Quen somos

 

  • Somos un grupo de persoas, de diferentes referencias ideolóxicas, interesadas en coñecer e espallar a situación en Latinoamérica (e especialmente en Venezuela) -que está a vivir un dos seus momentos históricos máis tensos e esperanzadores- así como as súas causas e consecuencias.
  • A nosa América” (coma din aló), foi considerada sempre polos Estados Unidos coma  un territorio da súa propiedade, sobre o que tenta exercer (con pouco disimulo) o seu control político e económico, incluíndo -cando compre- golpes de estado.
  • Por ese motivo, Venezuela -igual que Cuba- están a aturar continuas agresións e un bloqueo económico e comercial, dirixido polo Goberno dos EEUU, que lles impide comprar ao exterior toda caste de produtos, mesmo alimentos e menciñas.
  • Para ocultar ou xustificar esas agresións, a meirande parte dos medios de comunicación manipulan as novas referidas a esa área xeográfica, tan vencellada afectivamente á nosa terra.

Obxectivo

  • A Agrupación Xosé Velo, ten como obxectivo básico espallar información veraz da realidade política, social, cultural e económica de Latinoamérica e fomentar o uso da opinión crítica, fronte aos medios de comunicación.

Nome

  • A nosa Agrupación tomou o nome dun histórico loitador, Xosé Velo Mosquera (Celanova 1916 – Sao Paulo 1972), galeguista, republicano e internacionalista, quen mantivo unha longa e intensa presenza en Latinoamérica, nomeadamente en Venezuela.
  • Foi -ante todo- unha persoa de acción e, tamén un pensador, poeta e escritor, que defendeu con firmeza a Galiza e a Latinoamérica. Orador carismático e loitador incansable, do que escribiuse que é da “caste de homes chamados a mover o mundo”.
  • Participou activamente na resistencia contra a ditadura de Franco, polo que foi detido e torturado. En 1948 tivo que fuxir cara a Venezuela, onde fundou -ese mesmo ano- o “Lar Galego”, institución ao servizo dos nosos emigrantes.
  • Defensor da unidade de acción dos diferentes partidos e organizacións progresistas, creou o “Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación”, para loitar contra as ditaduras de Franco e Oliveira Salazar.
  • En 1961, dirixiu unha audaz operación que conmoveu ao mundo: a captura do buque portugués “Santa María” (ao que lle mudou o nome polo de “Santa Liberdade”), que transportaba unhas 1.000 persoas entre pasaxeiros e tripulantes. A operación rematou no Brasil, onde a Velo concedéuselle asilo político; alí fundou a libraría e editorial “Nós”. Faleceu aos 55 anos de idade e foi soterrado baixo a bandeira galega.