As eleccións do pasado domingo en Bolivia foron, en palabras de Evo Morales: “un gran triunfo do pobo, histórico, sen precedentes e único no mundo”. Luis Arce, o candidato do partido MAS, obtivo unha vitoria rotunda, como recoñeceu o seu principal adversario.
Arce naceu na Paz, hai 57 anos. O seu pai e a súa nai eran profesores das escolas públicas. Con sona de autodidacta, estudiou Economía na universidade pública UMSA. Desenvolveu toda a súa carreira profesional no Banco Central de Bolivia, e compaxinou esta actividade coa académica, xa que foi catedrático de Economía. Ditou conferencias en universidades de prestixio coma a de Harvard (USA), pero tamén organizou talleres sindicais de formación para mineiros e outros colectivos de traballadores, ata que, en xaneiro de 2006, cando Evo Morales foi elixido presidente do país, chamouno para dirixir o Ministerio de Economía.
De falar acougado e didáctico, non é da caste de profesionais economistas, que utilizan unha linguaxe pouco comprensible; pola contra, fala para que calquera o poida entender con claridade, incluídos os que non coñecen os rudimentos básicos da economía.
Os dinosauros
Luis Arce, que nunca negou a súa formación marxista, é considerado o creador do “milagre económico boliviano“. Pero non cre nos milagres, senón no traballo en común e na honestidade. Xunto co seu equipo de colaboradores, elaborou o “Modelo Boliviano Económico, Social, Comunitario e Produtivo” que foi defendido por Evo desde que asumiu a presidencia do Goberno.
Este modelo baséase na nacionalización e desenvolvemento dos recursos naturais do país, na diversificación da economía e na aplicación dos beneficios obtidos para a redución da desigualdade social e da pobreza.
Hai un ano, Luis Arce relatou: “Imaxina o debate que tivo lugar no 2005, cando presentabamos un programa no que diciamos que íamos cambiar o modelo neoliberal, que íamos nacionalizar, que o Estado ía ter unha maior participación na economía. Chamáronnos dinosauros, chamáronnos retrógrados, porque puxemos a economía ao servizo da xente”.
Economía ao servizo da xente
A aplicación deste modelo, nos catorce anos de presidencia de Evo, fixo posible un crecemento económico que permitiu multiplicar por catro o produto interior bruto do país, reducir radicalmente a pobreza extrema e diminuír a taxa de paro e mailo indicador de desigualdade social ata un dos niveis máis baixos de América Latina
Luis Arce explicouno así: “pór a economía ao servizo da xente é sinxelo: escoitar, comprender e executar o que a xente precisa e quere”.
Un dos elementos clave do seu modelo económico, que situou a Bolivia entre as economías máis eficientes de Latinoamérica, foi a Lei de Servizos Financeiros, aprobada no 2013. “Dixémoslles aos bancos: señores, vostedes dirixan o 60 por cento das súas carteiras a créditos exclusivamente produtivos e a vivendas sociais. Co outro 40 por cento, fagan o que queiran”
Moitos retos por diante
Agora, Arce terá que afrontar de inmediato graves problemas políticos e de seguridade, entre eles: a hostilidade do goberno dos Estados Unidos, da OEA (a consola USA para Latinoamérica) e da elite boliviana, ademais do control dunhas Forzas Armadas con antecedentes golpistas.
Tamén e moi grave é a situación social e económica do país, que sufriu un recúo importante dende o golpe de estado, agravado pola pasividade do goberno fronte á pandemia.
Arce xa anunciou que a súa primeira medida gobernamental será aprobar o pago do Bono contra a Fame e engadiu: “imos construír un goberno de unidade nacional, imos construír a unidade no noso país ”
Evo Morales, na rolda de prensa que deu horas despois de celebrarse as eleccións, afirmou: “Non nos equivocamos ao elixir ao compañeiro Lucho Arce como presidente. Coñézoo desde hai anos. Non só é un dos mellores economistas de América Latina, senón que tamén foi un ministro moi humano, solidario e honesto“.