O Parlamento de Galicia pide, por unanimidade, que remate o bloqueo económico contra Cuba

O Parlamento de Galicia aprobou este mércores por unanimidade unha proposición non de lei impulsada polo BNG que apoia a campaña de envío de xiringas a Cuba para facilitar a vacinación contra a COVID-19 nese país fronte ao embargo comercial dos Estados Unidos. A iniciativa, apoiada polo PP, condena expresamente ese embargo e insta ao Goberno galego “a que nas súas relacións coas institucións dos Estados Unidos de América expresen a condena polo mantemento do embargo económico, comercial e financeiro a Cuba, así como os anime a derrogar, o antes posíbel, as leis Helms Burton e Torricelli e insten ao Goberno español a facer o mesmo”.

A campaña de envío de xiringas a Cuba, impulsada pola organización non gobernamental para o desenvolvemento (ONGD) Solidariedade para o Desenvolvemento e a Paz (Sodepaz), vén de recibir o apoio dos concellos galegos que poñen en común as súas axudas ao desenvolvemento a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Se os concellos e deputacións enviarán 60.000 xiringas, agora o Parlamento amosa o seu apoio institucional á campaña cunha declaración apoiada polo PP na que ademais reclama o levantamento do embargo e pide á Xunta que tamén axude no envío de xiringas a Cuba.

A resolución será agora enviada a “os consulados de Cuba e Estados Unidos emprazados en Galiza, así como tamén ás embaixadas de Cuba e Estados Unidos en Madrid” e reclama á Xunta “que nas súas relacións coas institucións dos Estados Unidos de América expresen a condena polo mantemento do embargo”.

De “Praza.gal