Ecuador: as eleccións da xenreira

É sabido que a historia non se desenvolve en liña recta. Hai abalos da marea na andaina dos pobos. Latinoamérica está nun deles. Se cadra, un dos fitos será o das eleccións no Ecuador o día 11 (na mesma data, haberá eleccións no Perú, merecentes doutro espazo), sempre que as manobras golpistas non poidan agromar.

Pouco despois de que Chávez gañase por primeira vez a presidencia en Venezuela, Ecuador uniuse á onda progresista de América Latina. Rafael Correa, coa súa “Revolución Cidadá”, foi elixido presidente no 2007 e mantívose durante 10 anos, ata que, no 2017, por imperativo da Constitución que el promovera rematou o seu mandato e, nas eleccións seguintes, foi substituído por un candidato do seu partido, “Alianza País”

Deslealdade

O elixido, Lenín Moreno, que fora vicepresidente con Correa, gañou as eleccións. Pero, pouco despois, renunciou ao programa co que se comprometera, aliouse coa oposición da dereita e iniciou unha campaña de persecución e acoso – xudicial e mediático- contra Correa e mailos seus colaboradores, baseada en falsas acusacións (o que foi un dos casos mais rechamantes en Latinoamérica) polo que tivo que marchar ao exilio.

Fronte ao distanciamento que establecera Correa cos Estados Unidos, Moreno, volveuse achegar ao país de Trump e Biden. Aínda agora, case ao final do seu mandato, foi a Washington a asinar as bases dun gran acordo comercial con USA.

A medida que Moreno avanzaba na súa política pro-USA, da man do Fondo Monetario Internacional (FMI), o rexeite entre a opinión pública ecuatoriana fíxose cada vez máis evidente, e – nalgunha ocasión –  o pulo das mobilizacións populares en contra súa, obrigárono a fuxir da capital. Expulsado polo seu propio partido, que o acusou de “irresponsable e desleal ao pobo ecuatoriano“, non ficou en situación de presentar a súa candidatura ás actuais eleccións.

¡Dálles, Correa!

Mentres, Rafael Correa, cunha enorme popularidade malia a campaña mediática en contra súa, promoveu unha candidatura, encabezada polo economista de esquerdas Andrés Arauz (a quen el acompañaría coma vicepresidente). Pero a candidatura, do mesmo xeito que calquera referencia a Correa, foron rexeitadas polo Consello Nacional Electoral, polo que Arauz tivo que recompoñer a súa fórmula de presentación.

Carteis coma este, no que Correa pedía o voto para Arauz. foron prohibidos durante a campaña electoral

Na primeira volta das eleccións, celebradas o 7 de febreiro, o candidato máis votado foi Andrés Arauz – coma anticiparan as enquisas – cunha ampla vantaxe sobre o seguinte candidato, o banqueiro Guillermo Lasso, que pasou a ser o seu competidor na segunda volta, a celebrar o domingo, día 11.

Arauz e Lasso representan camiños opostos para o futuro político e social do Ecuador. Andrés Arauz, quer retomar o proxecto de “Revolución Cidadá” que defendera Rafael Correa, e xa afirmou que, se gaña as eleccións, non cumprirá as condicións do acordo que pactara o Lenin Moreno co FMI – que ten provocado un gran rexeitamento popular.

O negocio do “feirado bancario”

Pola súa banda, o banqueiro Lasso – apoiado polo actual presidente Lenin Moreno – é un candidato estándar da dereita neoliberal: aliñado cos Estados Unidos e defensor da política de privatizacións e dos recortes drásticos ás axudas sociais. Por iso, mantén a súa proposta política agochada, porque sabe que non contaría co apoio da meirande parte da sociedade, do mesmo xeito que tenta ocultar o seu protagonismo, como Ministro de Economía, nas decisións que levaron, no 1999, á peor crise económica da historia do país (coñecida coma “feirado bancario“) durante a que aumentou o seu patrimonio en millóns de dólares.

Lasso obtivo, na primeira rolda electoral, un número de votos lixeiramente superior ao seguinte candidato, Yaku Pérez, da CONAIE – a meirande coalición de indíxenas – nun Estado multinacional (coma recolle a constitución ecuatoriana) e multicultural, no que os movementos campesiños teñen un importante peso na sociedade.

O Cabalo de Troia

Pero, na opinión de moitos analistas – coma o antropólogo indíxena Ollantay Itzamná – aínda que Pérez se presentou coma “ecocomunitario”, a súa carreira e o seu programa indican que a súa candidatura foi “un cabalo de Troia para desmobilizar aos pobos originarios que loitan pola súa emancipación” .

