Presidente da Asemblea de Venezuela: “hai banqueiros ladróns, como un tal Escotet”

O xoves, 19 de decembro do 2013, ao remate da reunión semanal do goberno galego, un Alberto Núñez Feijóo moi satisfeito, tivo unha conversa cos xornalistas e, referíndose á adxudicación a Juan Carlos Escotet das dúas grandes Caixas de Aforro galegas (xa fusionadas), manifestou que “o final deste proceso é para felicitarnos. Os que estean en contra disto están contra os intereses xerais de Galicia”.

Fora de que frases do xeito “os que non concordan comigo, están contra o país” lembra a doctrina franquista, semella que unha chea de feitos que se foron coñecendo dende aquela non dan precisamente para moitos parabéns.

CÓNTANOS CÓMO PASOU

Se cadra, en previsión do que ía acontecer, Escotet foi un chisco mais prudente que Feijóo e, anos despois, cando aínda lle seguían a facer preguntas críticas -e mesmo algunha denuncia–  polo agasallo da adxudicación das Caixas, respondía:  “A min gústame a visión a longo prazo, de aquí en 50 anos poderase  falar xustamente do que foi e do que pode ser esta operación” (que é o mesmo que unha “patada a seguir” no rugby, pero -neste caso- botando o balón fora do campo).

Obviamente, Juan Carlos Escotet non tiña interese ningún en contar como pasou a se converter no dono das dúas meirandes entidades bancarias galegas – que, aínda por enriba, eran públicas-  polo procedemento alquimista de mercalas cos cartos xerados por elas mesmas, despois de que o Estado achegara nada menos que 9.000 millóns de euros de diñeiro público, para que puidera comezar a súa andaina sen débeda ningunha.

Foi grazas a esas achegas que, no primeiro ano de actividade, Abanca tivo uns beneficios de 1.157 millóns de euros, mesmo por enriba dos 1.003 millóns que supostamente tiña que pagar, en cómodos prazos, pola compra toda.

A DESFEITA

O peche por Abanca dun gran número de sucursais, que tiñan establecidas as Caixas galegas no rural, provocou movilizacións da veciñanza afectada, porque eses peches lle impiden o acceso cotián a moitas xestións necesarias

Dende aquela, Abanca, desvencellada de calquera control público serio pola Xunta de Galiza,  anda a facer (ou mellor dito, a desfacer) o que lle peta, sabendo que ten garantido un mercado seguro e moi rendible, como resultado do que o mesmo Núñez Feijóo chamou adxudicación “contundente”

Por exemplo, un elemento básico da función de Caixanova  e Caixa Galicia, a súa “Obra Social”, que chegara a xestionar 100 millóns de euros, pasou a ter un teito orzamentario por debaixo dos 10 millóns e amosa unha situación de devalo continuado.

Outro exemplo do abandono dos compromisos de Abanca, cara á atención que tiñan até entón cos sectores más vulnerábeis da nosa sociedade, foi o peche de 130 oficinas no rural, que deixan aos habitantes desas áreas -que son os que máis necesitan da atención presencial- sen outra opción, para poderen ser atendidos, que facer longos desprazamentos.

NINGUÉN O VIU?

É moi rechamante que, cando a Xunta de Galiza e mailo estatal FROB (Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria) decidiran adxudicar a Escotet unha entidade que manexaba o 40% do aforro galego, non se decataran das prácticas bancarias ao marxe da legalidade, que o seu candidato favorito xa andaba a utilizar dende antes do seu  desembarco na Galiza e que segue a manter sen moito disimulo:

LAVADO DE CARTOS

Ese é o caso do banco Banesco USA (propiedade de Escotet) que, tan só uns días antes da adxudicación das Caixas, recibira unha advertencia formal das autoridades bancarias estadounidenses, polas súas prácticas no “branqueo de capitais” e a Lei do Segredo Bancario. A advertencia do organismo estatal de EEUU,  veu acompañada da decisión de supervisar o Banco durante os tres anos seguintes.

Panamá e un dos países incluídos na lista de facilitadores de lavado de diñeiro. O feito de que o Banco Banesco-Panamá, propiedade de Escotet, fose multado pola autoridade bancaria daquel país por “branqueo de capitais”, pode indicar o nivel das súas prácticas bancarias

Tamén en Panamá, tan só un ano despois, Banesco foi inspeccionado e multado -conta o xornalista Manuel Vilas en Galiciapress- pola Superintendencia de Bancos de Panamá (que xa é dicir!)  acusado de “violacións do Réxime de Prevención do Branqueo de Capitais/Financiamento do Terrorismo”.

Non foron os únicos. En abril do 2018, o Goberno bolivariano interveu o Banco “Banesco” de Venezuela e detivo aos seus directivos, “por delitos especialmente graves e notorios, referidos á lexitimación de capitais e atentar contra a estabilidade do sistema económico e financeiro”, nunha situación na que o bloqueo imposto polos EEUU facía que a política monetaria do país fose especialmente vulnerable aos ataques. A intervención do Banco se mantivo até marzo do 2019, aínda que o procedemento xudicial segue aberto.

