A irrupción de Bolsonaro, na primeira liña da escena política brasileira, co apoio dos medios de comunicación, dos cumios xudicial e político, das Forzas Armadas e das igrexas evanxélicas, non debe achantar o feito de que -obxectivamente- cumpre a función de instrumento provisional ao servizo dos grandes poderes económicos do país, por moito que el tente dar outra imaxe.
Record da desigualdade social
Bolsonaro, con todolos seus excesos verbais e excentridades, só é o necesario centro de atención mediática para que a elite brasileira e as multinacionais que controlan a economía, continúen avanzando – fóra da luz – no seu roubo das inmensas riquezas naturais, a costa da miseria que afecta a máis do 25% da poboación, incluídos os 15 millóns de persoas que sobreviven nunha pobreza extrema.
Brasil é o país con maior desigualdade social en toda Latinoamérica e, probablemente, do mundo. Ningún outro ten tanta acumulación de ingresos no 1% de persoas máis ricas. ¿Sería lóxico crer que, esa privilexiada minoría, seguiría a aceptar as regras do xogo da democracia formal, dende o intre en que goberrnos, coma os de Lula e Dilma, deixaran de favorecer -sequera parcialmente- os seus intereses?
Xa o fixeran antes, porque estas elites nunca permitiron poñer en risco o seu control absoluto da riqueza, sempre coma intermediarios das multinacionais e sempre protexidas polas forzas armadas.
A contrarrevolución
Hai pouco máis de medio século, outro presidente -Joao Goulart- anunciara un plan socioeconómico, que incluía a reforma agraria, o control bancario e a nacionalización de empresas estranxeiras. O 13 de marzo de 1964, Goulart asinou un decreto para expropiar as refinerías de petróleo privadas e os grandes latifundios. Foi o seu último acto público, porque aquilo era moito máis do que tanto a oligarquía brasileira como o goberno dos Estados Unidos puideran aturar. A CIA incluíu a Brasil na súa sinistra “Operación Cóndor” e -días despois do discurso- houbo un golpe do Estado, que mantivo aos militares no poder durante máis de 20 anos (como aconteceu mais tarde na Arxentina, Chile e outros países da contorna).
Agora, 35 anos mais tarde, Bolsonaro retoma a liña da “contrarrevolución” (como a chamaran daquela os seus protagonistas) para defender -de novo abertamente- o neoliberalismo económico, o conservadorismo social e o autoritarismo político na súa forma máis descarnada.
As principais medidas económicas que está a aprobar o Goberno para facilitar o acceso das multinacionais aos grandes depósitos de petróleo na costa brasileira, a apropiación impune de enormes terras na Amazonía por grandes latifundistas, ou a privatización de empresas públicas, van cara a ese obxectivo.
“Lexionario” pouco exemplar
Acontece que Bolsonaro non acepta ser só un instrumento da oligarquía para unha situación de emerxencia. Como di o filósofo brasileiro Frei Betto: “é obvio que non matina en deixar o poder ao final do seu mandato. Anima aos seus seguidores a converterse nunha lexión de milicianos dispostos a violar as regras democráticas todas”.
Pero esa “lexión” de seguidores, vaise reducindo a medida que os despropósitos de Bolsonaro son cada vez máis evidentes. O desastre na xestión da pandemia é o máis rechamante de todos. Brasil converteuse, tras os Estados Unidos, no país con maior número de mortes no mundo debido ao covid-19, a pesar de que Bolsonaro dicía que o coronavirus era “unha gripiña”. Os principais medios de comunicación – O Globo, Folha de São Paulo e “Estadão” – que, durante a campaña electoral de hai un ano e medio, expresaran abertamente a súa simpatía polo ex-militar, xa andan a marcar distancias.
Esta non é a única fonte de problemas para Bolsonaro: procesos xudiciais por corrupción contra os seus fillos, enfrontamentos con gobernadores e alcaldes que ata hai pouco eran os seus aliados, ou ameazas contra maxistrados do Tribunal Supremo Federal fan parte da crecente lista de conflitos que ten aberta. Mesmo o xuíz Sergio Moro, que contribuíra decisivamente a facilitar o seu camiño cara á Presidencia, inventando unha falsa acusación contra Lula (e ao que Bolsonaro recompensou nomeándoo Ministro de xustiza) presentou unha denuncia xudicial en contra súa.
Un can con donos
Isto todo faino vulnerable, de xeito que semella que -en calquera intre- pode prosperar a iniciativa dun xuízo político, ou calquera outra que poida botalo do poder. Bolsonaro ha ter que enfrontala co único apoio dos seus seguidores na rúa. Pero nin a oligarquía, nin os medios de comunicación, nin as forzas armadas, nin os cumios xudiciais e políticos que o impulsaron á presidencia, hanlle botar unha man.
Entón, ese instrumento provisional ao servizo dos grandes poderes económicos do país, chamado Jair Bolsonaro, pode ter que deixar a presidencia nun momento non moi afastado, cando as multinacionais e a minoría rica que controlan Brasil coiden que lles deixou de ser útil.
El matina que ten o poder, pero só é un can con donos.