“O maior escándalo xudicial da historia”

Lula da Silva é un militante de rúa, non de salón. Foino desde mozo, cando – na ditadura militar – organizaba folgas xerais en São Paulo. Agora, a recuperación dos seus dereitos políticos é unha boa nova para as clases populares brasileiras e os movementos progresistas de América Latina. Nestes catro anos, tívo que se sobrepor á difamación mediática, á manipulación xudicial e ao golpe de Estado encuberto (descrito nun libro que ven de publicar o seu protagonista: “General Villas Bôas: conversa com o Comandante”) que foran a causa de que – pouco antes das últimas eleccións presidenciais – o meteran preso. Todo para que, un tal Bolsonaro, poidese ser nomeado presidente.

A decisión do xuíz do Tribunal Supremo do Brasil, do 8 de marzo, de anular as condenas que lle foran impostas, cambia radicalmente o panorama político do país. Lula poderá presentar a súa candidatura ás seguintes eleccións, previstas para dentro dun ano, con moitas posibilidades de gañar, porque – malia os ataques e as mentiras dos medios de comunicación – mantén a confianza de boa parte do pobo brasileiro.

Na última enquisa de intención de voto no Brasi,l sobre as eleccións presidenciais, publicada o pasado domingo, día 7, di que o 50% das persoas entrevistadas votarían por Lula se se presentase, a pesar de que nesa data aínda non se sabía que poidera facelo. Nesa mesma enquisa, o seu principal rival, Bolsonaro – en devalo desde hai varios meses – obtivo doce puntos menos que Lula.

Aínda que a sentenza que anula as acusacións contra el, pode ser recorrida, a opinión xeral entre avogados e xuíces brasileiros é que será legalmente imposible que se impida a súa candidatura ás vindeiras eleccións presidenciais,

A conspiración

O xuíz Sergio Moro, fabricou as probas coas que despois condenou a Lula. En recompensa, Bolsonaro nomeouno Ministro de Xustiza. Pero o “idilio” non durou moito

No  2016, Lula – quen fora presidente do Brasil entre 2003 e 2010 e mantiña unha gran popularidade – manifestou a súa intención de presentarse ás eleccións que se celebrarían dous anos despois, no 2018. Aínda que, durante a súa presidencia non cuestionou abertamente os intereses da elite brasileira, nin das grandes multinacionais que operan no país, Lula éralles incómodo, coa agravamte de que as enquisas de opinión dábannlle como claro favorito para substituir na presidencia á súa compañeira de partido, Dilma Rousseff. E as forzas escuras que estaban “incómodas”, prepararon a súa aniquilación política.

Utilizando – como pretexto – unha investigación xudicial sobre unha rede de influencias da empresa brasileira Odebrecht, un xuíz – Sergio Moro – coa colaboración de varios fiscais, fabricou probas contra Lula, a quen condenou e encarcerou un ano despois, no 2017,  apoiado nunha gran campaña difamatoria dos grandes. medios de comunicación.

Lula recorreu ante o Tribunal Supremo. Era moi probable que, dada a falsidade das acusacións e mailas irregularidades do procedemento xudicial, se lle concedese a liberdade e se puidese presentar como candidato. Daquela, maio de 2018, as enquisas de intención de voto dábanlle unha vantaxe de vinte puntos sobre o seguinte candidato, Bolsonaro.

Un colo golpista

E, neses intres, apareceu as botas do Exército. Nun libro autobiográfico, publicado o 12 de febreiro último, o que era o seu Comandante Xeral – o xeneral Villas Bôas – recoñece que o alto mando “presionou” ao Tribunal Supremo para que mantivese a Lula na cadea. Nunha entrevista posterior, ao xornal “Folha de San Paulo”, explicou que o Exército ía “intervir” no caso de que o Tribunal Supremo lle concedese a liberdade a Lula. Xustificouno así: “Temos preocupación pola estabilidade, porque o agravamento da situación cae despois no noso colo. É mellor previr que remediar”.

O Comandante Xeral do Exército, no 2018, conta neste libro (que ven de publicar a brasileira “FGV editora” ) que ameazou aos xuices do Tribunal Supremo para que non ceibaran a Lula

E a ameaza, transmitida polos militares a través de reunións privadas e dunha declaración pública (na hora de meirande audiencia), foi decisiva. Da intención de voto favorable manifestada poli Tibunal (6 xuices se declararan a prol da liberdade de Lula e 5 en contra), pasouse – nun intre – á unanimidade, rexeitándo a liberación do candidato.

Nese mesmo libro, o seu protagonista – o xeneral Villas Bôas – afirma que ao exército “non lle gustaba” a idea de que alguén de esquerda, coma Lula, chegara outra vez á presidencia do país, polo que procuraron a un candidato que poidera enfrontalo. Seica o Bolsonaro – un militar que se retirara como tenente e que tivo unha traxectoria política ridícula –  foi a mellor opción para que o Exército “recuperase o protagonismo.”

