Por que a oposición venezolana non ten sido capaz de gañar nas elecións.

 

 

Nun documental que Netflix xa retirou, “Masacre en el Estadio”, dirixido por Bent-Jorgen Perlmutt, referido á morte de Victor Jara, hai tres minutos que explicarían a situación actual de Venezuela.
Nunha carta desclasificada, Henry Kissinger manifestaba a súa preocupación ao presidente Nixon, pola vitoria de Allende, en Chile: “Non podemos opoñernos á súa lexitimidade porque foi elixido legalmente. Temos que socavar a súa capacidade para gobernar e que non se mostre ao mundo como un modelo de éxito”(min. 40 do documental).
En Venezuela, despois de perder case todas as eleccións, a oposición máis radical ven tomando a determinación de non presentarse; xa o fixo con Chavez e tamén con Maduro. Ampáranse nesa ausencia e boicot activo para eludir a legalidade e lexitimidade que aparentemente preocupaban a Kissinger.

A emigración venezolana comeza a ser mal acollida

Nos últimos anos, a propaganda e virulencia da oposición cada vez resulta máis notoria. Con todo, é posíbel que esa agresividade non teña favorecido as simpatías á causa opositora no senso que eles pensan. O aumento de emigrantes venezolanos retornados fai mais visíbel a súa ideoloxía impermeábel. Os seus insultos, transcenderon Venezuela e extenderonse a Podemos, PSOE, EU, non digamos Zapatero e nalgún momento chegaron a acadar ao Papa Francisco, ao que lle chamaron “basura”, “falso” e “interesado”, por non querer pronunciarse sobre o asunto venezolano no momento mais álxido, e manifestar  que temía un derramamento de sangue.

A pesar de ser tratados con mimo polos medios, esta postura, así como as súas actitudes persoais, provocoulles problemas nos países de acollida. Aínda que agora se percibe mais prudencia, hai uns meses, aqui en Galicia, non era difícil que un venezolano nun atutobus vociferase contra a Pablo Iglesias e Pedro Sanchez, ignorando que posiblemente estaba irritando a mais do 50% dos usuarios do autobus.

Esta actitude en Galicia calmouse a medida que Guaidó se desinfla.

En America latina a xenofobia contra os venezolanos é xa preocupante en todos os países aos que teñen chegado nun número importante. En Panamá abundan as queixas de que non respectan as normas mínimas de convivencia. En Perú e Ecuador producíronse manifestación xenófobas. Os arxentinos non os queren.

Demasiados venezolanos? Desde logo é un factor, pero hai algo máis. Ten que ver coa idiosincrasia do país. Os venezolanos son doces e espontáneos e tamén algo excesivos. Din que o clima inflúe no carácter. Venezuela é terra de choivas torrenciais. Cando os venezolanos se poñen en modo torrentera non hai argumento que os pare.

Meter a un habitante dos “cerros” no meu piso! Os novos problemas da clase acomodada.

En décadas anteriores, en Venezuela ningún trámite administrativo se levaba a cabo seguindo unha norma estrita e case todo se podía “arreglar”, desde a compra do carné de conducir até a realización desde o estranxeiro de trámites que en teoría requirían presenza persoal. Era un sistema viciado, aceptado tanto polos funcionarios, que recibían os subornos, como pola cidadanía. Desde a chegada de Chávez, e a pesar de que segue habendo corrupción, xa non é tan doado saltarse  todas as normas, algo ao que a moitos lles resulta difícil acostumarse.

Eses mesmos sectores tampouco aceptan que as regras do xogo tiveron que cambiar cando máis do 60% da poboación, que vivía por debaixo dos límites da pobreza, acadou o poder.

O descoñecemento por parte das clases acomodadas do que hai máis alá da súa urbanización ou do seu centro comercial, non soportan que a Misión Vivienda edificase en Barrios “normales”, e que nalguns casos os antigos habitantes dos ranchitos se convirtan en veciños. Ambas partes necesitan tempo para adaptarse e convivir.

O límite á compra de dólares tamén supuxo unha modificación importante. A fuga de divisas non resulta tan doada.
Os venezolanos acomodados nunca creron no Estado e sempre preferiron pagar seguridade privada antes que impostos. Un país seguro pasa, non obstante, porque a pobreza non supere certos índices e iso fai necesaria unha política económica e de reparto.

