Nicaragua, cando o amencer xa non é unha tentación

Nicaragua é unha terra de poetas, que rexorden cando a luz entra polas xanelas.

Foi o que aconteceu en 1979, logo do triunfo da revolución sandinista, cando se fixo a campaña de alfabetización plurilingüe que, en 5 meses, reduciu o analfabetismo do 52% ao 12%. Daquela, os “muchachos” que puxeran escolas, foran testemuñas asombradas de que moitos campesiños, en canto aprenderon a escribir, facían poemas. Ao mesmo tempo, nas comisarías – onde a guerrilla substituíra á sinistra “Garda Nacional” – creáronse obradoiros de poesía, coa participación entusiasta das novas forzas da orde.

Pero os “nicas” tamén son un pobo combativo. Dende a súa independencia do Estado español, no 1821, tiveron que rebelarse unha e outra vez contra os intentos dos Estados Unidos de mantelos baixo o seu dominio.

No ano 1936, o exército estadounidense, na súa retirada de Nicaragua, deixou ao mando a Anastasio Somoza, quen estableceu unha ditadura tan brutal que o entón presidente dos Estados Unidos, Franklin Roosevelt, deu unha opinión que quedou para a historia: “Pode ser un fillo de puta, pero é o noso fillo de puta”. Vinte anos despois, o ditador foi executado por un poeta.

Ao primeiro Somoza sucedérono os seus dous fillos á fronte do país, sempre co apoio de EEUU até que, en xullo de 1979 – logo de 42 anos de ditadura e 18 de loita armada – triunfou a insurrección sandinista.

“Axuda humanitaria”

De seguida, os Estados Unidos adestraron e financiaron un exército de mercenarios, a “Contra”, que instalou as súas bases en Honduras (onde, segundo revelara “The New York Times”, recibían armas dende os EEUU encaixadas coma “axuda humanitaria”). Dende alí, atacaron aldeas indefensas para aterrecer á poboación, prenderon lume ás colleitas, sabotaron instalacións de servizos básicos e vías de comunicación e minaron portos. Estas agresións foran confirmadas polo Tribunal Internacional da Haia, nunha sentenza que ordenou aos Estados Unidos “rematar inmediatamente toda acción contra Nicaragua”.

Pero, malia a sentenza, non só a “Contra” mantivo os seus ataques senón que, ademais, o goberno norteamericano iniciou un bloqueo económico contra o país, semellante ao que estaba a aplicar contra Cuba e, despois, tamén contra Venezuela. Aínda que os os sandinistas gañaron as primeiras eleccións democráticas, celebradas en 1984, seis anos despois, a candidata da dereita (apoiada por EEUU) gañou as seguintes eleccións, baseando a súa campaña en que a súa vitoria ía significar o remate da guerra e do bloqueo económico, como así aconteceu ao día seguinte.

Os sucesivos gobernos de dereitas, liquidaron os avances sociais que establecera o sandinismo en saúde, educación, vivenda, alimentación ou transporte. Ademais, renunciaron ao pagamento polos Estados Unidos da indemnización económica prevista na sentenza do Tribunal Internacional, que o goberno sandinista estimara en 17.000 millóns de dólares.

En Managua, no mes de agosto, celébranse as festas en honra do Santo Domingo, as mais populares do país, cheas de colorido e música. A xerarquía católica adoitaba acudir; pero este ano se negou, alegando que había “intereses” na celebración das festas.

No 2006, o pobo nicaraguano volveu dar o seu voto maioritario ao Frente Sandinista, unha decisión que repetiu nas seguintes eleccións de 2011 e 2016 (nestas últimas co 72% dos votos). A partir de entón, EEUU retomou as agresións económicas e políticas, coma o bloqueo de préstamos internacionais, cos que Nicaragua estaba a financiar os seus investimentos públicos.

“Guarimbas” como en Venezuela

Volveron tamén as ameazas, a desinformación e a inxerencia aberta dos EEUU contra o seu pequeno veciño centroamericano, promovendo e financiando calquera posibilidade de conflito, como as accións violentas de 2018 (semellantes ás “guarimbas” de Venezuela), que causaron máis de 200 mortos, para forzar a dimisión do goberno sandinista.

Coa chegada de Biden á presidencia dos Estados Unidos e a proximidade das eleccións en Nicaragua (previstas para o vindeiro 7 de novembro), multiplicáronse as intervencións de USA e mailos seus aliados, incluído o pago de millonarias cantidades de cartos para apoiar ás candidaturas que eles foron modelando. Unha das últimas, foi a aprobación – a primeiros de agosto – polo Senado norteamericano, dunha lei (a “RENACER Act)” que tenta estrangular a economía do país caribeño.

O xornalista e investigador estadounidense Ben Norton, nun recente artigo titulado: “Como a USAID, fachada da CIA, creou o aparello mediático anti-sandinista“, que publica “The Grayzone”, describe polo miúdo o xeito estadounidense de financiar e controlar á oposición e aos medios de comunicación nicaraguanos, dende que – hai 14 anos – o sandinismo recuperou o goberno do país. O informe cita, entre os financeiros da oposición, á Axencia Española de Cooperación Internacional, da que di que “segue o modelo ilegal da USAID” (axencia da CIA).

