Cuba e o Ébola

A chegada das brigadas médcas cubanas, primeiro a Italia, logo a Andorra, fixo que aparecera coma nova con carácter positivo algo referente a Cuba nos  medios das potentes corporacións sistémicas. Lendo a letra miúda, podíase descubrir que unha parte das persoas expedicionarias estiveran xa na epidemia do ébola, en 2014. Tamén aí descubrimos a cantidade de xente que descoñecía ese dato.

O 11 de xaneiro deste ano asistín, na “Casa da amizade” de La Habana, á presentación dunha nova edición en idioma español e a primeira en inglés do libro “Zona roja” do escritor e periodista cubano Enrique Ubieta, onde conta o que el viviu coma expedicionario daquela epopea. Non pensei que ese acto, emotivo, solidario, reivindicativo, me ía vir tantas veces ao recordo coma está a pasar agora nestes días.

O 8 de agosto de 2014 houbo unha petición expresa da ONU e da OMS ao goberno cubano para a colaboración cos seus servizos médicos nunha epidemia que matara xa a 2.400 persoas e que tiña nalgunhas zonas unha mortalidade do 80%. Cuba envía unha avanzada para preparar as condicións e o 2 de outubro arriban a Serra Leoa 162 brigadistas médicos. Logo irán a Liberia e Guinea Conakry outros 296.

Foi un feito sen precedentes na historia da humanidade. Un pequeno país, asediado polo imperio máis armado da historia, vai prestar axuda a miles de quilómetros cunha cantidade de persoas equivalente ao que o resto do mundo tiña proporcionado.

Nunha condicións nas que a vida valía ben pouco, con temperaturas de 50º, a expedición cubana logrou baixar esa mortalidade do 80% ao 22%. Unha das loitas máis complicadas era a de convencer de que non se podía seguir realizando o rito mortuorio no  que as persoas achegadas a quen finara lavaban o corpo, abrazábano e se bañaban coa mesma auga, o que producía decenas de contaxios inmediatos. A poboación non cría no ébola. Antes da chegada solidaria, as persoas infectadas estaban recluídas sen asistencia médica, morrendo.

Na nosa beira, o virus do ébola só mereceu o interese da prensa cando superou a contorna africana e chegou a EUA e Europa. Nomeadamente no estado español foi noticia cando unha enfermeira chegou infectada.

As grandes potencias preocupáronse de deter a súa propagación, non en erradicala. Durou dous anos e supuxo a morte de 11.300 persoas.

Cuba estaba presente, antes da crise do ébola, en 32 países de África, con 4.000 brigadistas. Coma estivera en 1960 en Chile polo terremoto de Valdivia, por primeira vez dende o triunfo revolucionario, ou en 1963 en Alxeria ou en 2014 en Haití, como en Paquistán, Nicaragua… En Cuba está a Escola Latinoamericana de Ciencias Médicas, creada en 1998 logo dos furacáns George e Mitch. Dende aquela licenciáronse máis de 22.000 estudantes de todo o mundo en medicina. Cuba tivo presenza solidaria médica en 109 países.

 

 

Comparte:

Artigos recentes