Máis de catro mil nenos morreron de desnutrición en Colombia e ninguén cho contou

Probabelmente moitas das persoas que leron o título, xa ficaron bastante sorprendidas de non ter sido informadas de algo tan grave.
Pero cando as lectoras e os lectores teñan rematado de ler este texto, o estupor probabelmente sexa maior.

Imaxinen por un minuto que iso mesmo acontecera noutro país non moi afastado. Poñamos por caso un país veciño, Venezuela. Alguén dubida que teríamos mirado, escoitado, e lido en múltiples medios a terrible situación dos nenos no país de Chávez?

Pois o mais rechamante é que este exercicio de imaxinación é case que verdade. Os 4770 nenos mortos na Guajira colombiana pertencen ao pobo Wayuu, un grupo indíxena que vivía naquelas terras moito antes da imposición dunha artificial fronteira entre as dúas repúblicas que un día foron parte da Gran Colombia.

O pobo Wayuu é o mesmo dunha beira e outra da fronteira, mesma lingua, mesmos costumes, e en moitos casos dobre nacionalidade, Venezolana e Colombiana.

Pero na Alta Guajira colombiana, dende hai oito anos, a situación é tan desesperada que os nenos están a morrer desnutridos, cousa que non sucede cos que viven da outra banda da fronteira.

Axuda venezolana aos nenos Wayuu

Tanta é a diferencia que en 2015 e 2016 o seu país veciño, Venezuela, tivo que enviar 80 toneladas de alimentos para paliar os efectos do déficit de atención aos servizos básicos destas comunidades por parte do estado colombiano.

Pero, dende a banda venezolana da fronteira, foron sufrindo os golpes da guerra económica e o bloqueo dos Estados Unidos e, con eles, fóronse dificultando as posibilidades de envío de máis axuda, así como provocando un endurecemento do control do contrabando de extracción de produtos básicos subvencionados de Venezuela a Colombia , que é unha actividade de moitos wayuus ao permitírselles historicamente cruzar a fronteira sen atrancos. Todo isto levou a unha situación ainda máis complicada aos Wayuus da Guajira colombiana.

Para dar unha idea do trato e importancia que dan as autoridades colombianas á situación, pódese mencionar o que aconteceu cando a BBC viaxou á zona acompañada dunha ONG.

Aínda que é certo que practicamente ningún medio internacional ten atendido á situación, a BBC en español ten publicado dous artigos en 5 anos que tratan o tema (quen queira pode comparar co número de artigos que dedicaron a situacións menos graves no seu país veciño no mesmo período, aínda que as mortes en Colombia foron de centos ou ducias anuais segundo as fontes, ano tras ano).

Nun deles facían a seguinte interpretación “tan pouca xente visita a zona que, cando a ONG Oxfam chegou por primeira vez, os habitantes preguntaron: “cal é a papeleta electoral que hai que marcar?”. Isto para a BBC, foi signo das poucas persoas estranxeiras que visitan o lugar. Para o que estas liñas escribe, malicioso como son, faime coidar que as autoridades competentes só se lembran deles cando hai que pedir o voto. Chámenme desconfiado.

Cifras arrepiantes e presidentes ausentes

Algunhas das persoas que len este artigo, que tamén teñen dereito a ser do club dos incrédulos, diranse que todo isto que escribo son as miñas esaxeracións , pero o certo é que aínda que non se teña tratado na prensa internacional, (como sen dúbida faríase de ter acontecido na beira venezolana da fronteira), ten aparecido un pouco nos medios colombianos (aínda que teñen mostrado máis adultos en situación de rúa, a remexer e buscar cousas no lixo en Venezuela, que os propios nenos Wayuus a facer o mesmo en Colombia).

No único que hai discrepancias e se os mortos nun período concreto foron varios centos ou varias ducias, pero o feito ninguén o nega. Por exemplo podemos atopar diverxencias entre o ex-presidente Santos que falaba no seu período presidencial de “algúns mortos” ou a Corte Constitucional de Colombia que falou este ano de 4770. Pero como escribín antes, a traxedia en si mesma, ninguén ousa discutila: pódense atopar referencias da UNICEF, a Defensoría do Pobo de Colombia e nos principais medios de comunicación do país.

Pero, hai unha persoa, iso si, que nin confirma nin desminte, de feito non fala do problema como se, por non mencionalo, deixasen de morrer centos de menores, compatriotas seus, dunha morte tan terríbel como é a fame: o actual presidente de Colombia, Iván Duque.

Parecería que, co narrado até este punto, ten suficiente castigo a parte da Gran Nación Wayuu que habita na Guajira colombiana.

A mina do Cerrejón

Pois non. Ademais do problema dos alimentos, e relacionado con el, representantes deste pobo indíxena teñen denunciado que a pouca auga doce existente nas súas terras é utilizada e contaminada pola gran mina de Carbón do Cerrejón, presente no seu territorio e propiedade da multinacional Xtrata, que segundo as mesmas denuncias, non revirte ren dos seus beneficios na comunidade.

Para concluír, e non cansar a quen poida ter chegado até aquí, penso que o anteriormente exposto, invita a unha reflexión. Por que estamos tan informados das dificultades económicas dalgúns países, e non de centos de mortes por fame noutros, mesmo nos casos nos que estes países poderían ter sido, por historia e cultura unha única nación?

Comparte:

Artigos recentes