Por que é preciso coñecer Venezuela agora.

Sabemos que hai dúas posicións confrontadas en Venezuela, a que gobernou antes, e que maioritariamente aínda goza de privilexios, con boa parte dos negocios e aforros no exterior. Estes venezolanos contan con notábel voz nos medios de comunicación. Paralelamente coexiste a outra Venezuela, a que de forma maioritaria ten votado en case todas as elección e referendos co chavismo. É a Venezuela que se beneficiou da sanidade, da educación e a que comezou a abandonar o chabolismo dos cerros para empezar a dispoñer dunha vida digna. 

A información que nos chega a nós vén filtrada a través do cristal dos venezolanos da primeira clase. 

Para facérmonos unha idea do pensamento que ten sobre o país caribeño esta elite seleccionamos unhas frases do artigo publicado en BBC News Mundo en novembro de 2019:

Crisis en Venezuela: la vida en el Caracas Country Club, un oasis de opulencia que tampoco es inmune a la crisis

“Nosotros fuimos muy afortunados. Nuestras familias pudieron hacer dinero cuando se podía”.

Viviendo en Venezuela no lo notas mucho, pero cuando viajas o te mudas al extranjero, te das cuenta de que no te puedes permitir tantos lujos como te permitías antes”.

“Hace unos diez años (…) Veías a las niñas vestidas con todas las marcas habidas y por haber, todo el mundo se veía fabuloso”.

“Habrá una luz al final del túnel (…). Estoy apostando a que todo esto cambie para continuar echándole pierna”.

Poñen de manifesto o pensamento deste grupo que se pode resumir en tres puntos:

  • Nostalxia polo glamour perdido e polos tempos de opulencia.
  • Percepción de que a acumulación de riqueza nunhas poucas mans entra dentro da normalidade.
  • Idea de que van volver as cousas ao seu estado anterior, ignorando totalmente a situación previa da “outra Venezuela”, ignorando que as regras do xogo tiveron que cambiar cando máis do 60% da poboación, que vivía por debaixo dos límites da pobreza, acadou o poder.

En Galiza as noticias que chegan de Venezuela son maioritariamente a través do prisma interesado dos grandes medios ou de primeira man dos emigrantes (tanto dos retornados como dos que aínda viven alí). 

Aínda que hai galegos de todos os tipos, algúns que fracasaron na aventura emigratoria, outros involucrados no chavismo, (con Hugo Chávez, chegou a haber dous ministros de orixe galega), a realidade é que so nos chega a propaganda dos grandes medios de comunicación ou a voz dos emigrantes empapados na súa maioría da opinión das elites. Uns porque forman parte das mesmas, outros porque non se senten cómodos na nova situación e unha última parte que viu o seu nivel de vida empeorado polas propias condicións económicas que provocaron as sancións e guerra económica solicitadas polos líderes opositores dos que moitos deles son seguidores.  

A emigración galega chegou a Venezuela a partir dos cincuenta. Uns poucos eran exiliados ou xente que non estaba a gusto no franquismo, pero a grande maioría fuxía da miseria. Foron educados na posguerra e consideraban aos venezolanos nativos pouco serios. Moita desa xente quedou estancada nas ideas da época na que marcharon, ideas tradicionais que aquí so se conservan na marxinalidade

Moitos voltaron a Galiza nestes últimos anos xa que o seu modo de vida se viu afectado cando apareceron leis que protexen a meirande parte do pobo, e establecen o dereito á vivenda, ao ensino, a saúde ou contra a fuga de capitais, leis en todo caso similares ás existentes en boa parte de Europa.

Por exemplo, a lei de arrendamentos urbanos é semellante a lexislacións europeas que priman a protección do dereito á vivenda. Pero, o descoñecemento por parte das clases acomodadas do mundo que hai máis alá da súa urbanización ou do seu centro comercial fai que teman alugarlle as súas propiedades a familias procedentes dos ranchitos

O límite á compra de dólares tamén supuxo unha modificación importante.  Venezuela sempre foi un país inestable e unha parte importante dos aforros dos cidadáns, sobre todo dos inmigrantes, estaba en bancos estranxeiros e en divisas, provocando así un debilitamento constante da economía do propio país.

