¿De verdade, Haití precisa “axuda”?

Cando se coñeceu, o día 7 deste mes, o asasinato do presidente de Haití – un país que ocupa o posto 170 dun total de 189, en desenvolvemento humano – os grandes medios relacionaron a situación do país con explicacións coma “Estado fallido”, “incapacidade para o autogoberno”, “corrupción”, “violencia” e “pobreza”, agochando que iso todo é o resultado das continuas intervencións de gobernos estranxeiros que sofre o país – case que dende a súa independencia – en primeiro lugar os de EEUU e Francia, pero tamén outros, coma o español.

Nun país onde a meirande parte da poboación ten moi difícil acceso aos servizos e produtos máis básicos (alimentos, auga, electricidade e servizos de saúde), o presidente asasinado, Jovenel Moïse, fora elixido hai 5 anos, ofrecendo numerosas promesas electorais baixo o lema: “comeremos todos na mesma mesa”. Pero, logo das eleccións, a súa mesa seguiu reservada para os de sempre e non cumpriu ningún dos seus compromisos.

A “Somalia latina”

Naquelas eleccións, só participou o 18% da poboación. O anuncio oficial da suposta vitoria de Moïse, provocou un gran rexeite popular e unha morea de denuncias de fraude. Pero tanto o goberno dos Estados Unidos como a OEA, que patrocinaron o acontecemento, defenderon o nomeamento de Moïse, ao que seguiron a apoiar dende entón, malia os seus vencellos cas bandas armadas, a súa  insaciable corrupción (por exemplo, apropiouse de 4.000 millóns de dólares, do programa “Petrocaribe”, destinados á axuda á poboación) e a brutal represión contra as manifestacións populares, que incluíu varias matanzas, como a masacre de 71 persoas no barrio de La Saline. Nos últimos tres anos de presidencia de Moïse, máis dunha ducia de masacres de bandas vencelladas ao goberno e ás forzas policiais mataron a máis de 400 persoas en barrios non gobernamentais e desprazaron a 1,5 millóns de persoas, pero ninguén aínda foi acusado. por estes crimes.

Isto todo, aconteceu diante da impasibilidade e o silencio da chamada “comunidade internacional”, que – como é sabido – é o nome co que Estados Unidos designa aos gobernos aliñados ca súa política. Como manifestou o analista Ralph P. Chevry  ao xornal “The Washington Post”: “Estamos a ser testemuñas da creación (en Haití) dunha Somalia nas Américas“.

Dende a proclamación da súa independencia, Haiti foi cobizada e saqueada por EEUU, Francia e outros países do “noso mundo”, que condenaron ao pobo haitiano á miseria

 O país esquecido

Haití era, ao remate do século XVIII, unha colonia francesa, na que a meirande parte da súa poboación estaba formada por escravos, secuestrados en África para traballar en plantacións de azucre e café. En 1790 os escravos haitianos comezaron unha guerra de liberación contra o exército francés; durou 13 anos e 200.000 combatentes foron asasinados, ata que – o 1 de Xaneiro, 1804 – os sublevados acadaron a vitoria.

Aínda que foi o primeiro país de América Latina en lograr a súa independencia, e o primeiro do mundo en abolir a escravitude, case que non se fala da súa fazaña, como tampouco se fala do seu presente. Haití é esquecido, de xeito deliberado, pola maioría dos historiadores e dos medios de comunicación do “noso mundo”, que adoitan referirse ao país engadindo que é “o máis pobre do continente”, coma se esa fose unha circunstancia inevitable, achantando o feito de que – o que era un paraíso natural –  foi devastado e saqueado por Francia, Estados Unidos e outros gobernos cómplices.

Logo da independencia, o país tivo que pagar a Francia unha enorme cantidade de diñeiro (como garantía de que non sería invadido de novo). A cantidade era tan inmensa, que Haití tardou dous séculos en pagar a débeda, tempo durante o que a súa economía ficou abafada, condenando aos seus habitantes a unha vida de miseria.

Sempre baixo a bota “gringa”

No 1910, Haití foi invadido de novo, pero esta vez polos Estados Unidos, que impuxeron un protectorado colonial, do mesmo xeito que viñan de facer en Porto Rico e tentaran facer con Cuba e Nicaragua.

Estados Unidos permaneceu alí, con algunhas intermitencias, ata que – en 1957 – deixou ao mando ao ditador François Duvalier, que levou a cabo brutais masacres e persecucións, contra os opositores e o a poboación que os apoiaba. Cando morreu, sucedeuno o seu fillo, que foi derrocado en 1986.

