Chile: as eleccións que desmontaron o conto das “transicións modelo”

Os gobernantes españois e os principais medios de comunicación do Estado, presentaban a Chile (ao menos, ata hai uns meses) coma exemplo para América Latina, pola súa “estabilidade” política e o seu “milagre económico”. Tiñan motivos:  a referencia da elite chilena para a súa “transición á democracia”, despois da renuncia do ditador Pinochet, foi a transición española.

En Chile, Pinochet – amparándose no exército – implantou un sistema económico neoliberal, que incluíu a privatización non só das riquezas naturais do país (Chile ten as mais importantes reservas de cobre no mundo, e ocupa o terceiro lugar nas reservas mundiais de litio), senón tamén das pensións, da educación e mesmo da auga e da pesca, e impuxo unha Constitución que blindaba a súa “obra”.

Coa retirada de Pinochet en 1990 (17 anos despois do golpe de estado) os partidos tradicionais pasaron a compartir o goberno do país, en base a un consenso entre a dereita e a esquerda acomodada e mantiveron, sen cambios significativos, o orde económico e social establecido polo ditador.

¡Non son 30 pesos!

Mentres, as condicións de vida da maioría da poboación seguiron a degradarse. Chile converteuse nun dos países con meirande desigualdade social.

O actual presidente, Piñera, utilizou a eito a represión policial, en aplicación da doutrina do “inimigo interno”, creada polos Estados Unidos para Latinoamérica co fin de eliminar calquera movemento social que puxera en risco os intereses das grandes empresas.

En consecuencia, o descontento popular foi a mais, e estoupou o 18 de outubro de 2019. Ese día, marcou o principio das maiores manifestacións da historia recente de Chile. Comezaron coma protestas contra os novos prezos do transporte público, pero axiña pasaron a rexeitar a inxustiza social e o orde político. A mocedade berraba: ” ¡Non son 30 pesos (o novo prezo dos billetes), son 30 anos! (dende a saída do Pinochet)”

As mobilizacións – ao que os medios chamaron “estoupido social” – tiveron dende o comezo un enorme apoio popular. Baixo o lema: “Chile espertou e non quere máis abusos” se derrubaron barreiras que semellaban inamovibles, coma o texto da Constitución de Pinochet.

Unha das principais demandas das manifestacións cidadás, foi rematar cos privilexios da elite e dos seus servidores políticos. O desprestixio da clase política chilena é tal que, unha recente enquisa de opinión, amosa que só o 2% da poboación confía nos partidos tradicionais.

Manifestación en Santiago de Chile, en la Plaza de Italia, renomeada polos manifestantes coma Plaza de la Dignidad
En Santiago de Chile, os e as manifestantes celebran o primeiro aniversario do comezo das mobilizacións populares na Plaza de Italia, que renomearon “Plaza de La Dignidad”

Un mes despois de que comezaran as protestas e no medio de grandes mobilizacións, cando semellaba que a estrutura institucional se estaba a abalar, os partidos políticos negociaron un “Acordo para a paz social e a nova Constitución” para tentar adormecer o movemento popular. O acordo incluíu a convocatoria dun referendo, para decidir se se modificaba a Constitución.

No documento, o goberno e mailos seus aliados estableceron que o novo texto constitucional non permitiría as nacionalizacións (único xeito de recuperar os recursos naturais privatizados), nin a modificación dos acordos internacionais de libre comercio (básicos para os intereses das multinacionais).

A Antártida e tres mais

As mobilizacións populares, que resistiron con éxito a dura represión policial, continuaron. Nos meses seguintes, conseguiron – por exemplo – que o parlamento aprobase o rescate até do 30% dos fondos de pensións, que as empresas financeiras retiñan á poboación traballadora. Tamén acadaron, simbólicamente, que se rebaixaran de xeito importante os soldos e os privilexios dos políticos.

O pasado 25 de outubro, celebrouse o plebiscito constitucional para decidir se se elaboraba unha nova Constitución. A opción “Aprobar” impúxose co 78% dos votos. O resultado non só revelou o amplo rexeitamento cidadán á Constitución de Pinochet, senón tamén a gran fenda ideolóxica entre o sector rico e o resto da poboación, nun dos países máis desiguais do continente americano. A opción “Rexeitar” só gañou en cinco lugares: a Antártida (onde só hai militares), unha aldea na fronteira, de 1.700 habitantes, e os tres barrios con maior nivel económico da capital.