A OUTRA VENEZUELA:

Coa chegada no seu momento de Hugo Chávez, fíxose visible, conseguiu voz e voto, unha parte da poboación que até ese momento non era tida en conta, formalmente non existía. Falamos da poboación dos barrios pobres, que vivían en chabolas (os ranchitos)

Desde os anos de bonanza dos setenta ate a chegada de Chávez as chabolas dos cerros víñanse abaixo na temporada de chuvias. Todos os anos morrían enterradas varias persoas nos desprendementos. Esas mortes non se contabilizaban porque non eran vivos oficiais. Non estaban censados, non votaban, non tiñan dereitos.

Nos oitenta, produciuse unha quebra bancaria e unha grande escaseza de alimentos. De repente os bancos quedaron sen liquidez. Para salvar o diñeiro dos bancos, o Fondo Monetario Internacional introduciu unhas agresivas medidas económicas, entre as que se encontraba a subida nun 30% do transporte público, o que foi o detonante en1989 do “caracazo”. 

Comezaron as masivas mobilizacións en toda Caracas e noutras cidades. O presidente Carlos Andrés Pérez, condenado uns anos despois por malversación de fondos e fraude á nación, non dubidou en utilizar armas de guerra contra civís desarmados. 

O número de mortos, segundo fontes que se dedicaron a ir polas morgues, abeirou os 3.000. O número oficial é de 276, volvemos á Venezuela que non existía, non vivía nin morría.

O chavismo xestouse entre o malestar das forzas armadas despois do caracazo. Unha parte do exército adquiriu conciencia da situación do país despois da matanza. 

Ao alcanzar Chávez o poder, esta Venezuela comezou a ter voz dentro do Goberno. Voz que a minoría privilexiada do país finxiu ignorar. 

Con Chávez, Venezuela reduciu o índice de pobreza do 62,1% de 2003 ao 31,9% de 2011. A porcentaxe de venezolanos “sen alimentación mínima” pasou do 16% do ano 2000 ao 5% de 2011, porcentaxe similar á de España, EEUU ou Alemaña. En 2013 e 2015 Venezuela foi premiada pola FAO por conseguir taxas de desnutrición por debaixo do 5%. A UNESCO declarou a Venezuela libre de analfabetismo, ao reducilo do 9,1% ao 4,9%. Tamén se multiplicou o número de persoas con acceso á sanidade pública.

Construíronse nestes anos dous millóns de vivendas sociais e estase a tratar de organizar a produción en Cooperativas ou Comunas autoxestionadas. Estas comunas enlazan ben coa tradición da sociedade rural venezolana, onde sempre houbo tendencia a compartir. 

Pero isto non afectaba as grandes fortunas afincadas en Miami, que seguiron atacando o sistema económico de forma perseverante, incapaces de ganar as eleccións. 

Estas elites en ningún momento matinaron aceptar que as desigualdades resultaban groseiras e que tiñan que asumir algunha das reformas. Así que incapaces de ganar nas furnas iniciaron varios tipos de boicots, desde un golpe de Estado, á paralización da principal empresa pública do país, PDVSA, e múltiples intentos de desestabilización instando e apoiando o bloqueo económico, comercial e financeiro de EEUU e mailos seis aliados (coma a Unión Europea) sobre Venezuela aínda que isto repercuta en dificultades de importar medicinas, alimentos, e tódolos bens básicos. 

Ao contrario do que ocorre coas elites, e os seus cortes de subministro eléctrico que son sobradamente coñecidos, nada sabemos da vida destes outros venezolanos que, a pesar das dificultades, agora viven en vivendas dignas, que están escolarizados, que participan en actividades culturais e de lecer e que organizan a vida comunal. Que conseguen compartir as medicinas e alimentos como poden, e poñer en común os bens que escasean.

Forma parte dos nosos propósitos dar a coñecer a esta outra Venezuela que esta fóra dos Medios de Comunicación, poñendo os medios ao noso alcance, páxina web, redes, comunicación directas con colectivos. 

A construción dun discurso realista e contrastado sobre a situación do pobo venezolano, ten repercusións non so en América Latina senón tamén na sociedade na que vivimos.  Xa non so pola aspiración humana vivir nun mundo máis xusto, senón polo feito moi concreto de un pobo informado ten menos posibilidades de achegarse a ideas totalitarias. 

Comparte:

Artigos recentes