O roubo, en nome dos dereitos humanos e da democracia

Dende que Thomas Jefferson, un dos primeiros presidentes dos EEUU, dixera que “América ten un hemisferio para si” (cunha lóxica semellante á que o levara a dicir – tendo mais de 600 escravos – que “tódolos homes son iguais”), a actitude dos EEUU respecto aos veciños do Sur que non lle son submisos, non se moveu nin un centímetro.

O roubo que USA está a facer das propiedades de Venezuela no estranxeiro (no nome dos “dereitos humanos” e da “democracia”) confirma-o de cheo.

Das múltiples agresións que está a aturar o pobo venezolano, estes roubos – son os que mais están a afectar ás condicións de vida no país. O Goberno dos EEUU valeuse de dous instrumentos para executalos:

  1.  A autoproclamación dun suposto “presidente interino” (que non ten mando ningún)
  2. A colaboración de gobernos cómplices, nomeadamente o británico e o colombiano, pero tamén doutros, coma o español ou o portugués.

Un “presidente” feito á medida

Cando, hai tres anos, Trump anunciara que ía recoñecer ao “presidente interino” de Venezuela, un tal Guaidó  – autonomeado sen xustificación legal nin votación ningunha –  a súa decisión daba para sospeitar, porque o “interino” non tiña poder real.

Axiña xurdiu a explicación: o goberno USA ordenou confiscar, de xeito inmediato, tódolos bens de Venezuela no estranxeiro e, aparentemente, deixounos nas mans do Guaidó.  A mais importante de tódalas propiedades confiscadas, foi CITGO, avaliada en 11.000 millóns de dólares, que é a sucursal nos EEUU de “Petróleos de Venezuela” (PDVSA).

Manifestación diante do Banco de Inglaterra, en Londres, contra o roubo do ouro de Venezuela. Apañar ese ouro, foi o primeiro obxectivo do autoproclamado “presidente interino”.

CITGO ten, en Norteamérica, tres refinerías con capacidade de case que 800.000 barrís/día e máis de 5.000 gasolineiras. Guaidó xustificara o seu roubo, dicindo daquela que ” tomamos esta decisión para garantir que CITGO segue a ser venezolana“.

Pero o caramelo duroulle pouco: só o tempo xusto para que os EEUU e mailos seus amigos apañasen o botín. Unha vez  rematada a operación, o goberno USA ven de dicidir que a “presidencia interina” só dura até xaneiro, intre no que CITGO será vendido polo Departamento do Tesouro dos EEUU.

Corsarios no século XXI

No Banco de Inglaterra, están depositadas 31 toneladas de ouro, propiedade de Venezuela, por un valor de 1.200 millóns de dólares. O Goberno británico tiña como obxectivo o seu roubo dende, ao menos, un ano antes da autoproclamación do Guaidó. Non foi, pois, por acaso que o “presidente interino” enviara a súa primeira carta como  suposto “presidente” de Venezuela ao Goberno inglés.

A medida foi apoiada polos xuíces e mailo Parlamento, nunha decisión que – como di o escritor arxentino Roberto Montoya – “é máis propia da arbitrariedade do imperio británico dos séculos XVII e XVIII, centrado especialmente nas Américas, que nunha democracia do século XXI”.

O deputado inglés que fixo a primeira petición formal, para que non se devolvera o ouro a Venezuela, declarou sen inmutarse: “as nosas preocupacións son os dereitos humanos e o destino final do ouro, que pertence ao pobo venezolano”.

No pasado mes de marzo, cando a pandemia da covid batía con forza, e Venezuela tiña bloqueadas tódalas súas contas bancarias no mundo, o Goberno bolivariano propúxolle ao inglés a transferencia de parte dese diñeiro – 300 millóns de dólares – para mercar vacinas. Mesmo lle indicou que a transferencia non a fixeran a Venezuela, senón ao Programa da ONU para o Desenvolvemento (PNUD), coa finalidade de que ese organismo das Nacións Unidas xestionase directamente a compra; pero o goberno inglés negouse.