Nos meses seguintes, os movementos sociais (sindicatos, femininistas, poboadores, estudantes, indíxenas,…), superada con éxito a barreira de contención do plebiscito, continuaron na loita cara á asemblea constituínte, e impuxeron que na “Convención constitucional”  – que redactará o texto da nova constitución – haxa unha representación igualitaria de mulleres e homes e, tamén, que os pobos nativos teñan garantido o 11% dos escanos.

      Terremoto

As eleccións para a “Convención constitucional”, realizáronse os  pasados días 15 e 16 de maio. Os resultados foron un terremoto electoral no país. Confirman a decisión, da maioría do pobo chileno, de seguir a avanzar polo camiño que comezaran hai ano e medio, de mudanza do orde imposto, cara a unha sociedade mais xusta.

Celebración do aniversario do comezo das mobilizacións populares.na véspera do plebiscito
A mocedade celebra con ledicia na rúa o éxito do plebiscito, cara á asemblea constituinte

Os candidatos independentes, malia competir pola súa conta, e nunha situación de abafante inferioridade respecto aos partidos políticos – tanto pola diferencia de recursos económicos como polos atrancos que lles impón a lei electoral – obtiveron 48 delegados, do total de 155.

A dereita, que se presentaba unida baixo a dirección presidente Piñera, obtivo so 37 delegados, lonxe dos 52 requiridos para chegar a un terzo do total. É un dato importante, porque a nova constitución esixe os votos de dous terzos dos delegados,  para a aprobación de calquera acordo.

Os partidos da chamada “Concertación” de centro-esquerda (Partido Socialista e Partido Demócrata-cristiano), que se están a alternar no goberno coa dereita dende hai 30 anos, tamén sufriron unha gran derrota. Os votantes castigaron ao “duopolio” (coma lle chaman en Chile) dándolle só 25 delegados.

Tamén nas eleccións para gobernadores, alcaldes e concelleirías – que se celebraron ao mesmo tempo – a dereita e os partidos da Concertación sufriron un gran retroceso.

Agora saben que poden

A coalición de esquerda (Partido Comunista e Frente Amplio, con moitos/as indepentes nas súas listas) acadaron 28 representantes. Tamén tiveron éxito nas eleccións municipais, incluíndo a alcaldía da capital, Santiago.

As persoas elixidas polos movementos populares e organizacións de esquerda para preparar un novo texto constitucional, terán que superar desafíos difíciles: as xa citadas prohibicións de incluír nacionalizacións de empresas e de modificar acordos internacionais, e mailas trampas da dereita e dos seus aliados. Pero, como di Patricio Fernández, no The New York Times, “agora, a cidadanía xa sabe que se pode facer ouvir, alén da vontade das elites“. Cando rematen o seu traballo, nun prazo de 12 meses, o pobo chileno votará a proposta nun novo plebiscito.

Non é que non entendan

Os resultados destas eleccións, tamén son unha clamorosa desautorización contra da política represora, que o presidente Piñera seguiu a tentar manter. Nun informe que se presentou no Senado o pasado 16 de marzo, o Instituto Nacional de Dereitos Humanos de Chile denuncia unha “preocupante falta de progreso do Estado”, respecto ás violacións dos Dereitos Humanos acontecidas dende o estoupido social. “Hoxe – di o informe – estamos máis perto da impunidade que da verdade e a xustiza”.

Tamén as enquisas confirman que Piñera provoca un gran rexeite. O informe dunha das empresas de análise de opinión, na procura dunha explicación á desconfianza popular cara ao presidente, di que Piñera “non entende o conflito entre  a cidadanía e a elite”. Pero ese é só un xeito de tentar disfrazar a realidade. Non é que o presidente, e a minoría social que representa, non “entendan”, o que acontece: é que defenden intereses abertamente contrarios aos do pobo chileno.

Comparte:

Artigos recentes