O “lobby” dos venezolanos ricos, o gran aliado da dereita nas eleccións de Madrid

O xornalista Andy Robinson, gran coñecedor de Latinoamérica, ven de publicar na “Vanguardia” un artigo, referido a´importancia que está a ter, na campaña electoral madrileña, a comunidade de millonarios venezolanos instalada na capital do Estado, cunha presenza predominante no barrio de Salamanca.

Robinson di: “o barrio de Salamanca seméllase cada vez más ao distrito dos ricos latinos en Miami. O que máis lembra a Miami é o discurso político. Xa non hai matices. A consigna “comunismo ou liberdade”, da candidata do PP Isabel Díaz Ayuso, é un calco da que berrara Donald Trump na Florida, No barrio de Salamanca, ninguén se salva de ser acusado de “castro-chavista”. A alianza da dereita (PP) e a extrema dereita (Vox) en Madrid, avisa contra o “perigo vermello”, do mesmo xeito que en Miami acusaban a Biden de ser simpatizante da guerrilla colombiana”.

“Os cambios en España fan lembrar a Chávez”

Como é sabido, esta gran sintonía entre a dereita violenta venezolana e a dereita española toda, non é nova: ven dende o xurdimento mesmo do chavismo. No 2002, cando Chávez levaba dous anos coma presidente, Aznar apoiou un golpe de Estado en Venezuela. Daquela, os dous únicos gobernos que recoñeceran aos golpistas, foran os de España e os EEUU. Toda unha declaración de intencións, que se mantén deica agora.

Por exemplo, no 2015, Mariano Rajoy concedéralle a  nacionalidade española a Leopoldo López Gil – pai do prófugo Leopoldo López Mendoza – mediante un decreto tramitado pola vía de urxencia (reservada para casos excepcionais). Catro anos despois, López Gil foi incluído por Pablo Casado na candidatura do PP ao parlamento europeo. A nova de  Europa Press que daba esa información, engadía que se trataba “dunha fichaxe cargada de simbolismo, logo da implicación de Casado coa oposición venezolana”.

Tan é así que o PP promocionou a Lopez Gil, xa dentro do Parlamento, á responsabilidade de coordinador da Comisión de Dereitos Humanos, malia que é un individuo que non achanta a súa  ideoloxía ultra. Hai pouco declarou á COPE: “os cambios na educación e nos xuíces en España, lembran os inicios de Chávez“. Pero, para Pablo Casado, tanto Leopoldo López Gil coma o seu fillo, o prófugo fascista Leopoldo López Mendoza, pódense comparar co Nelson Mandela.

En febreiro do 2020, Pablo Casado acudiu en Madrid a presentar un libro do ultradereitista venezolano Leopoldo López Gil, a quen comparou co Nelson Mandela.

Continuando nesa mesma liña. a comezo do pasado ano, o alcalde de Madrid agasallou ca chave de ouro da cidade ao “autoproclamado” Juan Guaidó, ao que lle deu tratamento de xefe de Estado. Ao acto asistiron Pablo Casado, José María Aznar e Santiago Abascal. Ao tempo, a presidenta da Comunidade, Isabel Díaz Ayuso, impúxolle a Guaidó unha medalla creada para a ocasión: a “primeira Medalla Internacional da Comunidade de Madrid” e dixo que era “un día histórico para a liberdade”.

Facer “as Américas” en Madrid

A chamada xeral ao colectivo de venezolanos ricos, deuna Rajoy, no 2013, cunha lei que concede a residencia aos estranxeiros que merquen vivendas por valor igual o superior a 500.000 euros. Andy Robinson, di que “foi esta decisión a que desencadeou a avalancha venezolana, que aínda continúa. Madrid xa ten sona de facer menos preguntas incómodas que Florida, aos investidores inmobiliarios que chegan das Américas. Tamén lles cobra menos impostos. Madrid xa é máis interesante que Miami porque é máis permisiva”

E engade: “tan é así que os venezolanos adquiriron milleiros de propiedades de alto valor no distrito de Salamanca. Todos recoñecen que moitas desas operacións se usan para lavar cartos”. Esta afirmación de Robinson, concorda coa de diversas páxinas de xornalismo de investigación. Unha delas, “Elcierredigital”, contaba xa hai tres anos: “Madrid converteuse no novo Caracas. Os venezolanos que foxen da asfixia política e económica do goberno de Maduro, elixiron España para seguir facendo negocios e investindo o seu diñeiro. Xa compraron máis de 7.000 vivendas no barrio de Salamanca, para rehabilitalas e vendelas despois coma casas de luxo”.