O “Core Group” é unha alianza de gobernos, dirixida polos EEUU e Francia, na que tamén está o goberno español, que manexan á política e a economía de Haití

Dende aquela, os presidentes de Haití – agás Jean-Bertrand Aristide – chegaron ao Palacio Nacional coa intervención, o golpe de estado ou a ocupación, da man das administracións norteamericanas.

O que aconteceu co presidente Aristide é unha boa mostra do abafante control político externo. En 1991, nas primeiras eleccións democráticas que se celebraron no país,  Aristide – anticolonialista militante – fora elixido cunha gran maioría de votos. Só sete meses despois, destituírono mediante un golpe militar apoiado polos Estados Unidos.

Roubo baixo a protección da ONU

Dez anos despois, Aristide volveu presentarse ás eleccións e, de novo, gañou. Pero, por segunda vez, foi destituído. Nesta ocasión o instrumento foi un exército, chamado “Forza Multinacional Provisional”, composto principalmente por militares dos Estados Unidos, Francia e Canadá. Aínda que Sudáfrica esixiu á ONU unha investigación, a petición non só non foi escoitada, senón que se creou unha forza de ocupación militar baixo o retranqueiro nome de “Misión de Estabilización das Nacións Unidas”, que foi unha nova calamidade para Haití, polos asasinatos, roubos e abusos que cometeu.

No 2010, o país sufriu un enorme terremoto, que serviu de pretexto para outra intervención aberta dos Estados Unidos, que enviou 20.000 marines.

Os “amigos de Haití”

A situación de Haití, como país colonizado non cambiou moito dende entón. Na práctica, as principais decisións políticas tómanse pola alianza dun grupo de gobernos, chamado “Core Group”, formado – entre outros – por Estados Unidos, Francia e España. Aínda que se autoproclaman “amigos de Haití” á súa suposta “amizade” só consiste na defensa de intereses económicos e políticos contrarios á poboación haitiana.

Moïse, o presidente asasinado, era o candidato dun partido controlado polos sucesores das estruturas políticas creadas, anos atrás, durante a longa ditadura de Duvalier. Dende esa posición, mantivo vencellos moi firmes cos gobernos dos Estados Unidos (tanto o de Trump coma o de Biden), actuando como un axente dos intereses norteamericanos na rexión. Dese xeito, recoñeceu ao autoproclamado Guaidó coma presidente “de Venezuela, sabotou iniciativas de integración rexional como a Comunidade de países do Caribe (CARICOM) e fíxose colaborador estreito dos gobernos máis neoliberais de América Latina, coma Colombia e Brasil.

O “Plan Colombia”, creado polos EEUU hai 21 anos cunha dotación multimillonaria, ten como obxectivo adestrar a militares colombianos contra o “inimigo interno” e – con pouco disimulo – tamén contra os gobernos “non amigos” de Latinoamérica.

O que non serve, tírase

Malia iso, Moïse comezou a deixar de ser útil aos Estados Unidos, para o manexo da política interna do Haití, por mor dos conflitos que mantiña con outros sectores da elite haitiana e tamén polo rexeitamento popular que estaba a xerar.

Non semella, entón, unha causalidade que o grupo armado que o asasinou, estivese dirixido por mercenarios norteamericanos (que sempre tiveron protección e impunidade para interviren en Haití) e integrado por colombianos, vencellados a “grupos de intervención” formados e financiados polos Estados Unidos, mediante o coñecido “Plan Colombia“, un programa multimillonario de asistencia militar, para actuar en Latinoamérica.

Neste contexto, logo do asasinato, Biden declarou estar “preparado para axudar a Haití”. Tamén o presidente colombiano, Iván Duque, expresou a súa solidariedade coa familia de Moïse, por ser “un gran amigo de Colombia”, opinión que sería máis crible se non fose porque un dos detidos polo asasinato é parente directo do conselleiro presidencial colombiano de Seguridade Nacional colombiana e mesmo porque outros detidos son soldados en activo do seu exército.

A axuda que precisa

Como di o xornalista Lautaro Rivara, membro dun grupo de solidariedade co país caribeño: “A crise en Haití non é abstracta nin eterna. Non é un Estado fallido, nin a súa poboación ten unha propensión natural ao caos, á inestabilidade ou ao desgoberno. A crise ten causas e responsabilidades precisas. Non se pode comprender sen a permanente inxerencia estranxeira no país. A axuda e a cooperación que precisa Haití é a dos gobernos populares, forzas progresistas e dos militantes de esquerda do mundo”.