Sánchez, aplaudiu a Biden e celebra o que espera sexa un achegamento nas súas relacións”.

Ese “novo enfoque de Washington” xa fora especificado días antes polo Secretario de Estado de Biden, Antony Blinken, no Congreso dos Estados Unidos, cando se referiu á necesidade de “medrar a presión sobre o réxime dirixido por un brutal ditador, Maduro, así como tentar traballar con algúns dos nosos aliados e socios”.

  • O lobby contra Venezuela. En Madrid, formouse un importante grupo de presión política e mediática, con políticos españois e venezolanos, financiado por varias multinacionais españolas e algunhas das fortunas máis importantes de Venezuela, entre as que se atopa o dono de Abanca, Juan Carlos Escotet (quen, hai oito anos, adquirira a banca pública galega en condicións escandalosamente favorables), e a familia Mendoza, ao que pertence o fuxido Leopoldo López Mendoza (un dos “amos do val“). Ese grupo, ten moito peso nas decisións do goberno español e tamén nas da Unión Europea,

Viaxe “humanitaria”

A última inxerencia do goberno español en Venezuela – disfrazada de “interese humanitario” – foi a recente visita a Colombia da Ministra de Asuntos Exteriores, entre o 24 e o 27 de febreiro.

Pouco antes de anunciar a viaxe, a Ministra falou por teléfono co Secretario de Estado de Biden, quen lle dixo que os EEUU querían traballar con España en “desafíos compartidos”, coma o de Venezuela.  Despois, a Ministra afirmou – en contradición aberta co que di a Relatora Especial da ONU para Dereitos Humanos – que “as sancións son unha ferramenta clave das relacións internacionais“.

A xa citada web da CIA, “Voice of America”, describiu deste xeito o que podería ser o verdadeiro obxectivo da visita a Colombia: “Nun sinal de que Madrid se axusta á política exterior de Biden, a Ministra de Asuntos Exteriores española dixo que escoitou con atención as declaracións do Secretario de Estado dos EEUU, nas que explicou que cumpría traballar cos aliados americanos para promover un cambio en Venezuela “e aí estará España, por suposto“, engadiu ela”.

Felipe González e José María Aznar son membros moi activos do lobby contra Venezuela. Teñen boa amizade co presidente de Colombia, e mailo seu “padriño político”, Álvaro Uribe, vencellado a masacres e bandas paramilitares.

Pola súa banda, a súa colega colombiana anunciou que, durante a visita oficial, se discutirían asuntos de cooperación, asistencia aos migrantes e seguridade “e tamén a situación en Venezuela“. Chama a atención que, nunha axenda de traballo que inclúe asuntos humanitarios, non houbera referencia ningunha á abraiante lista de asasinatos impunes, cometidos nos últimos anos en Colombia, dos que é responsable o seu goberno: máis de 6.400 civís inocentes executados polo exército (como ven de dicir a Xurisdición Especial para a Paz en Colombia),  753 líderes sociais e 259 excombatentes que asinaran un acordo de paz.

O contido real do que decidiron ámbalas dúas ministras, en relación coa “situación en Venezuela”, pódese albiscar dunhas declaracións da minstra colombiana, feitas o mesmo día no que a súa colega española chegaba a Bogotá: “A ditadura criminal de Nicolás Maduro non merece concesións. “Venezuela é o meu principal reto pendente“.

Reforzar as agresións

Non é casualidade que o “tour” da Ministra rematase en Cúcuta, na fronteira colombo-venezolana, onde teñen as súas bases os mercenarios -protexidos e financiados polo goberno colombiano- que realizan decote ataques e sabotaxes contra o país veciño. Como anticipara Jorge Arreaza, o obxectivo da suposta “visita humanitaria” era reforzar o bloqueo e as agresións contra Venezuela, así como o apoio de España ao Tratado Interamericano de Asistencia Recíproca (TIAR), co que a OEA quer tentar a invasión do país.

Pero Pedro Sánchez, a súa Ministra de Asuntos Exteriores, Josep Borrell, Felipe González, José María Aznar, e outros políticos coma eles, seguen a dicir – sen inmutarse – que están moi preocupados pola “crise humanitaria” de Venezuela.