Venezuela: “tede coidado con esa xente”

Cando o gran novelista e político venezolano Rómulo Gallegos, logo de ser elixido presidente co 80% dos votos, fora derrocado por un novo golpe militar, dixera: “as cousas sempre volven ao seu rego”. É o que semella que volverá acontecer -desta volta para ben- en Venezuela, dende o domingo, día 15.

Ese día, celébranse no país caribeño as eleccións rexionais e municipais, nas que se elixirán 3.082 cargos, aos que se presentan máis de 70.000 candidatos. de case 50 organizacións políticas. Tanto para o chavismo como para os partidos da oposición -que non participaran nas últimas eleccións presidenciais, nin nas parlamentarias- é unha cita importante.

O pasado mes de setembro, o goberno bolivariano iniciou un diálogo -en México- coa oposición toda, incluída a máis extremista, que pareceu decatarse de que agardar por un colapso do chavismo, como consecuencia do bloqueo económico imposto por EEUU, non era unha opción realista.

O goberno de Venezuela, esixiu á oposición tres condicións para negociar: 1) recoñecemento das autoridades lexítimas; 2) cesamento da violencia; e 3) apoio ao remate do bloqueo.

Nestas condicións, o 29 de outubro comezou a campaña electoral, que está a ser supervisada -como todo o proceso- por unha Misión de Expertos do Centro Carter (USA), aos que tamén acompañan observadores da ONU.

“Tede coidado”

A Unión Europea, pola súa banda, enviou un numeroso grupo de case 100 “observadores”. Pero semella claro que non han ser neutrales. Nunha reunión en Madrid, o pasado día 10, Josep Borrell, responsable de política internacional da UE, asegurou que a presenza destes observadores se debe a que “se a oposición se presenta, haina que acompañar” e, para que non houbera dúbida do senso das súas palabras, engadiu: “o que lexitimará ou deslexitimará as eleccións é o informe da nosa misión“. É o que se di querer ser, ao tempo, xuíz e parte.

Josep Borrell, responsable de política internacional da UE, mantén unha actitude hostil contra Venezuela, que o levou a crear o “Grupo de Lima”, de Gobernos antichavistas. Agora, anunciou que a presenza de observadores da UE nas eleccións do día 15, é para apoiar á oposición. Por iso Diosdado Cabello, vicepresidente do PSUV gubernamental, advirte: “Tede coidado con esa xente”

Ante esta inxerencia, o chanceler venezolano acusou a Borrell de “peza política ao servizo dos EEUU“. Tamén Diosdado Cabello, responsable da campaña electoral da coalición de Goberno, advertiu nun acto público: “Tede coidado con esa xente (a da Unión Europea), porque non viñeron a Venezuela a facer observación ningunha. Aínda coidan que eles son imperios e que nós somos unha colonia. A Misión da Unión Europea chegou ao noso país cun guión escrito”.

Tampouco o goberno español deixa dúbidas de cal é a súa actitude sobre Venezuela. Por exemplo, da protección oficial a chavistas violentos, prófugos da xustiza, que seguen a organizar atentados alí. Aínda nestes días, descubriuse un intento de sabotaxe contra o Consello Nacional Electoral venezolano, promovido e financiado desde España.

Os seus autores son o mesmo grupo que tentou, o ano pasado, facer estoupar varias bombas dentro da Asemblea Nacional, durante unha sesión plenaria.  O grupo, liderado por Leopoldo López e apoiado por outros ultradereitistas, xa promovera as manifestacións violentas (“guarimbas”), que en 2017 causaron máis de 80 mortos.

Un secuestro xusto a tempo

EEUU e os seus aliados tentan descarrilar as negociacións entre o goberno venezolano e a oposición, como fixeran en ocasións anteriores. Hai pouco, deron un novo paso nesa dirección: secuestraron ao diplomático venezolano Alex Saab, detido ilegalmente en Cabo Verde baixo a presión estadounidense, que fora designado membro da delegación do goberno nesas negociacións. Os cargos contra Saab son tan falsos como a testemuña clave da acusación (que ven de ser procesada por perxurio), pero o dano quedou feito.