O “cabalo de Troia”, Carlos Pérez, antes de cambiar o seu nome a “Yaku”, nun cartel electoral de agosto do 2017

De feito, o xornalista Benjamin Norton, no portal “The Grazyone”, lembra que Yaku Pérez apoiou os golpes de Estado que botaron a Dilma Roussef da presidencia no Brasil, a Cristina Kirshner na Arxentina e a Evo Morales na Bolivia, así coma á tentativa violenta contra o goberno sandinista no 2018.

Dende o comezo da campaña electoral, Pérez e Lasso protexéronse mutuamente. Lasso dixo que, se Pérez chegaba á segunda volta, non dubidaría en apoialo. Pola súa banda, Pérez afirmou en público que, para Ecuador, prefería o goberno dun banqueiro ao dun progresista /correista; mesmo despois de ser desbotado como candidato, tentou que a coalición indíxena CONAIE pedira o voto para Lasso, aínda que a súa proposta non foi aceptada e a CONAIE declarouse a prol do voto nulo para a segunda volta das eleccións e mesmo o presidente da Confederación manifestou o seu apoio a Arauz pola súa defensa do Estado Plurinacional.

“Por votar polo socialismo…”

Nesta situación, Lasso, que está nas enquisas por debaixo de Arauz, redobrou as accións de campaña sucia, que xa utilizara na primeira rolda.

A estratexia de comunicación de Lasso baséase en denunciar a suposta “venezuelanización” que tenta o correísmo, unha táctica que xa non funciona noutros países de Latinoamérica, na medida en que Arxentina, Bolivia e México volveron ter gobernos progresistas e que – outros movementos populares – están a medrar en Colombia, Perú e Chile.

O candidato dereitista e banqueiro, Lasso, contratou unha chea de venezolanos, para que posaran con carteis nas rúas do Ecuador “contra do chavismo-correísmo”e logo espallalo nas redes sociais.

Por exemplo, Lasso usa de xeito masivo a imaxe de emigrantes venezolanos nas rúas do Ecuador, a pousar con carteis como “Por votar ao socialismo, estou aquí pedindo”, aos que paga unha cantidade ao día”. Estas imaxes, súbense axiña ás redes sociais, para multiplicar o seu impacto.

“Semella que a estratexia de Lasso é afondar nos sentimentos de xenreira, xenofobia, emocións negativas e, sobre todo, desprestixiar e demonizar a Arauz con novas falsas“, explica a socióloga ecuatoriana Carol Murillo.

Documentos pouco secretos

Con este mesmo obxectvo, pouco antes da primeira volta electoral, a revista “Semana”, de Bogotá, publicou documentos supostamente obtidos polo exército colombiano, nos que se tentaba vencellar á organización guerrilleira ELN co movemento político que apoia a Arauz.  Agora, xa na segunda volta, o fiscal xeral de Colombia viaxou a Ecuador para levar eses documentos á sua colega ecuatoriana, para tratar de ilegalizar á candidatura progresista. Pero os documentos resultaron ser inconsistentes.

Esta caste de montaxes non é nova. No 2008, o goberno colombiano empregara outros falsos documentos militares “secretos”, para tentar vencellar ao correísmo coa organización guerrilleira das FARC. Dez anos despois, no 2018, o actual presidente de Ecuador, Lenín Moreno, volveu pedir que se reabrira esa causa contra Correa. Como era de agardar, ningún deses procedementos xudiciais logrou pasar das investigacións previas.

258.000 contas falsas

As redes sociais son un elemento fundamental desta campaña sucia: Julián Macías Tovar, un activista contra a desinformación dixital, investigou a conta de Lasso en Twitter e descubriu que 258.000 contas que o seguen “semellan ser falsas”.

Como indica Marco Teruggi, en “Sputniknews”, a situación é “case que unha copia do acontecido en Bolivia, en novembro de 2019, durante o golpe de Estado contra Evo Morales”. Trátase dunha falsa campaña de novas contra Arauz, levada a cabo “por infinidade de grandes medios de comunicación, dende Colombia, Arxentina e EE. UU(entre outros países) e tamén por fundacións vinculadas á CIA (coma a Fundación Nacional para a Democracia – NED) ou da dereita internacional (coma Atlas Network).

Malia todo, se os intentos golpistas non poden agromar (coma xa non poideron hai meses en Bolivia), o vindeiro mes de maio haberá un novo goberno no Ecuador, que se reincorporará ao abalo da marea progresista en Latinoamérica.