A Axencia Española de Cooperación, financia á oposición nicaraguana. Nesta transferencia, baixo o suposto obxectivo de axudar a “mozos emprendedores da comunicación”, se achanta un dos pagamentos á familia Chamorro, a mais poderosa do país, que controla a practica totalidade dos medios de comunicación privados.

Cataluña e os GAL

Para enfrontar esta situación, a Asemblea (Parlamento) Nacional de Nicaragua, aprobou dúas normas:

• “Regulación de axentes estranxeiros“, que obriga aos partidos políticos e organizacións sociais a informar sobre o financiamento exterior que reciben.
• “Defensa da independencia, a soberanía e a autodeterminación“, que establece que ningún partido político pode recibir financiamento externo, e que “calquera persoa que apoie a imposición de sancións ao Estado de Nicaragua” non se poderá presentar como candidata ás eleccións.

A aplicación de ámbalas dúas leis, permitiu comprobar o continuado financiamento ilícito recibido pola oposición, achantado mediante “lavados” sistemáticos de cartos.

O goberno español apoiou as manobras todas promovidas polos EEUU, tanto a través da embaixada en Caracas como dende Madrid,

Por exemplo, hai días recriminou ao goberno nicaraguano que, as leis aprobadas pola Asemblea, estaban “moi lonxe das recomendacións da OEA e da UE” e “instouno” a rectificar. Pero volveu saíu escaldado: o goberno sandinista lembroulle que o Estado español non só non ten autoridade política ningunha sobre Nicaragua, senón que nin sequera ten autoridade moral para falar de dereitos humanos e democracia, como demostra a represión dos independentistas cataláns e, nos anos 80, os asasinatos de independentistas vascos polos GAL.

“El País” nas “catacumbas”

Dentro do país caribeño, na campaña de ameazas, desinformación e medo, participan tanto a elite como a Xerarquía Católica, que nunca ten agochado a súa antipatía pola revolución sandinista. O 9 de agosto, a arquidiocese de Managua publicou un comunicado no que proclamaba que “o proceso electoral, vívese con medo“. Simultáneamente, alegando ese mesmo “medo”, o cardeal de Managua negouse a bendicir as festas patronais, porque dixo que vía “intereses” nesa celebración popular, a mais importante na cidade dende hai séculos.

As enquisas de intención de voto indican que a Frente Sandinista é a opción preferida – con moita diferenza – para as próximas eleccións. En prevención de que isto se confirme o día das votacións, os EEUU e mailos seus aliados andan a tentar manipular á opinión pública internacional. O obxectivo é que, se non gañan os seus, eles poidan facer acusacións de fraude e, dese xeito, xustificar novas agresións contra o país. Os grandes medios de comunicación que eles controlan, participan nesa operación sen disimulo ningún. É o caso do xornal “El País”, que comeza así un dos seus artigos recentes (“Nicaragua, o “gulag” centroamericano“): “Nicaragua vive días de terror, … … percorremos Managua e falamos nas catacumbas cos perseguidos”.

Ocupación: comandante de mercenarios

Se cadra por iso, pódese entender que o mérito mais salientable do candidato da oposición, Óscar Sobalvarro, sexa a súa condición de ex-xefe dos mercenarios da “Contra”, que mantivo durante 10 anos o terror en Nicaragua. Tan é así que, no seu perfil de Wikipedia, a sección “información profesional”  só inclúe esta referencia: “Ocupación: comandante

Na presentación da súa candidatura, non perdeu moito o tempo: deixou caer o que podería pasar, se non fose elixido: “os nicaraguanos – dixo – non queren volver mirar sangue nas rúas, como en 2018 [as manifestacións violentas, organizadas pola oposición, nas que el participou moi activamente], nin nas montañas, como nos anos 1970 e 1980 [os anos do terror da “Contra”, da que el fora un dos xefes]“.

O candidato da oposición nas vindeiras eleccións, Óscar Sobalvarro, foi comandante do exército de mercenarios organizado polos EEUU en Honduras, que – logo do triunfo da revolución sandinista, levou o terror a Nicaragua durante 10 anos.

O xornalista francés Maurice Lemoine, nun artigo do pasado mes de xullo, no que analiza a situación en Nicaragua, refírese ao plano que EEUU ten redactado para provocar a desestabilización do goberno, xa sexa antes, durante ou despois das eleccións nicaraguanas. O plano está recollido nun documento que se chama Responsive Assistance in Nicaragua (RAIN) e – entre outras cousas – prevé, desde o 11 de agosto de 2020 ata o 10 de febreiro de 2022, a asignación de 2 millóns de dólares para acadar unha “transición ordenada” e “realizar unha purga dentro do exército e a policía sandinistas”.

Sen medo ás emboscadas

Dito doutro xeito, o documento da por feito o derrocamento do goberno sandinista aínda que gañe as eleccións a celebrar o 7 de novembro, como xa acontecera nunha chea de países de Latinoamérica e o Caribe e, desde hai 20 anos, tentan facer en Venezuela.

Pero este país de poetas, que defende a súa independencia, non lle ten medo ás emboscadas porque, como dixera o gran comandante sandinista Tomás Borge: “o amencer xa non é unha tentación”.

 

1 Trackback / Pingback

  1. Eleccións en Nicaragua, o pequeno país que desafía aos Estados Unidos - Agrupación Xosé Velo

Comments are closed.