Pero Escotet, indiferente a unhas e outras advertencias e sancións, mercou, en maio do 2019, un banco suízo coñecido por ser un lavadoiro de cartos: o CBH. De feito, sete meses máis tarde, a axencia  Bloomberg, de EEUU, publicou un informe no que dicía que “o CBH é o banco ao que os venezolanos acoden cando queren achantar diñeiro“.

“LUANDA LEAKS”

Pouco despois, o do dono de Abanca tentou unha nova inmersión no lixo: o asunto EuroBic.

Unha  investigación xornalística, publicada en xaneiro de 2020 co nome de “Luanda Leaks”, liderada polo mesmo grupo internacional de xornalistas de investigación  que publicara os “Panamá papers”, puido demostrar que a única “habelencia para os negocios”, que tiña a dona dese banco, Isabel Dos Santos, considerada como a muller máis rica de África, consistía en que era a filla de José Eduardo Dos Santos (que fora presidente de Angola) e, protexida polo seu pai, creara unha rede de sociedades ilegais para ao branqueo de enormes cantidades de cartos, procedentes do roubo e da corrupción.

O Banco Eurobic, foi creado polos fillos do anterior presidente de Angola para achantar o saqueo masivo das riquezas do Estado, nun país onte moita xente vive en extrema pobreza. Cando, hai ano e medio, saltou o escándalo (coñecido como “Luanda Leaks”), Escotet tentou comprar o Banco.

Nesa rede, o Banco EuroBic era a pedra angular. Días despois de que estoupara este escándalo, Escotet asinou un acordo coa súa propietaria, Isabel Dos Santos, para adquirir a entidade utilizando a Abanca como compradora.

As protestas en Portugal (onde o Banco EuroBic tiña a súa sede), encabezadas polo PCP e o Bloco de Esquerda,  para impedir a venta foron intensas. A eurodeputada socialista Ana Gomes, acusou ao banco de ser unha “máquina de branqueo de cartos obtidos co roubo sistemático, practicado pola cleptocracia que saqueou ao pobo angolano”.

Seis meses despois (en xuño do pasado ano), continuaban as protestas contra a venta a Abanca, polo que as autoridades portuguesas decidiron rexeitar a operación.

JUAN CARLOS E CORINNA

A acusación mais recente contra Escotet, vencéllao cun persoa tan respectable coma el: Juan Carlos de Borbón.

O caso é que a amante do ex-rei, Corinna Larsen, que recibira unha doazón de 65 millóns de euros da “súa maxestade”, denunciou ao Borbón no Alto Tribunal de Xustiza Británico, por difamación e acoso. O xornalista José María Irujo, conta en El País que Larsen quere deixar esclarecido no xuízo que, eses 65 millóns, foron resultado dunha corrupción xeneralizada (incluído o lavado de cartos).

Escotet e Juan Carlos de Borbón teñen unha amizade que moitos medios dín que é íntima (regatas de Sanxenxo incluídas). A amante do ex-rei, Corinna Larsen, di que Escotet é un dos “homes de palla” para o branqueo dos cartos do “emérito”

Con ese obxectivo, Larsen encargou a unha axencia suíza unha investigación sobre varios empresarios amigos do ex-rei, que lle facían a función de “homes de palla” para o branqueo dos cartos. Adiviñan quen é o primeiro que figura no listado? Juan Carlos Escotet.

“BANQUEIRO LADRÓN!”

Hai cousas, no “conto de fadas” do dono de Abanca, que non semellan encaixar. Por exemplo, cando lle preguntaran  -poucos meses antes da adxudicación- se lle interesaría a compra de Novagalicia Banco (entidade resultado da fusión das dúas Caixas galegas), respondeu:  “Non. Para ser honesto, o tamaño é demasiado grande para nós. Dígoo con toda humildade. O noso grupo non ten a capacidade necesaria para asumir unha operación desta magnitude”.

Se cadra, quixo dicir que, o que aínda non tiña, era loxística dabondo para levar os cartos todos que ía recibir por moreas, a partires da adxudicación de Novagalicia. Un bo indicador é que, dende esa data, entrou na lista da revista Forbes e xa está no quinto posto como unha das persoas mais ricas do Estado español.

Entón, sorprende pouco que o presidente da Asemblea (Parlamento) venezolano, Jorge Rodríguez, afirmara hai días, nunha sesión plenaria: «Hay banqueros ladrones, como un tal Escotet, que todavía después de que robó el dinero de los venezolanos para montar bancos en Galicia y Panamá, intenta comprar jueces».

Xa o dixera daquela Núñez Feijóo: “é para felicitarnos”.