Tamén invisten noutros lugares, malia que Madrid sexa o seu meirande centro de interese. Por exemplo un dos citados no artigo da “Vanguardia”, Carlos Luis Aguilera Rojas, utilizou a unha familiar da Coruña, como tapadeira para o “lavado” dos seus cartos, que incluíu a compra de pisos no centro da cidade.

Manifestación no Barrio de Salamanca, de Madrid, onde está a medrar a influencia dos venezolanos ricos. Con eles non hai xenofobia, que se reserva para aplicala contra a xente pobre.

Aínda que o artigo da “Vanguardia” distingue entre os que se poderían chamar “antichavistas de sempre”, e os de “última hora”, os obxectivos duns e doutros son semellantes. A diferenza principal é que, os de “última hora”, son xente que – ao comezo da revolución bolivariana – se introduciu nas estruturas do poder, ou se relacionou con elas, para roubar e estafar, aproveitándose da boa fe do goberno bolivariano.

Todo é negocio

Pero, alén diso, todos están na mesma beira, é dicir, no bando no que a política e os negocios andan sempre mesturados (ou, mellor dito, a política adoita ser un medio para facer negocios). Todos eles actúan de costas ao pobo venezolano, abafado polo bloqueo económico imposto por USA e a UE. O xornal “The New York Times” descríbe así a situación: “mentres millóns de venezolanos libran unha batalla cotián no seu país para sobrevivir, outros atoparon un bo acougo para os seus cartos na outra beira do Atlántico: o mercado inmobiliario en Madrid”.

E voltamos ao exemplo dun dos”antichavistas de sempre”: o pai do prófugo Leopoldo López Mendoza. En Venezuela, tanto el como a súa muller protagonizaran soados casos de corrupción, polos que tiveron que fuxir do país. Agora, dende que chegou a Madrid, sigue con negocios escuros (desta volta, inmobiliarios), ao tempo que, no ambito político, cobra mais de 100.000 € ao ano, na coordinación da Comisión de Dereitos Humanos do Parlamento europeo, dende o que se adica a promover iniciativas contra o país caribeño.

Enténdese así que o seu fillo, o prófugo Leopoldo López Mendoza, se veña de instalar nun piso en Madrid, polo que paga o modesto alugueiro de 10.000 €/mes. É a súa base de operacións, dende a que se move como lle peta. Así fixoo na súa recente – e ilegal – viaxe ao Grove, para aloxarse no chalé (tamén ilegal) do embaixador español que o protexera en Caracas. onde é doado supor que seguiron a falar de mais operacións sinistras.

Hai un ano, o alcalde de Madrid, lle entregou a Juan Guaidó a chave de ouro da cidade. Pola súa banda, Isabel Gómez Ayuso (na portada) lle deu a “Medalla internacional da Comunidade”. Ali estaban Pablo Casado, José María Aznar e Santiago Abascal

Outro persoeiro de referencia, entre os que son loubados coma “defensores da liberdade”, é o golpista Antonio Ledezma. Chegou a Madrid coa sua familia en novembro do 2017 e foi recibido por Mariano Rajoy na Moncloa. Alí falaron da “difícil situación humanitaria, política e económica de Venezuela”. Tan só un ano despois, o seu xenro foi detido, nunha operación contra o branqueo de capitais, na que se descubriron máis de 130 inmobles en Madrid e Marbella, avaliados en máis de 72 millóns de euros.

A eles, tanto lles ten

É probable que ese diñeiro sexa parte dos 1.200 millóns de dólares, que ten entregado o Goberno dos EEUU á oposición venezolana dende 2017. Aínda que o obxectivo é a “axuda humanitaria”, a realidade é que ninguén en Venezuela recibiu tal axuda, porque os cartos todos se perderon nos petos dos “intermediarios”.

Pero á dereita española e aos principais medios de comunicación, tanto lles ten. Eles seguirán a falarnos – na Galiza e en Madrid – dos “Mandelas” que loitan pola liberdade de Venezuela, e seguirán sin dicir unha palabra do bloqueo, que lle impide ao país comprar alimentos, menciñas e outros produtos básicos. E tamén seguirán a ocultar o esforzo que, malia todo, fai o goberno bolivariano para tentar garantir o acceso á comida, á saúde, á vivenda e á educación, dun gran número de persoas sen recursos ás que, até a chegada de Chávez, nunca lles fora recoñecido dereito ningún.

La comunidad venezolana de Madrid, la gran aliada de la derecha de cara al 4-M

 

Comparte:

Artigos recentes