Na historia dos pobos, adoita acontecer en crises moi graves que, de súpeto, xorde una reacción social tan contundente coma un maremoto, que abala barreiras consideradas inamovibles; entón o sistema social e político trema ata derrubarse. Isto é o que está a suceder no Perú.
Hai 200 anos, cando o país acadou a independencia de España, a elite creou un Estado á súa medida, que marxinou ás clases populares.
Ireño Castillo, pai do gañador das recentes eleccións presidenciais, lembra que tiña que levar ás súas costas ao dono das terras onde vivía, para que o “señor” non se emporcara as botas. Cargar ao lombo ao patrón era unha parte dos servizos forzados que tódolos campesiños tiñan que facer, ademais de traballar as fincas do amo. Isto acontecía aínda en 1969. Tampouco foi quen de ir á escola, non só porque non había ningunha perto de onde moraba, senón tamén porque o dono castigaba fisicamente aos pais que ousaban enviar aos seus fillos a aprender.
A “tómbola corrupta”
Dende aquela, a degradación do Estado peruano, e do seu sistema de representación política, seguiu a devalar ata chegar á situación que, o investigador peruano Alberto Vergara, describe deste xeito: “É como unha tómbola corrupta: en tempos de campaña, os donos das inscricións electorais (esaxeradamente chamadas “partidos”) poxan as posicións das súas listas ao Congreso. Cantos máis cartos amorean, mais empoleirada está a súa candidatura”.
O pasado mes de novembro, o Congreso peruano – que ten procesados por corrupción a 68 dos seus 130 lexisladores – destituíu ao presidente do país e nomeou a un substituto, directamente vencellado ás tramas corruptas.
A indignación xeral rebordou rúas e prazas, con manifestacións de magnitude tal que non se lembraban dende había moitos anos. As protestas, dirixidas por xente moza, espalláronse por todas partes. Non foron convocadas por partido políticos ou sindicatos, senón a través das redes sociais, como acontecera en Chile había un ano. A poboación apoiounos. Segundo unha enquisa da consultora Ipsos, o 86% da cidadanía concordou coas manifestacións e só o 9% dixo que confiaba no Congreso. As masivas mobilizacións obrigaron aos políticos da maioría a recuar: renunciou o candidato que propuxeran para a presidencia do país e, no seu lugar, nomeouse a un político de consenso, que apoiara aos manifestantes.
No Perú, o desprestixio da clase política ven de lonxe. Amósao con claridade o feito de que, nos últimos 30 anos, tódolos presidentes foron destituídos por corrupción. O primeiro desa lista foi Alberto Fujimori, pai da rival de Pedro Castillo nas últimas eleccións. Fujimori dera un golpe de Estado no 1992. Oito anos despois tivo que fuxir, pero foi extraditado e condenado a 25 anos por crimes de lesa humanidade e corrupción.
Coma en Chile
Nas manifestacións de novembro, que foron reprimidas con tal violencia que provocou mortos e centos de feridos, resultou evidente o rexeite xeral da cidadanía contra unha clase política que provoca sospeitas permanentes e fundadas de corrupción. Nos primeiro intres, as manifestacións foran convocadas en defensa da democracia, fronte ao golpe de Estado promovido polo Parlamento. Pero, axiña, o clamor por unha nova Constitución, pasou a ser o protagonista. Confirmao unha sondaxe de opinión, publicada pouco despois, do Instituto de Estudos Peruanos (IEP); indica que o 97% dos enquisados desexa o cambio (ou a reforma) do texto constitucional.
As mobilizacións tiñan algunhas características comúns co “estoupido social” que acontecera un ano antes en Chile. De feito, a actual Constitución peruana tamén é herdanza doutro ditador: Alberto Fujimori. En Chile, as manifestacións acurralaran ao goberno e forzáran-o a convocar un plebiscito histórico, para cambiar a Constitución do país, que se mantiña dende a ditadura de Pinochet [O plebiscito chileno celebrouse o pasado mes de outubro e obtivo o voto favorable do 78% da poboación].
O labrego contra a candidata “made in USA”
O pasado mes de abril, celebráronse no país eleccións primarias para designar aos dous candidatos que disputarían, nunha segunda volta, a presidencia da República. Os dous máis votados foron:
- Pedro Castillo, un labrego dos Andes, descoñecido pola clase política e a meirande parte da poboación urbana. Traballou a súa vida toda nunha vila rural onde ensina aos seus alumnos – ademais das materias habituais – a cultivar a terra.
- Keiko Fujimori, formada nos EEUU en Dirección de empresas, presentárase ás eleccións presidencias noutras tres ocasións. No 2018, foi detida e acusada de organización delituosa, branqueo de capitais, obstrución á xustiza e falso testemuño, delitos polos que a Fiscalía pide 30 anos de prisión para ela. Logo de botar algo mais dun ano na cadea, atópase en liberdade provisional a agardar o xuizo. O seu pai, o expresidente e ditador Alberto Fujimori, foi quen impuxo o modelo neoliberal, aínda vixente no Perú.