A festa do saqueo

Fábrica da empresa Monómeros, na beira atlántica de Colombia. A súa produción de fertilizantes é vital para a agricultura venezolana. O pasado 6 de setembro, o Goberno colombiano anunciou unilateralmente que a interviña, malia que é propiedade de Venezuela

O roubo mais recente de bens de Venezuela no exterior é o da empresa Monómeros, que facturou 1.100 millóns de dólares o pasado ano. Como di o analista Gilberto Jiménez en RT: “É  a festa do saqueo dos recursos do país a través de Guaidó, que comezara co CITGO.

Monómeros ten as súas instalacións básicas en Colombia. Era de propiedade público-privada, até que Venezuela, sendo Hugo Chávez presidente, comprou as accións que estaban en mans privadas, para convertela nunha compañía 100% estatal, pola súa importancia para a agricultura venezolana.

Pero, o pasado 6 de setembro, o Goberno colombiano – a través dunha das súas axencias – anunciou, unilateralmente, que interviña a empresa. Tentou xustificar o seu roubo, baseándose nunha supostas “situacións susceptibles de mellora, nos procesos económico, legais e administrativos” da compañía que – loxicamente – non concretou.

Esta decisión aconteceu días despois de que o goberno de Venezuela e a oposición comezaran unhas negociacións en México, nas que estaba previsto falar da demanda do goberno bolivariano para a devolución das empresas incautadas no estranxeiro.

O patriotismo da extrema dereita

Non foi por acaso que, de súpeto, o presidente de Colombia, Iván Duque, advertise sobre o perigo de acordos que poderían “consolidar a ditadura de Nicolás Maduro en Venezuela”. Aínda dúas semanas despois, o 21 de setembro – nun discurso na Asemblea Xeral da ONU –  volveu criticar os diálogos entre o Goberno e a oposición venezolanos, que continuaban en México.

A organización de extrema dereita Voluntad Popular, liderada polo prófugo Leopoldo López (acollido polo goberno español) e na que milita o “presidente interino” Guaidó, xa manifestou que concorda co roubo de Monómeros, o que confirma a súa idea do patriotismo. Esta actitude non é compartida por toda oposición venezolana.

 

O Goberno de EEUU nomeou “embaixador” para Venezuela a James Story. Ten o seu cuartel xeral en Colombia, onde celebra reunións e da instrucións á meirande parte da oposición venezolana, incluído o prófugo da xustiza Leopoldo López, que reside en Madrid

Un mafioso, presidente do Senado

Un aspecto especialmente tenebroso do asunto Monómeros, é que semella moi probable que, esa empresa, estea no obxectivo dunha das meirandes mafias colombianas: o “Clan Char“, vencellado ao político ultradereitista Álvaro Uribe. Este clan, conectado a unha gran rede de corrupción, ten sido denunciado por delitos coma mercar votos, financiar campañas de xeito ilegal (incluídos subornos da empresa brasileira Odebrecht) e polos seus vencellos co paramilitarismo, entre outras acusacións.

Segundo publicou a web “La Tabla”, na súa conta de Twitter, a incautación  de Monómeros polo Goberno colombiano, e maila súa posible venda a este grupo mafioso, se estarían a tramar dende o Senado de Colombia, cuxo presidente, Arturo Char, é un dos “xefes” do clan. E, como lembra o principal candidato de esquerda ás vindeiras eleccións presidenciais, Gustavo Petro, o presidente de Colombia non tería a actual maioría no Congreso, sen os votos ligados a esa rede.

Sempre en nome dos dereitos humanos

O especialista en políticas públicas, David Paravisini, di que “no recente acordo asinado en México, a mesma oposición venezolana recoñéceuse como tal e non como Goberno. Sen embargo, os EEUU, Colombia e Inglaterra teiman a dicir que recoñecen a un suposto Goberno que non existe, para apropiarse de bens públicos de Venezuela”.

Por suposto, eses países, ca complicidade doutros – coma o Estado español – xustifican estes roubos ca ladaíña de que son só en defensa dos “dereitos humanos” e da “democracia”.

Comparte:

Artigos recentes