México: a extraordinaria “Cuarta Transformación”

Na Galiza, o nome de México transmite a emoción dun país que está sentimentalmente perto, malia a distancia xeográfica que nos separa. É así, porque México sempre recibiu á nosa emigración coas portas abertas, incluíndo aos exiliados da guerra civil, que foran acollidos de xeito extraordinario.

Agora, un presidente nacionalista e de esquerda, Andrés Manuel López Obrador (AMLO), está á fronte dun goberno paritario de homes e mulleres, que loita con éxito a prol da mellora das condicións de vida do pobo, da rexeneración da política, da soberanía do país e do achegamento ao resto de  Latinoamérica, para cumprir o que – no seu programa electoral – chamou “A Cuarta Transformación da vida pública de México”

López Obrador é unha persoa sinxela, austera, que fala “sen papas na boca” e rexeita as formalidades da política. O diario “La Jornada” conta que – dende que foi elixido presidente – as elites empresariais, sociais e políticas, os medios de comunicación e as multinacionais o están a atacar “contra vento e marea“. Dende aquela, en decembro do 2018, multiplicou os programas de axuda social, mantén unha dura batalla contra a corrupción e os abusos das empresas multinacionais, e volveu situar a México coma un país de referencia en América.

Velaí algúns dos seus principais desafíos:

PENSIÓNS E AXUDAS SOCIAIS

AMLO subiu as pensións como non tiña acontecido nos últimos 40 anos e comprometeuse a que, para xaneiro de 2024, as pensións dos adultos maiores serán o dobre das actuais.

Conseguiu que o 65% da poboación mexicana xa se estea a beneficiar dalgunha axuda económica. O seu compromiso é que, antes de dous anos, esa porcentaxe chegue ao 70%.  Pois que os Gobernos anteriores privatizaran a Banca pública, ven de crear un gran Banco estatal, para que o diñeiro dos programas sociais se poida entregar sen intermediarios e tamén para que, as persoas beneficiarias, poidan cobrar subvencións, ou recibir créditos baixo palabra, en calquera das instalacións dese Banco.

REFORMA DO SECTOR ELÉCTRICO

A reacción envelenada das empresas españolas, á reforma da subministración de enerxía eléctrica en México, está a ser encabezada por Iberdrola, da que López Obrador dixo que conseguira contratos “de xeito gansteril”, comprando a políticos. É a mesma banda que toca eiquí, a interpretar a mesma música, aínda que aló, agora, faino sen resultado ningún

De tódalas iniciativas que lanzou o presidente, a que máis impacto mediático tivo foi o seu Plano de Reforma do sector das empresas de subministración eléctrica, que anula a privatización realizada por Gobernos anteriores, aos que o Presidente acusa de entregarse ás multinacionais (entre as que as españolas ocupan o lugar máis importante). O Plano inclúe un compromiso coa cidadanía de redución da factura da luz.

AMLO di que, no México, “xa pasou o tempo no que os políticos estaban ao servizo das empresas

Esta reforma significa unha viraxe radical de provedores de enerxía eléctrica. Agora, pásase a dar preferencia ás empresas públicas fronte as privadas, porque “non se lle pode dar o mesmo trato a Repsol ou a Odebrecht que a unha empresa pública sen ánimo de lucro, para que non medre o prezo da electricidade”.

O “XEITO GANSTERIL” DAS EMPRESAS ESPAÑOLAS

A reforma provocou unha reacción inmediata das multinacionais españolas con intereses no país, entre elas Iberdrola, OHL ou Repsol, que están a promover unha campaña mediática contra o Goberno. López Obrador acusounas de obteren “contratos abusivos á custa de México e manter vencellos ocultos con altos cargos dos Gobernos anteriores”.

Sinalou nomeadamente a Iberdrola: “o exemplo máis claro, vergoñento e humillante que, de xeito gánsteril, levou a traballar con eles á ex-Ministra de Enerxía do Goberno Federal, e tamén levou ao expresidente Felipe Calderón ao seu Consello Directivo”.

Ao remate, é exactamente o mesmo procedemento das “portas xiratorias”, que seguen a practicar de xeito cotián no Estado español, con ex-presidentes do Goberno (como Aznar ou Felipe González), ou ministros (como Josep Borrell).

