En Latinoamérica a OTAN non da medo, nin sequera respecto

Alguén se toma a molestia de comprobar que a UE/OTAN é unha pequena parte do mundo, que non ten credibilidade, nin tampouco mete medo, logo dos seus continuos fracasos militares e políticos?“, escribiu hai meses, nun artigo en “Público”, o analista Augusto Zamora.

Semella que, dende aquí, cústanos máis velo, porque estamos -xeografica e culturalmente- mergullados nesta parte de Europa, que nos presentan como o centro do mundo (ou case), se cadra mais nestes días, logo da campaña de “pensamento único” creada arredor da conferencia da OTAN en Madrid.

Pero, aínda que a OTAN non asusta nin intimida, segue a tentalo, mesmo que sexa ao estilo do “Ku-Klux-Clan”, de hai un século nos Estados Unidos.

O NEGOCIO DA OTAN

A “Organización do Tratado do Atlántico Norte” foi creada por EEUU para “protexer” a Europa. Pero, a medida que os conflitos armados promovidos por USA ampliaban as áreas de conflito, a OTAN foise espallando co argumento de que “as ameazas poden chegar hoxe de calquera parte do mundo“.

Con este obxectivo, a súa “Axenda para o 2030” estableceu que compre fortalecer as relacións fóra de Europa con “socios afíns”, porque “adestrar ás forzas locais é un camiño máis rendible para aumentar a seguridade e a estabilidade”. Ou, expresado nunha linguaxe directa, como fai o ex militar español Luis Segura: “para que se manteña a industria militar norteamericana, son necesarias guerras e países que as paguen, coma os europeos, aos que Estados Unidos leva décadas forzando a que aumenten o seu gasto militar”.

POLA XANELA TRASEIRA

En América Latina, a OTAN é consciente da pouca acollida que teñen as súas propostas. Mauricio Jaramillo, profesor de Ciencia Política e Relacións Internacionais, explícao así: “Vexo moi pouca compatibilidade entre os esquemas de seguridade de América Latina e os da OTAN, porque os países latinos teñen unha doutrina de paz e non hai conflitos entre Estados”.

Esta “doutrina da paz“, foi aprobada,  hai 8 anos, polos presidentes de tódolos países da rexión, nunha xuntanza da “Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños” (CELAC) na que se comprometeron a resolver pacíficamente calquera desacordo entre eles.

Como a OTAN se decatou que o ambiente non lle era favorable para entrar en Latinoamérica pola porta principal, colouse por unha xanela traseira. O conservador “Instituto Elcano”, explícao así: “na realidade, a OTAN non procura achegarse á América Latina toda. Aínda que, antes, o achegamento da OTAN era por rexións do mundo, agora busca países con intereses comúns”.

O acordo entre o goberno colombiano e o de Estados Unidos, chamado “Plan Colombia”,(vixente dende hai 22 anos), inclúe, entre outras concesións a prol das Forzas Armadas USA, a autorización para manter sete bases militares, que apuntan directamente a Venezuela, e o adestramento das principais unidades de combate do exército colombiano

O “PORTAAVIÓNS DE EEUU”

E esa xanela traseira, pola que entrou a OTAN, foi Colombia (á que algúns analistas alcumaron “o portaavións de EEUU en Latinoamérica“).  O país pasou a  ser “o gran protagonista da relación entre a OTAN e o hemisferio occidental” pois, aínda que Brasil e Arxentina teñen establecidos acordos coa “Alianza Atlántica”, o seu nivel de vencello é moi inferior.

Os gobernantes colombianos, malia ter aceptado formalmente a “doutrina da paz en Latinoamérica”, teñen establecido un tratado con Estados Unidos para a cooperación militar (“Plan Colombia”), que lle permite ao Comando Sur de USA manter bases militares e preparar ao Exército colombiano para intervir nos Estados veciños, de xeito que é o pais de Latinoamérica co meirande porcentaxe de gasto militar en relación ao PIB (3,4%), tres veces maior que a media da rexión.

Pois logo, cando EEUU tivo que escoller un socio latinoamericano para a OTAN, non dubidou. E esa confianza mantívose até o de agora, polo que -aínda hai tres meses- Biden nomeou formalmente a Colombia como “principal aliado de EEUU”  e dixo que o facía “en recoñecemento ás súas cruciais contribucións á seguridade rexional e internacional”.

