O mito do “Cártel dos Soles”

O “Cártel dos Soles” é unha historia – creada pola CIA e a DEA estadounidenses – segundo a que o goberno bolivariano dirixe unha organización de tráfico de drogas dende hai mais de 15 anos. Agora reactívana, precisamente cando as Forzas Armadas venezolanas están a loitar contra bandas de narcotraficantes colombianos, na rexión fronteiriza do Apure. Venezuela solicitou a intervención da ONU, para que o goberno de Colombia asuma o control da súa fronteira, que ten abandonada para provocar un ambiente de tensión cos seus veciños.

Pero o presidente de Colombia non só deixa facer aos narcotraficantes, senón que – apoiado polos Estados Unidos (que ten unha base militar perto da zona dos combates) – tenta reactivar o mito do “Cártel dos Soles” para achantar a súa complicidade co que alí acontece.

A historia do “Cártel dos Soles” ten a credibilidade da que pode ser merecente un goberno, coma o colombiano, que ten a Álvaro Uribe coma xefe do partido maioritario. Uribe, ex-presidente do país, ten abertas 270 causas xudiciais, por delitos de asasinatos, complicidade en masacres e apoio a narcotraficantes. Un bo exemplo é o abraiante artigo, que ven de publicar o xornalista sueco Dick Emanuelsson; o artigo é o resultado dunha investigación sobre os asasinatos, impunes, dun ex-colaborador directo do Uribe e de varias personas inocentes, que tiñan información sobre o que acontecera.

Un ministro retranqueiro

Por iso, o ministro de Asuntos Exteriores de Venezuela, Jorge Arreaza, propuxo – hai días – ao presidente colombiano Iván Duque, que lera o ensaio “O mito do Cártel dos Soles”, escrito polo profesor e defensor dos dereitos humanos Fernando Casado. O libro revela a falsidade da historia toda e amosa coma, os autores da mentira, non foron quen de achegar nin unha soa proba, que lle dera un mínimo de credibilidade á súa historia,

Seica Arreaza, que viviu en Galiza de neno, asimilou a retranca da nosa terra. Nunha mensaxe de twitter di, sobre o presidente colombiano: “Sábese que Iván Duque non está afeito a ler, aínda que está afeito a mentir. Se cadra, alguén lle poida ler este rigoroso traballo dun investigador español, que demostra que o suposto Cártel dos Soles non é máis que unha creación mediática para agredir a Venezuela”.

O libro, do que ofrecemos o texto en pdf co título “O mito do Cártel dos soles. O narcotráfico, o crime organizado e a política en Venezuela“, foi editado hai  meses por “El perro y la rana” e lese sen respirar (ten só 40 páxinas de lectura e o resto son as referencias bibliográficas utilizadas polo autor).