López Obrador – citando ao xornal “El País” – cuestionou que “todo o que ten que ver connosco, coa loita contra a corrupción, sexa criticado polos medios nacionais e estranxeiros, que calan coma momias cando lles convén, e berran coma pregoeiros cando cadra defender os intereses dos grupos económicos e políticos”. “Que se entenda ben – engadiu – México non é terra de conquista, non virán a nos saquear”

OFENSIVA DAS MULTINACIONAIS

A revista “The Economist”, copropiedade dos banqueiros Rothschild, publicou no mes de xuño, na véspera das últimas eleccións en México, un feroz editorial contra López Obrador, ao que chamou “falso Mesías”, acusaba-o de ser un “perigo para a democracia” e pedía que se votara en contra súa.

Os ataques contra AMLO son exhibidos abertamente polos seus promotores. Dese xeito, directivos das grandes empresas españolas, que andan a facer negocios en México, proclamaron: “durante o primeiro ano do goberno de López Obrador, as empresas españolas estivemos a agardar, pero agora estalou unha guerra“, contra do presidente.

Segundo eles, “a pinga que rebordou o vaso, foi precisamente a reforma do sector eléctrico. Nesta guerra, ademais das empresas xa citadas, tamén participan – entre outras – Naturgy (Unión Fenosa), Banco Santander, BBVA, e Acciona (investigada en México por branqueo de capitais).

Tamén participan os máis salientes medios internacionais, como a revista “The Economist”(da Banca Rothschild), que, o pasado mes de xuño, días antes da celebración en México dunas eleccións parlamentarias decisivas, publicou un editorial, longo e agresivo contra López Obrador, no que o acusou de ser un “perigo para a democracia” e pedía abertamente, ao pobo mexicano, que non votase polo seu partido (Movemento de Rexeneración Nacional).

O texto foi reproducido con entusiasmo polos principais medios internacionais. Pero non acadaron o seu obxectivo: nas eleccións gañou o partido do Presidente e mailos seus alidados.

A ofensiva, mediática e política, continúa con moita forza. As multinacionais do sector eléctrico seguen a tentar transmitir a súa “gran preocupación” pola reforma.  Pero é evidente que o seu senso da “preocupación” é selectivo: na nosa terra, a esas mesmas empresas non se lles ve preocupación ningunha pola gran estafa que están a cometer contra a cidadanía, nomeadamente dende o pasado mes de xuño, cando as tarifas de electricidade comezaron a bater “récords” de xeito cotián, diante a pasividade do Goberno.

O MAL VECIÑO

No libro “A CIA en México“, o xornalista Manuel Buendía (asasinado pouco despois da súa publicación) explicou como a CIA utilizaba a súa presenza no país para controlar aos Gobernos e, se non se sometían, provocarlles conflitos ou mesmo dar golpes de Estado.

Como é ben sabido, os Estados Unidos é un veciño afeito a impor o que quer á meirande parte dos países latinoamericanos. Este tamén era o caso de México, até que chegou López Obrador e – como di a cantiga do cubano Carlos Puebla – “ordenou a parar”. Velaí algunhas das súas intervencións:

  • Aboliu a inmunidade diplomática, coa que axentes da CIA e da DEA actuaban no país, mesmo por enriba dos Gobernos, sen atranco ningún.
  • Denunciou o financiamento que daban os Estados Unidos a varias ONG e medios de comunicación ao servizo da dereita mexicana
  • Respondeu con firmeza ao Goberno USA, polas acusacións oficiais sobre os dereitos humanos en México. Como manifestara López Obrador: “Nós, non dixemos a nosa opinión sobre as violacións dos dereitos humanos nos EEUU, somos respectuosos. Entón, ¿por que o  seu Goberno opina sobre asuntos que só son unha cuestión interna dos mexicanos?”
  • Enfrontouse ao lobby dos agronegocios, promovido por empresas coma Monsanto, e protexido polo Tratado de Libre Comercio cos EEUU e Canadá, que impuxera en México o uso masivo de agroquímicos contaminantes.