DEVALO DA MAREA

Pero, dende hai case que dous anos, a situación política en Latinoamérica se está a mover no sentido contrario ao que desexan EEUU e a OTAN, nun cambio de tendencia que se está a consolidar decote .

Este cambio acontece ao tempo que Estados Unidos está a recuar no mundo, tanto na capacidade militar (como indica, por exemplo, o xeito da súa retirada de Afganistán), como tamén no seu aparente liderado político. Un estudo publicado por The New York Times, afirma que “os aliados de Estados Unidos están a impulsar o devalo da democracia no mundo” e que só o 17% da poboación deses países cren que a democracia estadounidense é un exemplo a seguir.

A “Cimeira das Américas”, organizada en xuño polos EEUU, evidenciou a crecente perda de autoridade de USA na rexión, á que consideraban coma o seu patio traseiro. Unha chea de países, dende México até Chile, protestaron públicamente contra a exclusión de Cuba, Nicaragua e Venezuela desa Cimeira

O acontecido o pasado mes de xuño na “Cimeira das Américas”, organizada por EEUU, foi a evidencia máis recente de que a súa capacidade para impoñer decisións aos gobernos da rexión é, cada vez máis, cousa do pasado.

Na convocatoria dese Cumio, EEUU excluíu a Cuba, Nicaragua e Venezuela, tentando reforzar políticamente o seu bloqueo económico. Pero, como di o xornalista David Brooks, “o problema non estaba na Habana, Caracas ou Managua, senón en Washington que semella que non se decatou dos cambios en Latinoamérica e que xa non ten a mesma influencia nin poder que no século pasado”.

O desacordo coa exclusión imposta por EEUU, que expresaron un bo número dos países convocados ao Cumio -liderados polos presidentes de México e Arxentina- foi contundente.

“NON MAIS CAPRICHOS”

A este fracaso compre engadir o pouco seguimento que, en Latinoamérica, están a ter as esixencias dos EEUU e da UE para que os países da zona apoien as “sancións” contra Rusia. Aínda máis, varios líderes políticos da rexión están a criticar a actitude da OTAN no conflito de Ucraína.

A “Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños” (CELAC), inclúe a tódolos países do continente (agás EEUU e Canadá). Foi creada hai 10 anos, a iniciativa de Hugo Chávez, e está ser apoyada polos principais líderes políticos dos 33 Estados que a integran, cara a unidade económica e política da rexión

Ao tempo, distintos países de América Latina están a dar unha resposta moi favorable ao proxecto de impulsar institucións políticas comúns, deixando no foxo a EEUU e á súa desprestixiada OEA.

Ate hai poucos días, practicamente a única nota discordante cara a este proxecto era Colombia, pero os resultados das eleccións presidenciais do pasado 19 de xuño, que deron por primeira vez a vitoria a un candidato de esquerdas, fan prever unha viraxe na política internacional do novo Goberno colombiano. Como dixo o presidente de Arxentina, Alberto Fernández: “Colombia e Latinoamérica necesitaban esa vitoria” e engadiu, en referencia aos Estados Unidos: “cómpre enfrontarse a ese norte e dicirlle que Sudamérica, non está para aturar os seus caprichos nin asumir os custos das súas póliticas”.

A CHAMADA DE SOCORRO

É por iso que Bolsonaro -á vista do panorama na rexión e a piques de ser derrotado no seu país- enviou hai días unha chamada de socorro a Biden, a través da canle norteamericana Fox News: “se Lula vencer [nas elecciones presidenciais de outubro] os EEUU vão se isolar com América Latina

Entón, a advertencia que ven de facer a Unión Europea a Latinoamérica -a través do seu embaixador no Brasil- para que “se manteña abeirada á legalidade internacional e se dote mellor en Defensa” (quer dicir que se pase ao bando da UE/OTAN e que gaste moitos mais cartos no negocio do armamento), non ten posibilidade ningunha de ser atendida, porque en Latinoamérica a UE/OTAN nin dá medo nin se lle respecta.