“Isto ten que rematar”
Ao ser elixido candidato, Pedro Castillo manifestou: “Hai unha indiferenza total do Estado. Hai xente que non ten nada que comer á beira de millonarios que viven en mansións, que se apoderaron de todo, mesmo da dignidade das persoas. Isto ten que rematar. A segunda volta das eleccións vexoa entre ricos e pobres, entre os patróns e os obreiros, entre Lima e o interior do país”.
As súas propostas electorais básicas foron:
- Fortalecer ao Estado, dándolle un papel de liderado na economía, e facendo que asuma a obriga de garantir os dereitos básicos.
- Convocar unha asemblea constituínte, na que o 60% dos delegados/as procedan de organizacións populares.
- Elección de autoridades xudiciais polo voto da cidadanía.
Tamén dixo que – se fose elixido – renunciaría ao soldo de presidente e mantería o seu salario coma mestre rural.
Ou Lima ou nada
No Perú, o clasismo e mailo racismo son abafantes. O antropólogo peruano Ollantay Itzamná afirma que o Perú e un dos países más racistas de América. A campaña electoral da segunda volta para a Presidencia, amosou en toda a súa crueza esa eiva.
Ata agora, os candidatos que aspiraban a dirixir o Perú, se non facían campaña en Lima, non aparecían nas enquisas nin nos medios de comunicación. Pedro Castillo non o fixo na primeira volta. Así que a súa presenza na segunda, coma o candidato máis votado, foi un terremoto político para a elite, temerosa da aparición dun líder nativo, que devolvera a esperanza ás clases populares.
A reacción da dereita, ao coñecerse os resultados da primeira volta electoral, foi crear algo unha fronte de “peruanos contra o comunismo”, que incluíu a medios de comunicación, empresarios, autoridades relixiosas, escritores, deportistas, coordinados pra atacar, dende distintas frontes, a Pedro Castillo.
O demócrata Vargas Llosa
Mesmo o sector da dereita peruana que se tiña declarado “anti-fujimorista”, aliouse coa filla do ditador. Velaí o acontecido co escritor Mario Vargas Llosa. Hai anos, dixera que “o peor que lle podería pasar ao país” sería que Keiko Fujimori fose a súa presidenta; pero – durante esta última campaña – pediu voto a prol dela, dixo. “se ela chega ao poder, hai posibilidades de salvar á nosa democracia, mentres que con Pedro Castillo non hai ningúnha”. Enténdese ben o sensibilidade que o escritor ten para con a democracia: abonda dicir que apoiou o golpe de Estado en Bolivia contra Evo Morales.
Deste xeito, Keiko Fujimori fixo a súa campaña presentándose coma a opción fronte ao comunismo e ao terrorismo. Táctica semellante non é cousa rara no Perú. Como cita a BBC, nun artigo, no que describe como a clase política peruana adoita utilizar falsas acusacións, contra quen se afaste da orde establecida: “Calquera que queira pensar no ben común, que teña ideas máis progresistas, que proteste, que use o seu dereito á crítica, será asociado ao terrorismo”
Unha vikinga no Perú
Seguindo a mesma liña, a candidata dereitista tamén acusou a Pedro Castillo de machista, presentándose ela coma defensora dos dereitos das mulleres.
En resposta a esta acusación, a feminista peruana Gabriela Wiener, publicou un artigo no xornal The New York Times no que, ao anunciar o seu voto a prol de Pedro Castillo, escribiu: “Será un voto para o cambio, logo de 30 anos de neoliberalismo, que afectou especialmente ás mulleres traballadoras e pobres”. E, sobre Keiko Fujimori, engadiu: “Estamos a falar da líder dun partido que, nos últimos anos no Congreso, bloqueou moitas das iniciativas lexislativas que poderían mellorar as condicións de vida das mulleres e da comunidade LGBTIQ+; dun grupo parlamentario que pactou con integristas relixiosos e mesmo defendeu a un xuíz investigado por corrupción e por absolver ou reducir as condenas a violadores de menores”.
Cando o reconto de votos estaba perto do remate, Keiko recorreu á mesma táctica que utilizara Trump nas últimas eleccións nos Estados Unidos: acusar, sen probas, de fraude electoral masivo. Isto, malia que, no Perú, tódolos observadores internacionais, incluíndo a OEA, manifestaron que as eleccións foran limpas. Por iso, nun novo artigo, Gabriela Wiener, ven de comparar – con retranca – a Keiko co “vikingo” que dirixiu o asalto ao Capitolio de Washington, para tentar evitar a derrota electoral de Trump, pero – como di Wiener – “a farsa rematou”.
O comezo da andaina
Por iso, a partir de agora, no Perú, ábrese un horizonte cheo de esperanza para o seu pobo. O 28 de xullo, xusto cando se celebra o aniversario dos 200 anos da independencia de España, Pedro Castillo será nomeado presidente do país e comezará a andaina peruana cara a unha sociedade máis xusta, participativa e integradora.