A MENTIRA DO FMI

O Fondo Monetario Internacional, estaba afeito a impor as súas “recomendacións” a prol da elite económica e dos grandes investidores estranxeiros. AMLO cortou radicalmente a situación: “Xa non son eles os que ditan a axenda do Goberno de México”, dixo. E engadiu: “é incrible que aínda haxa Gobernos que o escoiten (ao FMI)”.

Xustificou a súa decisión cun comentario que paga a pena enmarcar: “Non vou endebedar ao país para rescatar aos potentados e que amoreen máis riqueza, mentres a xente é cada vez máis pobre. Ese é o modelo que eles recomendan: axudar aos de arriba coa falsa idea de que, se aos de arriba vailles ben, tamén iralles ben aos de abaixo”.

INTEGRACIÓN DE LATINOAMÉRICA

A Organización dos Estados Americanos (OEA), á que Fidel Castro cualificara coma o “Ministerio de Colonias dos Estados Unidos”, baixou o último chanzo do descrédito coa súa participación no golpe de estado en Bolivia, contra Evo Morales, no 2019.

López Obrador dixo, o pasado mes de xullo, diante dos dirixentes de 33 países latinoamericanos e caribeños, que cumpría traballar para substituír a OEA por “un organismo verdadeiramente autónomo, non lacaio de ninguén, pois temos motivos poderosos para afirmar a nosa soberanía e amosar que non somos un protectorado, unha colonia ou o patio traseiro (dos EE. UU.)”.

Non foi por acaso que fixera esta intervención na asemblea da Comunidade de Estados Latinoamericanos e do Caribe (CELAC), creada a iniciativa de Hugo Chávez para avanzar na integración desa gran rexión do mundo.

Na Asemblea da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC), celebrada en xullo no México, Lopez Obrador defendeu a necesidade de substituír a OEA por un organismo independente dos EEUU. Se cadra, estaba a matinar na CELAC, que fora impulsada por Hugo Chávez

CUBA, PATRIMONIO DA HUMANIDADE

É un defensor teimudo a prol de Cuba e contra o bloqueo estadounidense, do que dixo que é “medieval” e “inhumano“.

Aínda o pasado 16 de setembro, na celebración do Día da Independencia de México, declarou: “Coido que, pola súa loita en defensa da soberanía do seu país, o pobo de Cuba é merecente do premio da dignidade. Por ese motivo a illa debería ser declarada patrimonio da humanidade e, polo seu exemplo de resistencia, debería ser considerada coma a nova Numancia“.

OS PARTIDOS DE ESQUERDA NO ESTADO ESPAÑOL

Hai meses, AMLO lembroulle ao Goberno español a súa petición respectuosa – feita hai dous anos – para que pedira desculpas polos “excesos de autoritarismo” cometidos por España na “conquista” de América. Pedro Sánchez e mailo rei non só non lle responderon, senón que “filtraron” a súa carta aos medios. E López Obrador denunciou: “entón, comezaron os ataques en contra miña e do meu Goberno, tanto das autoridades españolas coma dos intelectuais pro-monárquicos coma Vargas Llosa e outros escritores, da prensa, da radio e da televisión en España, con moita prepotencia. Esquecen que o poder é humildade”.

Lembra tamén que o Goberno de México mantén unha relación de respecto co pobo de España, pois “as diferenzas son só co Goberno e cos cumios do poder”. E, ao referirse aos partidos de esquerda no Estado español, dixo: “O franquismo está a xurdir en España, porque os partidos de esquerda deixaron espazos de liderado e se esvaen. Non ancoran, zigzaguean, queren estar no centro, malia que compre representar a algo e a alguén con moita claridade. Hai algúns partidos que se definen a si mesmos como de esquerda pero, cando queren “quedar ben”, esváense e a xente xa non sabe a quen representan”.

“É ERRADO QUERER ESTAR A BEN COS DE ENRIBA”

Despois de case que tres anos de Goberno, e malia a abafante campaña de manipulación mediática en contra súa, o presidente López Obrador segue á beira do pobo a defender a soberanía do seu país, cun nivel de aprobación superior ao 60%, case 10 puntos por enriba da que obtivera cando foi elixido presidente. El o explica deste xeito: “é errado matinar que un se vai manter só con relacións públicas, estando a ben cos de arriba e xestionando unha boa imaxe diante dos medios de comunicación.”

Comparte:

Artigos recentes