A oposición que quere volver atrás no tempo

O chavismo xestouse entre o malestar do exército despois do caracazo (no cal morreron entre 300 e 3500 persoas, por disparos pola Policia Metropolitana e Garda Nacional). Unha parte do exército adquiriu conciencia da situación do país despois da matanza.

A corrupción xeneralizada nas institucións, facía que só as instrucións dadas polo exército, que funciona con maior disciplina, se levasen a cabo. De aí que o exército siga tendo un papel relevante na aplicación dos cambios nos últimos anos. Até agora, a pesar das chamadas a un golpe por parte da oposición, os militares teñen sido fieis aos resultados electorais.

É a oposición civil a que se ten mostrado incapaz de manter o control da situación: En primeiro lugar chegou a un punto de non retorno. Só admite volver á situación anterior ao chavismo, de feito nada mais ganar na Asamblea Nacional as súas primieria iniciativas foi dirixidas a paralizar a construción de vivendas para os necesitados.

Isto resulta inasumible para unha gran parte da poboación que, estando descontenta con Maduro, ten medo a estas posturas maximalistas. Hai que ter en conta que, na época de Chávez, o país reduciu o índice de pobreza do 62,1% de 2003 ao 31,9% de 2011. A porcentaxe de venezolanos “sen alimentación mínima” pasou do 16% do ano 2000 ao 5% de 2011, porcentaxe similar a de España, EEUU, ou Alemaña. En 2013 e 2015 Venezuela foi premiada pola FAO por conseguir taxas de desnutrición por debaixo do 5%. A UNESCO declarou a Venezuela libre de analfabetismo, ao reducilo do 9,1% ao 4,9%. Tamén se incrementou o número de persoas que ten acceso á sanidade pública.

A oposición non pode ignorar estes logros e volver a 1998. Ese 62% de pobres, que había en 2003, ten dereito a voto e non está disposto a que a súa situación volva empeorar polas boas e parece que son bastante conscientes de quen son os responsables da falta de suministros producida hoxe en día polo bloqueo.

En segundo lugar, a oposición foi incapaz, ao longo de todos estes anos, de unirse e de articular unha política propia. Basta seguilos nas súas páxinas na redes. As súas únicas esperanzas radican nunha solución que chegue de fóra ou nun militar desertor.
Puideron presentarse as elección da Asamblea Constituínte, tiñan serias opcións de ganar. Pero a parte máis radical non se presentou.

O día da votación o sector máis radical da oposición levantou barricadas. En Caracas, chegou a producirse unha explosión ao paso dun convoi motorizado da policía, co resultado de varios policías feridos. Aínda así, máis de oito millóns de venezolanos saíron a votar. Algo mais de 5,8 millóns de votos pola proposta bolivariana e 2,7 millóns de votos repartidos entre os candidatos opositores Falcón e Bertucci que non se sumaron ao boicot.

As eleccións foron tachadas de fraudulentas pola oposición radical. A ONU negouse a supervisalas. Si o fixo o Consello de Expertos Electorais de Latinoamérica quen certificou a súa transparencia. O daquela Presidente do Tribunal Supremo de Ecuador e presidente do devandito Consello manifestou: “Estivemos nas auditorías dos días previos á elección, constatamos a legalidade da convocatoria á Asemblea Nacional Constituínte e a forma de reparto e elección dos membros da Asemblea. O que nos parece democrático e garante a participación”.

Pese a que a maioría dos partidos opositores non inscribiron candidatos e pese ao temor á violencia, a participación acadou o 41,53%. Máis ou menos, a habitual nos Estados Unidos.

Volvemos a Kissinger. Discutir a lexitimidade do Goberno para poder xustificar intervencións directas.

Un meme difundido hai meses pola oposición decia: “Trump, si nos sacas a Maduro, te construímos el muro y te lo pintamos”. Unha frase que resume case todas as razóns polas que á oposición lles resulta imposible organizarse: dependencia organizativa, servilismo e incapacidade de recoñecerse como eses emigrantes que quedan fóra do muro, como uns latinos máis, que só teñen que venderlle petróleo barato ao tío Sam.

Comparte:

Artigos recentes