O novo presidente non dá para festas

Adoita acontecer que, cando saímos dunha situación negativa, tendemos a ver a realidade con exceso de optimismo. Tamén sucede na política. Trump foi un desastre para Latinoamérica. Pero… ¿terá Biden unha actitude diferente? A súa traxectoria no eido internacional non dá para moitas celebracións.

Na última campaña electoral, Biden tivo que modificar as súas propostas iniciais, debido á necesidade de tentar atraer o gran número de seguidores progresistas de Bernie Sanders, o seu principal rival na carreira pola candidatura ao partido demócrata.

                                                                              O valedor das guerras

Guerra de Irak: bombardeo nocturno de Bagdad

Este aparente cambio de discurso non pode facernos esquecer que, nos últimos 20 anos, o agora presidente electo apoiou todas as agresións militares directas ou indirectas dos Estados Unidos. Como senador, Biden desempeñou un papel decisivo nas invasións de Iraq e Afganistán, e, nos oito anos nos que foi vicepresidente con Obama, mantivo unha actitude a prol das guerras contra Libia e Siria.

Nalgunha delas, como a guerra contra Iraq no 2003, o seu papel foi decisivo. O investigador estadounidense Mark Weisbrot escribiu o pasado febreiro no diario The Guardian que, nos meses previos á invasión, o partido demócrata controlaba o Senado e, nesa situación, Biden fixo moito máis que votar a favor da guerra.

“Como presidente do Comité de Relacións Exteriores do Senado, Biden escolleu os 18 expertos que analizarían a decisión. Elixiu 18 a prol da invasión e apoiou argumentos falsos, como a suposta existencia en Iraq de armas de destrución masiva ou a presenza da organización islamista Al Qaeda”, engade Weisbrot.

Golpista a eito

En Latinoamérica, durante a súa vicepresidencia, Estados Unidos promoveu golpes de Estado contra Manuel Zelaya en Honduras (2009), Fernando Lugo en Paraguai (2012), Dilma Rousseff en Brasil (2016) e a tentativa de golpe contra Rafael Correa no Ecuador (2010).

Tamén durante a súa vicepresidencia, cando xurdiu Hugo Chávez en Venezuela, o Goberno de EEUU deu un pulo decisivo ao “Plano Colombia”. Este plano, baixo a escusa da loita contra a guerrilla e o narcotráfico, ten como principal obxectivo converter o territorio colombiano nunha base para unha intervención militar estadounidense contra o país veciño.

Bases USA en Colombia

Deste xeito, como di o xornalista Francisco Herranz: “É posible que asistamos a un cambio aparente no xeito de facer as cousas, pero tampouco debemos esquecer que o presidente electo é un vello membro da clase dominante e que el defenderá intereses que han bater, sen dúbida, cos das nacións latinoamericanas afastadas dos seus enfoques ideolóxicos”.

“Ameaza extraordinaria”

A referencia máis inmediata que temos para avaliar ata onde pode chegar este cambio —nas relacións con países latinos con posicións políticas máis afastadas dos Estados Unidos— son as declaracións do propio Biden e dos seus asesores durante a campaña electoral, recollidas polo New York Times nun artigo recente.

“No que atinxe a Venezuela —di o artigo— os conselleiros de Biden expresaron poucas esperanzas de que sigan tratando a Guaidó como o líder de facto do país. Biden tentaría establecer negociacións con Maduro e presionalo para que se comprometa a organizar eleccións xustas“.

Non está de máis lembrar que Obama, quen mantivo a mesma retórica, aprobou en 2015 —con Biden como vicepresidente— unha “orde executiva” (decreto) que declarou a Venezuela “ameaza inusual e extraordinaria para a seguridade nacional dos Estados Unidos”. Esa orde, que Trump renovou con entusiasmo, constituíu a base sobre a que se edificou o bloqueo económico, comercial e financeiro que, entre outras cousas, impide a Venezuela adquirir alimentos e menciñas. A Unión Europea, co apoio do Goberno español, acaba de prorrogar ese bloqueo un ano máis.

A marxinación de Guaidó non engade nada novo, pois o venezolano xa se atopaba nunha posición moi feble, na perspectiva de Trump, desde o pasado mes de maio.

Cuba tamén non

Campaña electoral USA. Biden en Florida

En relación a Cuba, o artigo do New York Times relata que “os asesores de Biden dixeron que buscarían temas de interese común e tamén reverterían algunhas das restricións, de viaxes e transferencias de cartos, introducidas por Trump. Pero a campaña electoral de Biden non situou entre as súas prioridades a relación con Cuba, porque este é un asunto que segue a resultar demasiado controvertido entre os electores cubanoestadounidenses”.

Non semella, polo tanto, que Biden vaia facer cambios significativos na relación con ningún deses dous países, aos que —xunto con Nicaragua— o pintoresco Bolton (exconselleiro de seguridade nacional de Trump) alcumaba “a troika da tiranía”.

Máis do mesmo

O artigo do New York Times ao que acabamos de referirnos ten un título descritivo: “Os planos de Biden para Latinoamérica: promover investimentos, loitar contra a corrupción e cambio climático”. Se cadra paga a pena comentalo, para completar as referencias ao significado real das propostas de Biden.

O primeiro destes tres “planos” para América Latina, a promoción de investimentos, non representa anovación ningunha con respecto ás Administracións anteriores. Tamén Trump creou un proxecto co mesmo obxectivo, baixo o nome de “América medra“, con resultados tan ruíns como os aprobados polos anteriores Gobernos dos Estados Unidos dende a “Alianza para o Progreso” proposta por Kennedy hai 60 anos.

Tampouco se pode dicir que o segundo dos planos de Biden, a loita contra a corrupción, resulte moi orixinal. Igual que aconteceu coa “promoción de investimentos”, Trump tamén puxo en marcha un programa semellante, co mesmo resultado nulo que tódolos seus precedentes. Abonda con dicir que unha das principais ferramentas destes planos de loita contra a corrupción está a ser, dende hai 16 anos, un organismo da OEA con sede en Washington que ten como tarefa principal facer recomendacións. Pois logo, as enquisas non amosan progresos nese eido, agás os das ONG creadas para participar nas campañas mediáticas contra Venezuela, que carecen de seriedade.

Desta volta, tampouco

                                                                                           Amazonia

Só o terceiro dos planos propostos por Biden, a loita contra o cambio climático, presenta diferenzas significativas de actitude en comparación con Trump. De feito, un comentario recente de Biden sobre a deforestación do Amazonas provocou unha reacción ameazadora de Bolsonaro. É, sen dúbida, interesante, pero non abonda para agardar cambios significativos nas relacións da Casa Branca con América Latina.

Por conseguinte, semella que a expectativa de que un novo Goberno USA desbote a idea de que Latinoamérica é o patio traseiro dos Estados Unidos aínda terá que seguir a agardar.

Comparte:

Artigos recentes