Que teñen en común o mellor chocolate do mundo e uns mercenarios estadounidenses?

Falar do mellor chocolate do mundo, é falar da súa materia prima, o cacao, posto que se esta non é a mellor, dificilmente poderase producir o mellor produto final. Despois, dependerá do seu refinado e dos ingredientes cos que se mesture. Será difícil dicir cal é o mellor chocolate, sen dúbida non un industrial, probabelmente o fabricado por algún mestre chocolateiro, Suizo ou Belga. Pero non existe resposta clara a esta pregunta, porque a fin de contas, dependerá tamén do padal de quen o cate.

Do que, como dicíamos ao primeiro, non pode existir dúbida é que sen a mellor materia prima non se pode producir o mellor produto final.

 

E cal é esta materia prima?

Existen tres variedades principais de cacao, o Forasteiro, o Crioulo e o Trinitario. A máis abundante e máis utilizada pola industria é o Forasteiro, pola súa maior resistencia ás pragas, pero tamén ten un grado de acidez e amargor máis grande. O máis valorado pero máis escaso polo antedito (mellor sabor pero menor resistencia) é o Crioulo.

Asemade, entre o cacao crioulo, como acontece coas uvas de viño, que poden ser de branco ou tinto, pero teñen subvariedades, tamén hai diferencias. Igual que co viño e co chocolate, co cacao tamén haberá sempre unha cuestión de gustos, e moita xente dirá que o da súa comarca é o mellor. Pero, no caso que nos ocupa, aínda que será imposibel atopar unanimidade, si hai indicios de que un pequeno pobo, cunha pequena produción comunal, ten o mellor ou, ao menos, un dos mellores do planeta.

Neste caso coinciden tanto os habitantes do pobo onde se produce, como mestres chocolateiros, alén de páxinas internacionais dedicadas ao produto. Despois, claro, haberá premios que -coma co viño- mércanse segundo cantos cartos esteas disposto a pagar, pero non é esta a situación da que estamos a falar.

 

 

De Suiza ao Caribe

Quen estas liñas escribe, coñeceu por primeira vez este cacao nunha chocolataría do pobo Suizo de Rolle, onde un mestre chocolateiro moi reputado, vendía entre outras moitas delicias, chocolate por peso, fabricado artesanalmente, indicando o seu país de procedencia. Pero, para o máis caro, ademais do país, concretaba o nome do lugar específico onde se producía.

Cousas do destino, anos despois, eu remataría vivindo nese país e sendo a aldea produtora dese cacao un dos meus recunchos favoritos neste planeta que chamamos Terra.

O cacao do que falo é o producido na parroquia de Chuao, pertencente ao municipio Santiago Mariño, nas montañas ao oeste de Caracas, en Venezuela. A esta aldea o acceso só é posíbel en lancha, xa que está nunha zona moi inaccesibel entre a montaña e o mar. É unha poboación de pescadores e labregas.

 

 

O que fai que este cacao teña unha calidade tan excelente, non é só a súa variedade (que pertence á xa citada variedade Crioula), nin a composición da súa terra, nin sequera o perfecto clima para a produción deste froito, entre o bosque tropical húmido e o mar caribe, senón e sobre todo, á produción artesanal, sen absolutamente ningún produto químico, nin maquinaria sofisticada, só as mesmas técnicas melloradas ao longo dos séculos polos descendentes dos africanos secuestrados e levados a esas terras xustamente para a produción de bens coma ese.

Como, ademais, a propiedade das árbores é comunal, o pobo de Chuao trata con máis agarimo aínda o que produce, ao ser seu. Tamén por iso, desgústalles que os forasteiros se sirvan (sen preguntar) os froitos aos que tanto aprezo teñen.

O tema dos forasteiros, lévanos á segunda parte da pregunta exposta no título.

 

Marines ianquis e chocolate?

Que foi o que fixo que, hai días, esta pequena parroquia, de 2.331 habitantes, saltara ás portadas dos medios nacionais venezolanos e internacionais? O seu magnífico cacao e chocolate? Non.

Foi o feito de que, como dixeramos anteriormente, os chuaoenses non son afeccionados a que forasteiros veñan roubar o que eles traballaron tanto. Neste caso, a súa democracia.

O 4 de maio de 2020, entre un grupo de mercenarios tentando entrar ao país para secuestrar ou asasinar ao seu presidente Nicolás Maduro, foron detidos dous ex-marines das forzas especiais estadounidenses, Luke Denman e Airan Berry.

O poético do asunto foi que, estes militares que nas películas de Hollywood preséntanse como invencíbeis, non foron detidos por un exercito fanático ás ordes de malvados narcoditadores, senón por un pobo consciente, organizado e amante da súa liberdade e democracia, neste caso encarnado nuns pescadores que forman todos e todas, voluntariamente, parte da milicia bolivariana. Esta é unha institución da cal tendían a burlarse as clases medias-altas e a oligarquía venezolanas, con epítetos como “miliancianos”, xa que neste corpo, ademais de operarios de todo tipo hai tamén xubilados que non perderon as ganas de vivir nin de defender a súa patria.

Toda esta situación, deixou unha foto que tería sido portada de moitos xornais no Estado español e internacionalmente, de non ser porque resumía moi ben o que non querían destacar. Era unha elocuente estampa de marines no chan, atados con anacos de nailon das redes dos pescadores, e de fondo, un mural, “Casa del Pescador Socialista de Chuao”.

Agora xa sabes, de onde ven o mellor chocolate do mundo, e que o que contan nas películas e nos medios é moitas veces mentira.