O secuestro e tortura do diplomático venezolano Alex Saab por axentes da CIA, que o detiveron en Cabo Verde, ven de ser rematado co seu traslado a Miami. A principal testemuña en contra súa, está procesada por perxurio. Con esta acción, EEUU tenta rachar as negociacións entre goberno de Venezuela e a oposición, nas que Saab fora incorporado á delegación do goberno

Como di o sociólogo Ociel López, “ten un significado importante que a extradición a Estados Unidos fora solicitada por un xulgado de Florida, que é onde se sitúan os poderosos lobbies cubanos e venezolanos, contrarios as negociacións. Na última rolda de dialogo entre o Goberno e a oposición, quedara claro que a oposición non tiña nada que ofrecer, xa que a principal demanda do Goberno venezolano é a eliminación do bloqueo” e a devolución dos bens incautados no estranxeiro por indicación dos EE.UU.

Tampouco e casualidade que a extradición de Alex Saab acontecese horas antes do comezo da seguinte rolda de negociacións. En Estados Unidos saben que o chavismo vai gañar estas eleccións, como di “The Washington Post:” “A oposición está dividida, con múltiples candidatos. Onde non hai cambios é no chavismo gobernante que se prepara para gañar. Ten candidaturas únicas, e unha ampla base de apoios que se caracteriza por acudir ás urnas. Dos 23 gobernos rexionais a elixir, estímase que as oposicións gañarán entre tres e cinco.

Autoconfesión

A oposición venezolana tamén sabe que, as eleccións do domingo, 21, darán o triunfo ao Goberno. O máis importante xornal opositor venezolano, “El Nacional”, abertamente antichavista, explica do seguinte xeito os motivos da previsible vitoria bolivariana:

“As megaeleccións do 21N non deixarán unha oposición vitoriosa e reforzada, senón derrotada e desmoralizada. No mellor dos escenarios, poderá conseguir cinco gobernacións (Lara, Nueva Esparta, Sucre, Táchira e Zulia) dun total de 24, e manter uns 30 alcaldes dun total de 335. Unha derrota, como a anunciada, lapidará á actual dirección da oposición nacional e rexional.

A oposición venezolana, se presenta dividida a estas eleccións. A ultradereita, dirixida por Leopoldo López (protexido polo goberno español), segue a organizar atendados e sabotaxes. O seu colaborador, Guaidó, foi acusado por outros opositores, de roubar cartos e entregar os bens que ten Venezuela no estranxeiro aos EEUU, Colombia e Inglaterra

Cun resultado coma este, non haberá vento a favor, nin adianto das eleccións presidenciais ou parlamentarias, e as futuras condicións electorais terán como referencia as destas eleccións do 21-N, que foron aceptadas e validadas pola participación de máis de 67.000 candidatos das distintas oposicións de Venezuela. A oposición venezolana está dividida, non hai unidade de criterios nin coherencia na acción. Un sector subestimou a Maduro, sobrevalorou o impacto da presión internacional e lanzouse á senda insurreccional.

Non vencer aos candidatos do oficialismo, que tiñan unha desvantaxe do 80% de rexeitamento ao goberno, só pode ser responsabilidade dunha dirección da oposición incapaz de deixar de lado as súas ambicións persoais, proxectos particulares, egos hipertrofiados e resentimentos, para acordar candidaturas unitarias. que aproveitaran electoralmente ese enorme descontento.

Maduro diríxese victorioso e eufórico á súa reelección nas presidenciais de 2024. Se a iso contribúen a recuperación da economía e a mellora dos indicadores de escaseza e inflación, a narrativa triunfalista do goberno terá unha base obxectiva, fronte a unha oposición dividida, debilitada e derrotada“.

 

Aínda que esa é a realidade, descrita polos seus protagonistas, xa sabemos que, a partires do domingo, día 21, os EEUU e mailos seus amigos da UE e do goberno español, seguirán a contarnos outra historia sobre Venezuela e os resultados das eleccións.