Dilma, a “vengativa”

De paso, o xeneral tamén comenta que, daquela,  se reuniu varias veces co entón vicepresidente do Brasil – Michel Temer – se cadra para preparar a destitución da presidenta Dilma Rousseff (coma de feito aconteceu) á quen os altos mandos das Forzas Armadas consideraban “vingativa” (coma ao seu partido, o PT), por investigar e denunciar os crimes contra a humanidade levados a cabo polo exército e a policía política durante a ditadura militar (1964-1985).

Despois de máis de ano e medio de cadea e cinco de inhabilitación para presentarse a eleccións, Lula ven de recuperar o dereito que lle fora arrebatado. Durante ese tempo todo, defendeu con firmeza a súa inocencia. Cando – pouco antes da campaña das eleccións presidencias do 2018 – lle ofreceran (de xeito confidencial) que, para saír da cadea enunciara á súa candidatura, escrbiu: “Se aceptase a idea de non ser candidato, estaría asumindo que cometín un delito, pero non cometín ningún. Por esa razón, serei candidato ata que apareza a verdade na prensa e os xuíces e fiscais mostren que delito cometín, ou deixen de mentir”.

O “desairado remate”

Durante o ano e medio no que Lula estivo na cadea, o seu apoio popular medrou, tanto nas enquisas de opinión coma nas movilizacións, malia a campaña mediática na súa contra

No medio dunha abafante campaña mediática, Bolsonaro gañou as eleccións prometendo “rematar coa corrupción”. Logo, nomeou como Ministro de Xustiza ao xuíz que condenara a Lula previa fabricación de probas falsas; pero a harmonía entre o presidente e o seu “ministro estrela” non durou moito, porque o xuiz dimitiu á volta dun ano e medio, acusando a Bolsomaro de interferir investigacións policiais, dando a entender que – entre elas – había acusacións de corrupción que o implicaban a el e maila súa familia.

O tal exministro, Sergio Moro, atopou traballo axiña. “Casualmente” foi contratado pola asesoría que “arranxa” as contas de Odebrecht, a empresa vencellada á rede de corrupción internacional, que el utilizara como instrumento para acusar falsamente a Lula. E, dun día para outro, pasou de ter un “idilio político” co Bolsonaro a  acusalo publicamente con teima, nunha viraxe que “The New York Times” describiu coma “A cruzada hipócrita de Sérgio Moro“.

Así que, o mesmo “The New York Times”, noutro artigo titulado “O desairado remate de Lava Jato” (nome en clave da montaxe xudicial creada contra Lula) conclúe que “a conspiración contra Lula foi vendida como a maior operación anticorrupción do mundo, pero converteuse no maior escándalo xudicial da historia”.

Mentres, a figura do Bolsonaro vai esmorecendo, a súa popularidade segue a caer e a pandemia no Brasil – da que el dixera en decembro, que estaba no remate – atópase fora de control. Un ano despois da aparición da Covid-19, o Brasil ten rexistrados perto de 12 millóns e medio de casos e de 300.000 mortes, cunha taxa – nas últimas datas – que está a superar ás 2.200 mortes ao día. É o segundo país con máis mortes, só detrás dos Estados Unidos, de xeito que, mentres no mundo se está a reducir a mortalidade, no Brasil a pandemia semella avanzar sen atrancos.

Lula: “cumpre espertar da anestesia colectiva”

Lula non esquece de onde ven. Por iso, para anunciar a recuperación dos seus dereitos políticos, elixiu o Sindicato dos Metalúrxicos de São Paulo.

O seu retorno está a ser unha gran inxección de ánimo para a esquerda brasileira, incluídos os partidos que foran críticos co seu goberno e o de Dilma, coma “Socialismo e Liberdade” (PSOL). Unha deputada dese partido, declarou ao xornalista Víctor López, de “Público”: “Hai sectores da esquerda que só apostan polas eleccións presidenciais do 2022, e iso é un erro.  Aínda temos que loitar no 2021. Apostar só polas eleccións non é axeitado, compre reforzar a loita de ¡Fora Bolsonaro!

Lula concorda niso. Nun discurso pronunciado o 12 de febreiro, para celebrar o 41 aniversario da creación do seu partido (o Partido dos Trabalhadores) dixo: “Precisamos espertar á xente desta anestesia colectiva que lle deron. Ou as persoas reaccionan, ou serán vítimas de cousas moito peores. O Partido dos Trabalhadores ten que saír á rúa a espertar á xente desta anestesia, que se espallou pola sociedade manipulada polos medios de comunicación”.